Pementos de padrón

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Alonso. Correspondente de A Nova Peneira en Euskadi
Xoán Alonso. Correspondente de A Nova Peneira en Euskadi

A festa da democracia é como os pementos de Padrón; uns votan e outros non.

Deste xeito remataba o artigo de A nova Peneira de Xuño laiándome do alto índice de abstención nos últimos comícios municipais en Redondela. Preto de cincocentos veciños e veciñas uníronse aos oito mil douscentos, que, no ano 2019, decidiron que ningún dos partidos políticos os representaban.

Estes datos poderían pasar desapercibidos, pero, ao meu entender, que a abstención sexa maior cas tres opcións da esquerda xuntas, Psoe, B.N.G e AER, que poderían, poden e deben formar goberno, falan alto e claro do alonxados que están do mundo. Por iso, chego a concordar co voceiro do Partido Popular de Redondela, Javier Bas, cando reclama o seu papel para acadar a uns acordos mínimos para que  comece a traballar o novo equipo de goberno. Un goberno lexítimo e de esquerdas.

O certo é que, visto o acontecido no derradeiro pleno, a posíbel peor alcaldesa do Partido Socialista de Redondela, Digna Rivas, amosou as súas carencias e a súa incapacidade para formar goberno. Segundo o falado en catro anos, na campaña e logo das eleccións ninguén ofrece un pataco pola palabra de Digna Rivas.

Hai traballos que se teñen que facer na casa antes  de dala cara, pese a quen lle pese, custe o que custe, porque se non, a imaxe de inestabilade que proxectas sementa dúbidas e resta credibilidade.

O que debería ter sido un paseo triunfal tornou nun pleno cheo de reproches e improvisación entre os partidos que, repito,  poden e deben formar goberno. Non hai outra volta nin outra saída se queren atendela vontade do pobo.

Cada un ten que turrar e cargar ca súa responsabilidade polo que non entendo a posición do B.N.G. que sendo o terceiro partido máis votado, rexeite formar parte dun goberno tripartito, tendo a posibilidade de levar e dirixir concellerías cas que facer país.

A imaxe que se ofreceu á cidadanía foi dunha pobreza e falla de sensibilidade brutal.

Digna Rivas aguantando para que o tellado do seu castelo de arena non se derrubara cas primeiras choivas do verán.Un tellado apuntalado a tres bandas, a bandazos, a balazos.

O voceiro de A.E.R, Roberto Villar, apelando á democracia, pregoando no deserto cas costas moradas logo do batacazo electoral. Exixíndolles aos partidos dun posible pacto de esquerdas transparencia e responsabilidade.

O voceiro do B.N.G, Xoán Carlos González, esquivando a proposta de entrar nun goberno alternativo ao partido máis votado en Redondela.

Un goberno a tres bandas onde o máis lóxico sería que entre os tres grupos se repartisen as áreas de traballo.

Non entanto, o grupo do B.N.G andaba máis preocupado en facer mofa e rir  cando Xoán Carlos se dirixía a A.E.R como grupo mixto, ou cando tentaban eludir calquera responsabilidade.

O voceiro do PP, Javier Bas, nun ton pausado e reflexivo, sabedor da fraxilidade do bloque de esquerdas, pedía tamén o seu espazo. Javier semallaba un vello lobo de mar, afeito a mirarlle os ollos á morte decotío.

Contaba unha muller da illa de Arousa que onde non hai luces, non se pode poñer contador. Canta sabuduría!