Alumna afectada pola decisión de retirar a FP presencial en Chapelas
En pasadas edicións informabamos de que a Consellería de Educación decidía , sen previo aviso, suprimir o ensino presencial de varios ciclos formativos de FP e trasladalos á modalidade de educación a distancia. En Chapela son varias decenas de persoas que se ven afectadas por esta decisión , moi nna liña das políticas do PP. Nós falamos con Helena, unha muller de 47 anos cun fillo e unha filla, que decide seguir formándose e que agora se ve seriamente afectada por esta decisión administrativa.
“Retirar a FP presencial é un despropósito, non ten o máis mínimo sentido”
A que te dedicas?
Eu son mariscadora en Arcade, pero a cousa non está nada ben , xa que logo decidín estudar unha FP para buscar vías alternativas.
Non debe de ser fácil compatibilizar o estudo co traballo?.
Ben, agora hai moi pouco marisco e só estamos indo, como moito, oito días ao mes. A cousa está tan mal que ás veces non chega nin para pagar a Seguridade Social.
Pero a confraría de Arcade sementa acotío. Non entendo porque hai tan pouco marisco?
Seica hai unha invasión dun peixe estraño, unha especie de raia, que está a comer a semente da ameixa. Esta é unha profesión complexa. Levo 11 anos mariscando e creo que en todo este tempo iría a cousa ben como moito tres anos
E como é que decidiches estudar unha FP?
Eu estudei matemáticas, pero non puiden rematar a carreira, porén sempre tiven interese en aprender e en continuar formándome. Estou facendo a FP de educación infantil porque a docencia é un mundo que me atrae especialmente.
Canto tempo levas cursando FP?
Fixen o curso pasado.
E chegamos ao momento actual en que a Xunta, de maneira unilateral, decide eliminar as clases presenciais e substituílas pola modalidade de distancia?
Pois si. E considero que é unha decisión absolutamente desacertada. A min persoalmente, e creo que é o sentir xeral, favoréceme moito ter un mestre ou unha mestra que me axude e explique. A aprendizaxe práctica dos conceptos e coñecementos recibidos non é posible recibila se non é de xeito presencial. Xa me diredes como se pode ensinar a distancia a cambiar un cueiro, ou a bañar un neno, ou a adormecer a unha crianza.
Como coñecedes esta decisión da Xunta?
Comunicáronnolo os mestres. Nós non sabiamos nada. E foi todo con moi pouco tempo de marxe, case sen tempo para podermos facer nada.
Fixestes algunha mobilización non?
Si, en Chapela. E en Santiago fixemos unha concentración ante o parlamento.
Veslle algún sentido a todo isto?
Non, é un absoluto despropósito. Prexudica a moita xente e non vexo que beneficie a ninguén. Os docentes en Chapela levan moito tempo impartindo este ciclo. Hai recursos humanos, materiais e físicos. Non ten sentido suprimilo.
Sabemos se o conselleiro deu algún tipo de explicación dos motivos que levaron a esta decisión?
Pois parece ser que non .Foi preguntado ao respecto en sede parlamentar pero non dixo ningunha razón en concreto. A única explicación que se me ocorre é que se trate de beneficiar á educación privada porque non son capaz de ver ningunha outra.
En que situación quedades as persoas que queredes continuar estudando os ciclos que tiñades comezado?
Non nos deixan alternativa que seguir facéndoo á distancia.
Ides continuar coas mobilizacións?
Esa é a nosa intención, si.