Desaprendendo por Palestina

Beatriz Carrasco Colectivo Redondela x Palestina
Beatriz Carrasco
Colectivo Redondela x Palestina

A educación constitúe un piar fundamental de calquera sociedade. O concepto habitual de educación vai intimamente ligado ao feito de aprender, pero nestes tempos tamén debería incorporar a acepción de “desaprender”.

A maquinaria da propaganda xera slogans que se repiten ata a saciedade en cada escenario posible para que queden gravados nas nosas mentes como mantras (etimoloxicamente, a palabra mantra significa “instrumento mental”, polo que o termo non pode resultar máis acaído para o caso). Como defendía Joseph Goebbels, “unha mentira repetida mil veces convértese en verdade”, frase que reflicte á perfección o fundamento básico da propaganda.

A ocupación israelí leva máis de 80 anos controlando a narrativa e introducindo no discurso certas consignas que, a base de repetir, produciron nas nosas mentes o que as profesionais da psicoloxía denominan “ilusión de verdade”, é dicir, deron en se converter nunha especie de certeza incuestionable.

Escoitamos insistentemente sentenzas como esa que clama que “Israel ten dereito a se defender”. Esta premisa nace da intencionada (e equívoca) equiparación da resistencia co terrorismo. De feito, responde á perfección á estratexia DARVO, acrónimo do inglés “deny, attack, and reverse victim and offender” (negar, atacar e inverter vítima e agresor). Israel nega a súa condición de ocupante militar, ataca constantemente á poboación palestina, e ante as accións da resistencia posiciónase como vítima. Israel invoca un dereito á defensa que non lle corresponde na súa condición de ocupante, xa que o lexítimo é o dereito a resistir a ocupación con todos os medios, incluíndo as armas, tal como recollen as Convencións de Xenebra e resolucións de Nacións Unidas como a A/RES/37/47.

Israel teima tanto nese dereito á defensa como no “dereito a existir”, aínda que este careza de base no dereito internacional. A existencia de calquera estado debe estar fundada na súa capacidade de defender os dereitos e liberdades das persoas e os pobos que o habitan, así como de protexer o acervo cultural e patrimonial das súas comunidades. Por isto resulta especialmente grotesco defender o dereito a existir dun estado no que a etnia e a relixión determinan os dereitos, un estado establecido para servir os intereses dun grupo ás expensas doutro, un estado baseado nunha ideoloxía supremacista que se vende como “a única democracia de Oriente Medio”, pero que aplica o apartheid e outras formas de violencia estrutural para evitar que poboación refuxiada faga uso do seu dereito de retorno, xa que isto destruiría a maioría demográfica xudía que define a Israel. Un etnoestado construído sobre terra roubada, adquirida pola forza mediante actos atroces.

E a base de repetir que “Israel ten dereito a existir” cren que nos van a convencer para apoiar a idea colonial occidental da mal chamada “solución dos dous estados”. De novo xogando coa linguaxe, xa que nin é solución (lembremos que Líbano e Siria son estados recoñecidos e que este feito non impide a Israel perpetrar ataques nos seus territorios) nin supón dous estados de igual soberanía. O estado palestino que presenta esta proposta leva implícitas condicións como a prohibición de dispoñer dun exército, o mantemento do control israelí sobre o espazo aéreo e as fronteiras ou restricións para acceder a institucións como a Corte Penal Internacional. En definitiva, estariamos a falar dun estado palestino privado de soberanía, independencia e liberdade, e mesmo de continuidade territorial. No século XXI non cabe propoñer nin aceptar a existencia dun estado baseado na segregación étnico-relixiosa, que ocuparía o 78% do territorio da Palestina histórica e impediría a materialización do lexítimo dereito de retorno da poboación refuxiada. Nos nosos tempos debemos aspirar a que as persoas poidan vivir con liberdade e seguridade, e gozando dos dereitos que lle son inherentes, en calquera lugar, con independencia da confesión (ou non) que profesen, polo que non ten sentido xogar a carta do antisemitismo para manter unha colonia occidental en Oriente Medio.

A única proposta realista implica un só estado, nos límites territoriais da Palestina histórica. Un estado baseado no respecto aos dereitos humanos e á igualdade, onde toda a poboación goce dos mesmos dereitos con independencia da súa etnia, relixión ou cidadanía previa. Un estado que debe constituírse como unha democracia real e que debe prever mecanismos de xustiza, verdade e reconciliación, como aconteceu na era post-apartheid en Sudáfrica.

Cómpre seguir desaprendendo para liberar as nosas mentes e contribuír á necesaria liberación de Palestina.