Galegos polo mundo V

Xosé Abelenda na Suíza

Continuamos na nosa apaixonante viaxe que nos leva a coñecer distintos países do mundo, a través da experiencia de galegas e galegos que viven neles. Nesta V etapa da nosa xeira falamos con Xosé Abelenda un home de Santa Comba,de 44 anos de idade,que leva en Suíza algo máis da metade da súa vida. Xosé é un vello amigo desta casa, gran conversador, que nos contou as súas experiencias neste fermoso país con moita amabilidade. Velaí vai o V episodio desta serie de galegas e galegos polo mundo.

Xosé Abelenda na Suíza

Suíza un país fermoso ateigado de lugares que paga a pena coñecer”

Cóntanos a túa historia persoal. Onde naciches e que pasou na túa vida ata chegares a Suíza?

Eu nacín no ano 1980 en Grixoa de Esternande, unha aldea do concello de Santa Comba. Durante un tempo vivín con familiares porque o meu pai e a miña nai estaban en Suíza. Cando tiña 15 anos os meus país trouxéronme por vez primeira a este país.

Eles levaban tempo en Suíza?

Si, moitos anos. A miña nai estivo un tempo en situación irregular con risco de poder ser expulsada.

A que cidade chegaches?

A Biel, Cantón de Berna. É unha cidade bilingüe. Fálase alemán e francés.

É na cidade que vives agora?

Si. É na que vivo na actualidade e na que vivín a maior parte do tempo desde que cheguei á Suíza. Aínda que tamén estiven vivindo algún período noutras localidades como Lausanne e Xenebra.

Agora tes 44 anos, e entras en Suíza con 15.Estiveches todo ese tempo de maneira ininterrompida no país?

Non. Aos 18 anos volvín a Galiza, e quedei no meu país ata o 2002, ano no que volvín a Suíza ata hoxe.

Cal é a túa profesión?

Son inspector de traballo no sector das telecomunicacións.

Ti vives nunha cidade bilingüe. Como te levas cos idiomas?

Lévome bastante ben. Alén dos dous, que antes mencionei ,que se falan en Biel, tamén falo portugués, retorrománico, español e por suposto o meu idioma propio, o idioma do meu país, o idioma galego.

Cantos habitantes ten Biel?

Ten 55.000

Cóntanos como é a cidade?

É unha cidade industrial. Hai moitas fábricas, especialmente do sector da reloxería. En canto ás paisaxes ten lugares moi bonitos. O lago e as montañas son realmente fermosos. Xa que logo o turismo tamén é importante, pero o motor económico da cidade é sen dúbida a industria. Moitos galegos viñeron gañar a vida aquí. Non podería precisar a cifra con exactitude, pero da miña zona podemos ser tranquilamente 200 persoas. E non podemos esquecer a nosa importancia histórica , pois Biel foi unha das prazas máis importantes dos exércitos napoleónicos.

Que clima tedes?

No inverno fai bastante frío e chove acotío e no verán a calor é intensa.

Que tal se come en Suíza?

Cómese moi ben.

Tan ben como en Galiza?

Non hai ningún sitio do mundo no que se coma tan ben como no noso país. De feito aos suízos encántalles o polbo á feira, aquí chámanlle “ polbo á galega”.

Cales son as comidas típicas?

A cociña suíza está moi influenciada pola italiana e pola francesa. Hai dous alimentos nos que os suízos son especialistas e que neste país posúen unha extraordinaria calidade: os queixos e os chocolates. En canto aos pratos típicos poderíamos salientar:

  • -O Rösti, un prato preparado a base de patacas
  • -A Fondue que é queixo fundido
  • -A Raclette, que son queixos quentes cortados en anacos.
  • E de viños que tal andades?

Aquí hai viños brancos de grande calidade.

Suíza é unha confederación de varios Cantóns. En liñas xerais as persoas séntense suízos ou séntense do seu propio Cantón?

En liñas xerais o suízo séntese primeiro do Cantón no que naceu. De feito a grande maioría das leis son de ámbito cantonal. Logo tamén se sente suízo, pero porque eles o decidiron con liberdade. Ninguén lle obrigou a sentirse parte de algo que non quixeran. Aquí sempre se respectaron as diferencias cantonais. Neste sentido quixera salientar a importancia da democracia directa neste país no que todo se vota.

Hai pobreza?

Si, si que a hai. Hai un sector da sociedade que ten problemas económicos serios e que subsiste grazas aos sistemas de protección social. Estes sistema fináncianse en base aos impostos, neste eido gustaríame destacar un imposto que existe para os practicantes das distintas confesións relixiosas.

Como está a política migratoria na actualidade?

Suíza ten acordos de libre circulación coa UE. Para as persoas de fóra da UE na actualidade é moi complicado entrar no país. No caso de que unha empresa precise contratar a alguén de fóra da UE ten que acreditar de maneira obrigatoria que o perfil que contrata non o puido atopar na unión europea.

Agora ben, Suíza ten moitos quilómetros de fronteira polo tanto é moi permeable á inmigración irregular.

A extrema dereita suíza ten unha penetración importante?

Si, cada vez máis. E o “argumento” que emprega é precisamente ese, o da inmigración.

A comunidade galega en Suíza é moi numerosa?

Oficialmente superamos as 40.000 persoas. Pero en realidade o número é bastante maior, o que acontece é que hai segmentos de persoas que por diversos motivos non se dan de alta no consulado. É unha comunidade moi activa que fai moitas cousas e se preocupa de manter acesos os vínculos emocionais co país.

Como funciona a sanidade?

Funciona moi ben, a atención ao paciente é moi rápida, pero é moi cara. Agora ben, a quen non poida pagala a administración asegúralle unha atención mínima.

Que sitios máis bonitos nos recomendas visitar no país no que vives?

Suíza é un país fermoso con innumerables atractivos. Todo depende do que o visitante busque. Se o que se persegue é estar en contacto coa natureza, pois inevitablemente hai que coñecer os lagos e as montañas, se o que se busca é patrimonio histórico pois en Suíza tamén o hai, e moi importante.

  • -Comezo por varrer para casa e recomendo visitar a miña cidade, Biel, pois o seu lago é particularmente fermoso e na cidade en si podes atopar unha policromía cultural, resultado da emigración, realmente interesante.
  • -A montaña do Jura é espectacular
  • -A cidade de Xenebra, é imperdible. Está ateigada de recunchos máxicos especialmente atractivos.
  • -O Lago de Lucerna é outro dos destinos máis atractivos deste fermoso país.
  • -A illa de San Pedro, no lago de Bienne, un sitio moi bonito no que chegou a vivir un tempo o mesmo Rousseau

-Outro destino moi recomendable é a visita ás minas de sal de Bex. Alén da mina pódese visitar un museo que exhibe o desenrolo da extracción do sal desde o século XVII ata a actualidade.

En definitiva: en Suíza hai grande cantidade de lugares fermosos, recomendo a quen queira e poida que coñeza o país pois teño a certeza de que non lle vai decepcionar.

Rematamos. Que tes pensado para o futuro: quedar xa na Suíza de maneira definitiva? Ou volver ao país?

O meu soño, como o de todos os galegos e galegas que estamos fóra do país, é poder volver a Galiza, o meu país. E tan pronto poida fareino. Eu estou moi agradecido a Suíza, un país que me acolleu e me apoiou, pero eu son galego e cando poida volverei.

Primer comentario

Deixa a túa opinión