Acto de homenaxe ao guerrilleiro monfortino Ramón Yáñez Pereira en Celanova o domingo 14

Ramón Yáñez Pereira en Celanova
  • O historiador Carlos Morais ofrecerá unha conferencia sobre a figura de Yáñez, delatado e asasinado nunha emboscada na Caseta de Ansemil en xullo do 43.
  • O Comité pola Memória Histórica do Val do Límia e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova sinalarán como lugar de memoria o sitio onde foi morto Yáñez, cuxo nome figurará tamén no memorial ás vítimas da represión soterradas no cemiterio de Celanova.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e o Comité pola Memória Histórica do Val do Límia homenaxearán ao guerrilleiro monfortino Ramón Yáñez Pereira sinalando o lugar onde foi asasinado en 1943 polas forzas franquistas de represión: a Caseta de Ansemil, no termo municipal de Celanova; e cunha conferencia do historiador Carlos Morais no Salón de Arcos da Casa do Concello de Celanova o domingo 14 de xullo ás 11,45 horas.

Os comités convidan a socias e veciñanza a participar da conferencia, na que Morais relatará a vida de Yáñez Pereira, emigrante en Barcelona antes da guerra, cadro comunista na clandestinidade e, finalmente, incorporado á guerrilla na zona do Laboreiro a principios dos anos corenta, que foi delatado en Celanova por un vello coñecido a quen lle veu pedir axuda para fuxir cara ao exilio, mais foi denunciado, emboscado e asasinado o 13 de xullo de 1943.

LOCALIZACIÓN DE FAMILIARES

Segundo a documentación que recuperou Morais, Yáñez Pereira foi soterrado no cemiterio de San Breixo en Celanova, e polo tanto o seu nome figura no memorial ás 88 vítimas da barbarie fascista que alí recibiron sepultura e que se instalará proximamente ao abeiro do Plan Estatal de Exhumacións coordinado pola Grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela, con financiamento público, unha vez que se obteñan os permisos da Xunta de Galiza e do Bispado de Ourense, en trámite.

Desde as asociacións memorialistas lévase desenvolvido este ano unha campaña de busca de familiares de Ramón Yáñez Pereira a través das redes sociais e publicacións en prensa, e solicitase a colaboración da veciñanza con calquera dato sobre a familia que se pode achegar a través do mail memoria.celanova@gmail.com

CARTEIS

Durante o acto no Salón de Arcos, estarán a disposición do público un lote de 30 carteis sobre o suceso da Caseta de Ansemil realizados polo artista celanovés Baldomero Moreiras, que adicará os exemplares, cunha axuda de 3 euros por exemplar para financiamento do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

Nas imaxes anexas: Os cartaces que anuncian a homenaxe, o orixinal de Baldomero Moreiras, do que se distribuirán exemplares no acto.