Samuel é un rapaz de Chapela, iso si fillo de redondelán, que acaba de acadar o campionato de España da categoría elite de ciclismo. Esta é unha categoría antesala do ciclismo profesional, o último chanzo ata competir contra as máximas figuras do pelotón internacional. A vitoria de Samuel é enormemente meritoria, pois o campionato supón unha carreira que se disputa xunto cos mellores ciclistas de España ao mesmo tempo. Computando o concurso dos profesionais, Samuel, obtivo un magnífico noveno posto absoluto. Talento de Chapela en estado puro, é Samuel. Teño a convicción de que pronto o veremos nas escarpadas costas dos Alpes franceses ao carón da elite do ciclismo mundial. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“A PRÁCTICA DO CICLISMO ACHEGA UNS VALORES ENORMEMENTE ÚTILES PARA A VIDA”
Nun principio gustaríame moito darche os parabéns polos teus éxitos deportivos: un mozo de Chapela, nin máis nin menos que campión de España na clase elite de ciclismo en estrada
Moitas grazas a vós polo espazo na difusión do noso deporte. Evidentemente os éxitos , especialmente cando fas algo que che encanta, son enormemente agradables. E, en boa medida veñen recompensar os momentos duros , que tamén ten a práctica deportiva.
A orografía e a climatoloxía galegas, non fan especialmente duros os adestramentos?
Si, abofé que é así. Galicia é preciosa pero a súa forma física e o seu clima non son precisamente os máis adecuados para a práctica do ciclismo. Como che dixen antes, o campionato de España compensa todos os malos momentos pasados.
Cantos anos tes, e cóntanos as principais características do teu triunfo?
Eu teño 26 anos, e no que respecta a esta carreira en concreto xúntamonos os elites cos corredores profesionais, eles disputan a súa carreira e nós a nosa. Eu gañei a miña categoría e fixen noveno absoluto contando a todos os profesionais. E co que me quedo é alén do triunfo no campionato con saber que teño nivel para competir cos mellores
En Galicia tes acadado todo tipo de éxitos verdade?
Menos a xeral da volta a Coruña si. Teño campionatos de crono e de fondo
Soñaras algunha vez co campionato de España?
Ilusión si que tiña, pero a verdade non pensei que puidera chegar a ser unha realidade
Concrétanos un pouco máis que é a clase elite?
É a categoría inmediatamente anterior a profesionais. Traballas e adestras igual ca un profesional
E iso que supón?
Pois unhas catro horas diarias de adestramento, e logo coidarse moitísimo as 20 restantes para podermos estar nas mellores condicións físicas posibles. Esta categoría implica que vivas por e para o ciclismo, que é o único modo posible de poder, algún día, chegar a ser profesional
E como asumes que estás entre os 10 mellores ciclistas de España?
Iso é matizable. Así foi naquela marabillosa carreira, pero o ciclismo ten moitos condicionantes, e un día podes rodar xenial, e ao seguinte ir moito peor. Oxalá algún día poida estar na elite real do ciclismo español, pero aínda teño que engrosar moi moito o meu palmarés
Cando comezou a túa relación co ciclismo?
Eu comecei non club ciclista vigués , con 16 anos, na categoría xuvenil. Comecei un pouco tarde na competición
E a andar en Bici?
Desde que teño memoria
Cando comezaches no equipo xuvenil, tivestes que pór cartos?
Ao principio, cando era xuvenil, a miña familia para mercar material, si, claro.
Ti aspiras a ter unha carreira profesional?
Vou tentalo con todas as miñas forzas, desde logo que si.
Se cadra a competición máis mediática no voso deporte é o Tour de Francia. Cal é o perfil adecuado, para ti, que debe de ter un potencial gañador desta carreira?
O Tour é unha carreira de tres semanas de duración que ante todo e sobre todo esixe unha enorme regularidade. Asemade para podelo gañar ten que ser un ciclista completo; alguén que domine moi ben, tanto a montaña como a contrareloxo. E ten que ter un equipo moi sólido para que lle axude a resistir 3 semanas. Ten que saber ler moi ben a carreira para interpretar ben as fugas e ter un importante compoñente de frialdade.
E os campionatos de España ou do mundo?
Son diferentes, pois soen ser competicións dun día nun circuíto. E quen a gañe, é o mellor dese día
Un ciclista, cando remata a súa carreira deportiva ten opción de orientar a súa vida profesional de maneira que siga relacionado con este deporte?
Na categoría elite non é posible vivir do ciclismo , a non ser que teñas outro traballo que complemente os teus ingresos. No círculo profesional, si que é posible vivir do ciclismo. Incluso, como profesional, si que podes chegar a gañar moitos cartos, pero claro, durante pouco tempo. Xa que logo cómpre ser responsable e pensar que a despois de que remate a vida deportiva, se todo vai ben, aínda quedan moitos anos de vida física
Que supón que a carreira profesional sexa máis ou menos longa?
Eu creo que as motivacións persoais xogan un papel moi relevante no descorrer da carreira dun deportista
A práctica deste deporte pode axudar na vida en xeral?
Si, eu creo que si. O ciclismo achega uns valores de superación, e non renderse nunca que eu creo que son moi apropiados para os problemas que inevitablemente todos temos na vida
O ciclismo, non cres que está infra promocionado en relación co inmenso esforzo que supón a súa práctica?
Si, si que o penso. Todos tiramos un pouco máis polo noso, claro, pero creo que obxectivamente si que se pode dicir que o noso deporte, por todo o que supón, polo fermoso e polo duro que é merece moita máis repercusión da que ten en realidade.