A medida que os camiños vitais percorridos fanse máis extensos, e os que aínda quedan por percorrer máis cativos, a memoria ocupa un lugar cada vez máis importante na arquitectura da alma humana. Cando compartimos espazo con outros seres humanos as conversas sobre acontecementos , persoas e experiencias pasadas compartidas ou non, fannos sentir ben e contribúen a construír ambientes de comodidade e calidez. Non se pode vivir sen memoria. Cando unha persoa enferma de alzheimer está nas últimas fases da súa enfermidade perde completamente a conexión coa súa propia identidade, e xa non é. A memoria é a rede que tece as conexións cos que estiveron antes ca nós, cos que se cruzaron con nós nas estradas e meandros das nosas vidas e contribuíron a facer o que somos no presente. O pasado é imprescindible na construción do presente e inevitable no deseño dos soños , esperanzas e expectativas futuras. A memoria pode ser individual , sobre as experiencias de cada un, ou colectiva , sobre os fenómenos históricos que tiveron incidencia nas distintas fases de abalo e devalo da humanidade.
Ambas son imprescindibles e igual de importantes. Coñecer a historia persoal fainos tomar consciencia do noso lugar no mundo e serve para entender o que somos, alén de para manter vivo o recordo das xeracións pasadas nas xeracións futuras. E dignificar a memoria colectiva de quen se comprometeu, da forma e maneira que sexa, en tratar de facer mellor á humanidade é un acto de xustiza para quen arriscou o seu benestar persoal, en moitas ocasións chegando a perder a propia vida, para que os seus semellantes puideran vivir mellor.
Este traballo de dignificación da memoria de outros que estiveron antes ca nós, e sufriron a represión das gadoupas da besta do fascismo, é o que fan( entre outras cousas) os membros do colectivo protagonista desta reportaxe:”A Memoria é náufraga”.Eles desenvolven as súas actividades nunha casa do Concello de Bóveda. Propiedade do profesor de música Julio Costa. Na devandita casa foi apresado, Manuel Díaz González( 1886-1936) antigo alcalde republicano do Incio, médico de notables cualidades humanas, era chamado o “ médico dos pobres” por non lle cobrar os seus servizos a quen non os puidera pagar, e home comprometido co ben común.
Neste sentido de dignificar a memoria dun home honrado, asasinado por uns asasinos sen ningún tipo de matiz, é obrigado salientar a figura de Jose Luis Díaz, sobriño de Manuel, e autor de varios libros sobre a figura so seu tío.
Na plataforma Vimeo podemos atopar un documental sobre O Médico dos Pobres, producido pola asociación “ A memoria é náufraga”, cuxa visualización recomendamos vivamente a calquera persoa que teña unha mínima sensibilidade cara ás persoas que arriscan o seu benestar persoal en prol do ben colectivo. Nós conversamos con Julio Costa, un dos membros da asociación e propietario actual da casa na que foi apresado Manuel Díaz antes de ser asasinado.
Julio Costa.
“As conversas con persoas maiores, testemuñas daqueles dramáticos episodios, teñen un efecto terapéutico”
A túa profesión é a de mestre, verdade ?
Si. Eu son natural de Lalín. Estiven ensinando música 13 anos nun colexio da Coruña e desde o 2015 ensino en Lugo.
Cando tempo levas na docencia?
Desde o 2001.
Gústache?
Encántame. Teño a inmensa fortuna de poder gañarme a vida facendo algo, ensinar música, polo que sinto paixón.
Como chegaches á casa da que imos falar?
Na época do confinamento estabamos a buscar un terreo para mercar e poder instalar a nosa caravana. Desde o principio atopamos por internet unha casa que nos chamou moito a atención e nunha das fases na que permitiron saír puidemos vela en vivo.
Entendo que vos gustou?
Namorounos.
En que localidade está?
Pertence ao concello de Bóveda. Era unha casa de farmacéuticos xa desde o SXIX. Finalmente acabamos por mercala, e as persoas que nola venden son as que nos dan as primeiras novas da importante historia que tiña a casa. E a min que me gusta a historia entráronme unhas inmensas gañas de pescudar , tanto é así que acabamos por contactar co autor do libro que recolle a historia do médico asasinado.
Que tal se conservaba a casa?
Está en moi bo estado. Asemade conserva moitos elementos patrimoniais que a fan aínda máis interesante. Desde os anos 50 do SXX había uns caseiros, pero nunca chegou a vivir xente de forma continuada pois os seus propietarios só viñan pasar algunha fin de semana de cando en vez. A propiedade alén da casa principal ten unha casa de caseiros, unha adega e unha finca, ambas moi grandes.
Como naceu a idea de darlle o uso que lle dades?
A partir dalgunha comida que fixemos alí con amigos e amigas tomamos a decisión de darlle un uso social. Meses despois decidimos fundar unha asociación sen ánimo de lucro que se chama “A memoria é náufraga”.
Cales son os ámbitos de actuación da asociación?
Son tres:
- -A conservación do patrimonio histórico e cultural.
- -Propiciar un espazo de creación e difusión artística. Alí programamos todo tivo de actividades artísticas de moi diversas disciplinas.
- -O coidado e benestar das persoas. Neste aspecto traballamos un problema co que estamos especialmente sensibilizados: o problema da saúde mental. Temos feito varios obradoiros de coidado persoal.
En relación coa historia do médico, fixestes un documental?
Si, que fala da historia deste médico. Agora iniciamos a gravación do segundo documental, que está en fase inicial, e precisamente ten que ver coa saúde mental, co tema dos suicidios.
Un tema moi preocupante en Lugo?
Pois si, Lugo está á cabeza de Europa en número de suicidios por habitante.
E cal pode ser o motivo de tan terrible dato estatístico?
Supoño que serán unha suma de razóns diversas. Parece que hai coincidencia xeral en que unha das máis importantes é a perda do sentimento de comunidade. Sobre todo nas aldeas a xente estaba moi afeita a estaren en contacto cos seus veciños e o despoboamento xera todo tipo de sentimentos negativos. En calquera caso insisto en que supoño que será unha suma de razóns.
Tes contacto cos descendentes do médico asasinado?
Si, claro. Nós contactamos coa súa familia e aproveitamos a visita de Jose Luis Díaz, o sobriño do médico asasinado e autor do libro. Realmente este é o 3º libro que escribe en relación ao seu tío e polo que eu sei está cerca de quitar o 4º.
O médico asasinado foi alcalde de que localidade?
Chegou a ser alcalde do Incio. El era o médico da localidade.
A memoria dunha persoa tan significativa que foi asasinado dunha forma tan cruel , está ao teu xuízo suficientemente recoñecida e valorada?
Non. Nin a del nin a de outras persoas coma el. O que nós fomos descubrindo no proceso da rodaxe é que deste tipo de historias non se fala o necesario pois non deixan de ser un período histórico que trouxo moita dor a moitas familias. E cando falo da dor non me refiro só ás familias dos represaliados senón tamén ás dos represores.
E que reacción encontras nas persoas maiores coas que falades deste asunto?
Positiva. É como unha especie de terapia, hai moita xente maior que está como necesitada de falar destes episodios dos que nunca chegaron a falar. De feito no documental sae un home de 96 anos, que foi a única testemuña dese último día do médico. El tiña 8 anos e o médico pediu no bar do seu avó a última gaseosa pouco antes de que o mataran.
Foi capturado na que agora é a vosa casa, verdade?
Si. Capturárono na que agora é a nosa casa, levárono atado a un cabalo e paseárono por unas cantas aldeas. Este home, que daquela era un neno, lembra cando o levaban atado e parou no bar do seu avó a pedir unha gaseosa. Recorda asemade como a pediu” Dáme por favor unha gaseosa, esta vai ser a última gaseosa que me deas”.Ao pouco tempo de saír do local foi cando o mataron. Este home a primeira vez que deu testemuño do episodio da gaseosa foi hai cinco anos. Fíxate se non sería traumático.
Como podemos facer para ver o documental?
Está en Vimeo, unha plataforma de pago. Non nos queda outra pois precisamos financiamento para pagar as rodaxes e os gastos derivados das nosa actividade. O que queira velo ten que contactar con nós e xa lle explicamos o que debe facer para visualizalo.
Que tal se porta o goberno municipal de Bóveda con vós?
Tanto o de Bóveda como o de Incio pórtanse ben.
