Cara a outro modo de entender a vida

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Fomos vindo a poucos sen nos dar conta a onde chegamos, a onde nos trouxeron os acontecementos. E chegamos aquí, a estoutro mundo no que estamos, este que se move torpemente a partir de novas circunstancias e sen saber moi ben cara a onde imos.

A pandemia trouxo secuelas imprevisibles e complicou o sistema, pensado para consumir e dar consumo, para negociar mesmo aqueles bens básicos de sobre-vivencia. Un virus aínda latente e con ansias de anovarse anda por aí repartindo avisos, en cada curro, en cada recanto da antiga vida. A pandemia complicou o subministro e toda a engrenaxe que había
montada no arredor de cadeas de consumo, transporte e localización, das grandes áreas e pequenas tendas de distribución, nese movemento social -ao que estabamos tan afeitos- de ir á compra e gastar cartos, nese intercambio estrutural de beneficios.

Non nos demos conta que tamén, nese arredor, estaba a medrar o illamento, a marxinación, o vicio de non querer saber e ignorar intencionadamente, alentado pola sospeita e pola pugna dos recursos, pola desconfianza nos demais. Iso trae sempre consigo un aumento de problemas que se volven autoritarismos, consellos e fórmulas
impositivas que van determinar un menor grao de liberdade. Tamén, xa se fai, cunha linguaxe moito máis agresiva e bélica que se aprecia nos parlamentos, nos xornais, nas entrevistas e faladoiros. Violencia de todo tipo e a todas horas, en calquera sitio. Iso trae tamén aparellada unha disfunción versátil, unha guerra de fronteiras e de apaños, un roubo do equilibrio non que nos buscamos aínda, con certa nostalxia do pasado.

Non hai que ir moi lonxe para ver enormes masas de pensamentos desconformes, negacionistas de calquera causa e razón, de todo, mesmo deles. Por un lado que se as vacinas non son boas e só nos prexudican, que se a terra é plana e levan enganándonos moito tempo, que se somos o que somos, ou non somos. Cuestionándonos absolutamente todo, só por contradicir e contrapoñer, para establecer unha confrontación, case sempre irracional na que o que quebranta a razón quere darse a coñecer, quere tamén destacar. Sabendo de antemán que non chegaremos a entendernos, e ademais mostrámonos belixerantes en estado supino, porque caemos na provocación.

Mentres, nos móbiles, as pantallas cospen miles de datos nun segundo, as fontes informativas dan conta das novas ocorrencias dos cerebros desasociados en ameazas. Millóns de ideas, lisas e retortas. Millóns de mentiras con aspecto de verdade. A realidade ponnos a andar. Por un lado os prezos da enerxía desmedrados, as eléctricas fórranse sen razón nin motivo, só por comparación de prezos os combustibles ven a tallada e multiplican o custo atendendo á forraxe de que se fan obxecto as eléctricas, os transportistas quéixanse e protestan parando, o traballo dálles perdas. Os pescadores perden cartos saíndo ao mar, as xentes do reparto paran e esixen cordura porque non lles dá para pagar o gas oíl, os produtos soben e póñense inalcanzables. Xa está liada. Pagamos, coma sempre, nós. Os cidadáns do día a día, os que pretendemos vivir a poucos levados das rutinas e das convulsas realidades que nos ofrecen os nosos representantes. E se por riba hai un foco de guerra inxusta, todas son, na que o agresor abusa dun veciño moito máis débil, estamos xa no medio do furacán, do caos.
Multiplícanse as mentiras. Nada é certo, todo é unha pantalla. Quen apelará, agora, ao estado de dereito e a establecer de novo unhas relacións comerciais estables, capaces de manter unha suposta democracia representativa?

De momento sería bo recoñecer os erros e non poñer, xa de comezo, no mesmo pé de igualdade ao agresor e ao agredido, costume moi común na pretendida resolución de conflitos e, que ao final, nada resolve senón que crea unha nova inxustiza. Polo medio hai moreas de intereses comerciais e de subministracións. Hai tamén moitas reticencias, por riba hai que dar imaxe de unidade, mais todo non cabe no saco. Sancións, encarecementos, descontento, falta de servizo, parada da dinámica de emprego, non hai materiais, non hai consumo, non hai emprego, morte, tiranías, feridos, escarmentos, guerra, confinamentos, obsesións, fames, perdas, abusos, desafíos, soidade, … Perdemos todos, anque sobre todo nós, os de sempre. É difícil recuperar tempos. Cando volvamos, farémolo moito máis pobres e empobrecidos, no desprestixio de sabernos incapaces de falar para entendernos, para chegar a algún acordo feliz sen perdedores.