![ARTIGO_DE_OPINION_A_NOVA_PENEIRA Artigo de opinión A Nova Peneira](https://www.anovapeneira.gal/wp-content/uploads/2019/07/ARTIGO_DE_OPINION_A_NOVA_PENEIRA-678x381.jpg)
![](https://www.anovapeneira.gal/wp-content/uploads/2021/10/marcelo_rodriguez_acosta_opinion.jpg)
As sociedades humanas adáptanse ao territorio a través da periderme da cultura. Así, os concellos son construcións atávicas que acubilllan dentro de si o patrimonio material e o inmaterial fraguados ao longo de séculos, que singularizan o carácter de seu.
No devir do tempo, as poboacións vense afectadas por factores endóxenos e exóxenos que poden amplificar este patrimonio enriquecedor ou, pola contra, crear lagoas inertes ou pasivas, temposestancados, detidos que fan difícil ou empobrecen o tránsito vital neles.
Así, ocorre que no goberno dos concellos dinámicas tales coma a pouca aptitude e actitude do liderado dun grupo, ter ou non ter un PXOM, a incapacidade de chegar acordos ou o déficit de accións políticas que primen á colectividade, afectan a medio e longo prazo a vida das persoas.
E o progreso é un factor externo, global, convertido en imperativo e sobado e desgastado até a saciedade para maior lucro de proxectos económicos insustentábeis.
Mais realmente, o progreso é unha idea, un propósito formidábel pois supón que a sociedade non está estática e se move na dirección correcta. Tal coma acontece aos seres vivos, movémonos e procuramos que a nosa dirección sexa a idónea.
Con certa reflexión, observamos que desde que se forxaron as sociedades o mundo é movido pola economía por riba dos factores ambientais, culturais e sociais. E tamén sabemos a onde nos levou esta inercia, qué tipo de mundo construímos.
Tomarmos o rego da valorización da cultura, da atención ao medio, soporte de todos os seres vivos, ou empaparmos por fin a sociedade con valores de solidariedade, xustiza ou igualdade sen perdermos de vista a economía, é un reto; quizais reduza algúns impactos e alivie un pouco as nosas doenzas.
As vilas son lugares nos que as persoas capaces e xenerosas poden facer moito ben. No Porriño, a peonalización derrubou a idea de vila industrial, ruidosa. Xerou ánimos compartidos pola poboación e un pouco máis de afecto polo propio. Hoxe, é fascinante a recuperación das conversas na rúa e o paseo e o vagar das persoas. Este modelo feito con cariño, favorece ao comercio da rúa. E non foi difícil levalo a cabo; bastou con crer nas súas posibilidades, ter ás persoas acaídas e o proxecto alternativo. Mais isto hai que mantelo no tempo e amplialo.
Incidirmos no modelo de vila que a medida que medra incentiva os barrios con dinámicas propias e comunica os espazos é unha opción nada desdeñábel. Descentralizarmos os espazos culturais e incrementalos nas parroquias é un acerto. O Porriño crece e a experiencia que o BNG impulsa cando ostenta as competencias de goberno acho que é a correcta. Mais todos os proxectos precisan tempo para ser realizados e para que a cidadanía os desfrute e os faga seus.
A novas peonalizacións, a do barrio dos Aloques e a que agora comeza no barrio de San Benito, achegan estes espazos históricos e culturais á poboación.
A consecución do gran parque do Louro no Porriño en terreos públicos nas súas beiras procurará, en breve, o achegamento da vila ao río, ao que lle demos as costas durante moitos anos. É unha forma ben interesante de ir ao encontro do Louro, un río que presenta no seu devir até a desembocadura no Miño, sobre o peculiar substrato arxiloso da Gran Depresión Meridiana Galega, ecosistemas asolagados de ribeira escasos en Galiza.
Con certeza, o paso soterrado das vías do ferrocarril acabará cunha das barreiras da vila e facilitará a conexión do casco co río. Creará unha realidade nova, sustentábel, mais dada a súa permanencia no tempo debemos esixir que o soterramento das vías presente a maior lonxitude posíbel. E ante estas novas realidades, unhas realizadas, outras inminentes, Frigolouro se presenta coma un anacronismo que debe ser superado e así mudar definitivamente a súa localización.