Do caciquismo tamén se sae

Paco García Cobas
Paco García Cobas

Os partidos da oposición en Mos deben evitar caer no desánimo ante o aparente control social exercido dende as redes clientelares do PP

A construción dunha alternativa programática sólida e o pulo dos movementos sociais son factores que favorecen o cambio político

PACO GARCÍA COBAS, XORNALISTA

O 28 de maio de 2023, o PP de Nidia Arévalo reforzou a súa maioría absoluta en Mos. A alcaldesa sentiu que as dez actas conseguidas nas eleccións municipais supoñían un referendo a un modelo de xestión baseado no contacto persoal coa veciñanza, a concesión de facilidades a grandes proxectos empresariais e unha intensa actividade propagandística. Unha forma de facer política que os grupos da oposición consideran “caciquil” ou mesmo corrupta, pero que reporta cuantiosos beneficios en termos electorais. Aquela noite do 28 de maio, a desolación era absoluta na sede do PSOE mosense; non tanto na do BNG, que triplicaba a súa representación, pero en ambos lugares había unha certa sensación de impotencia ante a extensión dos tentáculos do PP en todas as parroquias de Mos.

Cos populares exercendo un control absoluto sobre o Concello, a Deputación e a Xunta, as xanelas de oportunidade para a oposición víronse reducidas á mínima expresión. PSOE e BNG quedaron desarmados ante o máis que previsible alude de favores clientelares. E ante un panorama coma este, cales son as perspectivas de futuro? Hai algunha maneira de frear o crecemento dun partido que aplica métodos caciquís e que ten un acceso case ilimitado aos recursos das administracións públicas? Dende logo non é doado, pero tampouco imposible. O caciquismo é un cancro que ameaza con propagarse como a metástase en todos os ámbitos da sociedade, pero a experiencia demostra que ten cura. Só hai que dar co tratamento axeitado.

A raíz do problema

Para extirpar o tumor do caciquismo, o primeiro paso reside en comprender a natureza do problema. De acordo coa ciencia política, as redes clientelares dun partido coma o PP fundaméntanse no intercambio de votos por favores persoais. “Se me das o teu apoio, vas obter un beneficio para ti ou para a túa familia; se non, podes meterte en problemas”. Esa é a lóxica dun modelo de xestión no que a implantación de políticas públicas máis ou menos acertadas ten unha importancia secundaria. Cando recibes un favor político, contraes unha débeda co partido no goberno e unha vez que entras nesa rede é moi difícil saír dela sen recibir represalias. Por este motivo, dá a impresión de que o cancro non para de estenderse.

As redes clientelares do PP fundaméntanse no intercambio de votos por favores”

Os favores que pode conceder unha autoridade política son de moi diversa índole. Os máis evidentes son os relativos ao emprego público, aínda que a asignación a dedo de prazas na Administración pode ter consecuencias penais. Por este motivo, os partidos clientelares procuran meter tamén nesta cadea de favores ao sector privado. A cambio da concesión de facilidades administrativas ou certas vantaxes fiscais, unha empresa pode poñer moitos postos de traballo a disposición do partido no goberno. Deste modo, podemos comprender tamén a natureza doutra das “mercadorías” do caciquismo, como é a aplicación selectiva da normativa. Un alcalde, ou unha alcaldesa, pode axilizarche os trámites burocráticos ou retirarche unha multa se entras no seu xogo clientelar; se non, pode converter a túa vida nun inferno.

Para “enchufar” á veciñanza afín, os gobernantes adoitan botar man tamén da administración paralela (os chamados “chiringuitos”) ou das empresas concesionarias de servizos privatizados, pero non todos os favores están ligados ao emprego. Existen tamén outros relativos á concesión de subvencións, á asignación de partidas discrecionais nos orzamentos anuais ou, directamente, á compra de vontades a través de convites a xantares, viaxes organizadas e agasallos de índole material. Todo o mundo ten un prezo e algúns votantes son máis valiosos ca outros. É moi importante estar a ben coa xente que ten certa reputación social, coas persoas implicadas no tecido asociativo e cos simpatizantes máis entusiastas, aqueles que che poden encher tres autobuses, armados con pancartas e bandeiras, para ir a un mitin do líder supremo na capital da provincia.

O tratamento

Temos claras cales son as causas do problema e coñecemos tamén ben os seus síntomas. O sistema clientelar tende a perpetuar a relación de dependencia da cidadanía con respecto aos cargos políticos, destruíndo deste modo os mecanismos de cooperación entre iguais. Os caciques reprimen calquera iniciativa social, económica ou cultural que escape do seu control, coa fin de que todo o que se faga no seu territorio pase necesariamente polas súas mans. Ante unha situación coma esta, sempre haberá unha porcentaxe maior ou menor da poboación que ofreza resistencia e eses “redutos de rebeldía” son o principio activo da medicina contra o clientelismo.

Calquera tratamento que se pretenda aplicar debe atacar as debilidades do sistema clientelar, unhas debilidades que a ciencia política ten perfectamente identificadas. A primeira delas é, precisamente, a existencia de alternativas políticas ben organizadas. Calquera solución pasa, en primeira instancia, pola presenza dunha oposición capaz de seducir o electorado cun discurso baseado na aplicación de políticas públicas concibidas para o ben común, a igualdade de oportunidades e a supresión dos favoritismos na administración. Resulta conveniente, ademais, que esa alternativa estea o menos fragmentada posible, xa que a división do voto favorecerá sempre a unha candidatura clientelar que non ten rivais no seu espectro ideolóxico.

As alternativas progresistas deben aproveitar as debilidades do poder clientelar”

Outras debilidades do poder caciquil teñen a súa razón de ser na propia evolución da sociedade. Cando se produce unha situación de progreso económico, os cidadáns e as cidadás adquiren unha maior estabilidade vital e, en consecuencia, unha menor dependencia respecto ás autoridades caciquís. Cando un concello experimenta unha explosión demográfica, recibe novas familias que están á marxe das redes clientelares do partido gobernante, cando menos nun primeiro momento. Estas circunstancias explican as reticencias, por parte deste tipo de líderes, a impulsar un modelo económico produtivo e non depredatorio (os macrocomplexos turísticos e os parques eólicos son o mellor exemplo da súa forma de actuar). Isto axuda a comprender, tamén, os motivos polos que Mos, a pesar de contar cun emprazamento xeográfico privilexiado, perde poboación dende a chegada ao poder de Nidia Arévalo. Ao goberno, directamente, non lle interesa que o concello creza.

As redes clientelares fraquean tamén cando se abren procesos de mobilización colectiva que reivindican intereses comúns, ben sexan medioambientais, culturais ou en defensa dos servizos públicos. Un bo exemplo atopámolo, en Mos, co movemento veciñal artellado en contra do pelotazo urbanístico do clan Mouriño, radicado sobre todo en Tameiga, a parroquia onde o PP de Nidia Arévalo obtén, con moita diferenza, os seus peores resultados. As persoas que impulsan estes movementos adoitan estar vinculadas a entidades que teñen relativa independencia económica con respecto ao poder político, como poden ser as comunidades de montes.

A experiencia demostra que, cando se aproveitan estas fraquezas do poder clientelar, o cambio cara a un goberno programático ou progresista é posible. Hai tres factores comúns á maior parte dos casos en que se deu esta situación: a presenza dun movemento social ben organizado en defensa de intereses comúns, a existencia dun liderado político alternativo capaz de rendibilizar as oportunidades que se presenten e a construción dun relato colectivo que permita explicar cales son os problemas derivados das políticas caciquís. En Mos é moi probable que xa se estean dando as dúas primeiras condicións e un dos obxectivos deste artigo é, precisamente, o de contribuír á creación dese marco interpretativo da realidade que nos permita abrir un horizonte de esperanza. Hai alternativa ao caciquismo do PP.

Primer comentario

Deixa a túa opinión