Guillermo Presa avogado

Guillermo Presa A Nova Peneira

No pasado mes de xuño eran detidas varias persoas ás que con gran profusión mediática se lles atribuía o papel de dirixentes dunha suposta organización terrorista que existiría en Galicia, baixo a denominación de Resistencia Galega. Por outra parte , a semana pasada coñeciamos que a 12 militantes independentistas galegos das organizacións Causa Galiza e Ceivar, imputados na operación Jaro, a fiscalía da Audiencia Nacional demandáballes, en conxunto, máis dun século de prisión, con peticións de penas de entre catro e doce anos de prisión. A Nova Peneira conversou co avogado vigués Guillermo Presa, que exerce a defensa de CAUSA GALIZA como persoa xurídica e de tres dos presuntos militantes da suposta organización Resistencia Galega.

NON EXISTE NINGÚN TIPO DE ORGANIZACIÓN TERRORISTA EN GALICIA E POLO TANTO NON CABE A IMPUTACIÓN DE PERTENZA A ALGO QUE NON EXISTE”

Tino Lago

Ti es avogado de Causa Galiza como persoa xurídica?

Si. O delito de enaltecemento do terrorismo só pode ser cometido por persoas físicas, non xurídicas, piden que tanto Causa Galiza como Ceivar sexan ilegalizadas pois as persoas físicas, di a parte que acusa, están integradas en ambas organizacións para enaltecer o terrorismo

Desde o descoñecemento máis absoluto do código penal, o tipo delituoso que se lles imputa ás persoas de Causa Galiza:” integración en organización criminal para enaltecer o terrorismo”, paréceme un exercicio retórico case manierista, que a sensación que me produce é que semella haber unha intención de castigar opinións

O tipo delituoso existe, de feito ten habido persoas condenadas por ese motivo, outra cousa é que sexa aplicable a este caso. O tipo é moi discutido e discutible.

Como valoras o informe de Amnistía Internacional sobre as condenas dos líderes políticos do proceso independentista catalán?

Non o lin en profundidade, penso que o que están a dicir é que a situación de prisión é inxustificable, algo co que estou de acordo, pero tamén di que o proceso xudicial non foi inxusto, algo co que discrepo.

A xustiza española, neste tipo de temas tan sensibles, neste momento político tan convulso, tratou o asunto do “procés” de maneira equilibrada e rigorosa ?

Eu considero que ese é un problema político e non de dereito penal. A xustiza está politizada, non falo dos xuíces de a pé que están día a día traballando nos xulgados, senón das cúpulas xudiciais

A suposta politización da xustiza non pon en cuestión os principios máis básicos da democracia?

Si, efectivamente, a separación de poderes

Existen presos políticos en Galicia?

Existen persoas presas polas súas conviccións políticas

Están presos polas súas conviccións políticas ou por desenvolver supostos comportamentos delituosos?

Cando falamos de supostos delitos vencellados á liberdade de expresión e ou á liberdade de participación política estamos nun terreo moi difuso e espiñento.

Ti, no que respecta á suposta organización terrorista resistencia galega, a cantas persoas representas?

Eu defendo a 3 persoas

Quen son?

Antón García, Asunción Losada e Miguel García

En que prisións están?

En Soto del Real os dous homes e en Estremera Asunción

Por que motivo non están en prisións galegas?

Son presos preventivos, están a dispor do xulgado que está a desenvolver a investigación que é a Audiencia Nacional, polo tanto si que ten un certo sentido que estean nun centro penal próximo ao xulgado competente. Tamén é certo que xa prestaron declaración, xa compareceron na Audiencia Nacional nun par de ocasións, xa que logo a dispoñibilidade , entendo eu que ,non é tan necesaria e si poderían ser trasladados a Galicia

O sistema xudicial español abusa da figura da prisión preventiva?

Si, claramente si.

Por que , ao teu xuízo?

As persoas en prisión preventiva son inocentes, e a regra xeral debe ser que as persoas comparezan libres ante os tribunais que os van a xulgar, e esa norma incúmprese en demasiadas ocasións.

A prisión preventiva ten un tempo máximo?

Si, catro anos

E se unha persoa é obrigada a estar catro anos da súa vida nun cárcere e logo o xuízo determina a súa inocencia?

Indemnízaselle economicamente

De que delitos se lles acusa ás 3 persoas que ti defendes?

Pertenza a organización terrorista, e probablemente algún máis, pero como de momento o procedemento é segredo non teño a posibilidade de sabelo

Iso non o entendo, o feito de que o procedemento xudicial sexa segredo implica que o avogado non o coñeza ata que se levante ese segredo?

Efectivamente

E iso non supón unha vantaxe para a parte acusatoria?

Por suposto que si, e é un déficit clarísimo para o sistema de defensa. O sumario iniciouse no ano 2.012,e leva segredo ,sendo prorrogado mes a mes, desde ese momento, algo que a min paréceme unha auténtica barbaridade. Eu xa teño presentado tres recursos de apelación contra ese segredo

O segredo sumarial é común a os ordenamentos xurídicos de todos os estados que poden estar nuns estándars xurídicos semellantes a España?

Si, existe en todos os ordenamentos porque pode ter a súa razón de ser, pero non ten sentido neste caso en concreto que se está a manter máis alá da instrumentalidade. Unha vez que se fixeron públicas as detencións, que sentido pode ter manter o segredo sumarial?

Resistencia galega, como organización terrorista existe?, existiu? ou é unha elucubración dalgunha mente fantasiosa?

Nós como defensa, entendemos que non existe como tal organización. Hai unha sentencia do Tribunal Supremo, que considera que si existe, con votos particulares, e que non crea xurisprudencia

Como é iso de que non crea xurisprudencia?

Porque é unha única sentencia, e para que así fose ten que ser un criterio reiterado no tempo

Como están de ánimos os teus defendidos?

Ben, enteiros e fortes

Que expectativas tes ti en relación co desenvolvemento do xuízo?

Ata que non levanten o segredo non che podo dicir nada ao respecto. Só podo asegurar a miña convicción de que non existe ningún tipo de organización terrorista en Galicia e polo tanto non cabe a imputación da pertenza a algo que non existe.