José Manuel Montenegro Misa, sindicalista de CCOO Benteler

José Manuel Montenegro Misa, sindicalista de CCOO Benteler

Jose Manuel Montenegro, Mon para os seus amigos e amigas, malia ser aínda unha persoa nova en idade é un sindicalista cunha ampla bagaxe de militancia na federación de industria de CCOO, de feito na actualidade forma parte da executiva comarcal da devandita federación. Nós conversamos con el para coñecer a súa visión sobre un problema que comeza a ser moi preocupante no sector: a competencia desleal baseada en facer máis precarias as condicións laborais, agochando esta política en forma de suposto labor social.

A consecuencia inevitable da entrada das empresas multiservizos , como Ilunion,no noso sector é a precariedade”

Canto tempo levas traballando no mundo do automóbil?

Levo 20 anos neste sector. Empecei en Citroën, agora chamada Stellantis; logo estiven en Valeo, Viza, que agora se chama Magna e desde o ano 2006 traballo en Benteler.

Por que decidiches presentarte para delegado sindical?

Porque cando entrei en Benteler tiven un problema e cando fun a asesorarme co delegado sindical, que me representaba naquel momento, deume unha palmada nas costas e díxome que é o que me quedaba. Foi aquí cando decidín dar o paso para que deixasen de representarme persoas con esta visión, e poder contribuír a mellorar os dereitos laborais dos meus compañeiros e compañeiras.

Cantos anos levas como delegado sindical de CCOO en Benteler?

Levo 15 anos. Actualmente son membro do comité de empresa, Secretario Xeral da sección sindical de CCOO en Benteler e hai un ano que pasei a formar parte da executiva de industria da Unión Comarcal de CCOO en Vigo.

Fálame sobre Ilunion e a política con esta empresa dentro de Benteler.

Falar de Ilunion na automoción é falar de precariedade laboral en todo o seu esplendor. Esta empresa que se di “sen ánimo de lucro” presume de realizar un labor de reinserción laboral sobre as persoas con discapacidade, isto non é certo, á hora de facer o devandito labor deberían de adaptalos aos postos necesarios.

Entón non buscan postos adaptados para os seus traballadores e traballadoras?

Nada máis lonxe da realidade, non teñen ningún filtro coas particularidades destas persoas e dálles o mesmo. Fanlles desempeñar traballos que non son aptos para eles, polos que lles deriva en máis doenzas para a súa saúde e téñense que facer longas tempadas de baixa cunha calidade de vida pésima. Estas baixas a Ilunion non lles afectan, pois lles sae tan barato contratar que meten a outras persoas ao momento para substituílos.

Por outra parte din “sen animo de lucro”.E eu digo que cabe lembrar as innumerables vantaxes fiscais que ten esta “empresa”.

Cales son estas vantaxes?

Non cotizan á seguridade social polos seus traballadores, cada vez que fan un indefinido o Estado págalles entre 10.000 e 12.000 euros entre outras… Sáltanse todo tipo de leis laborais e o seu propio convenio baixo ameaza e coacción aos seus traballadores. Por exemplo, por lei non poden realizar horas extra e polo seu convenio poderían realizar 8 horas ao mes, coñezo casos de ata 80 horas mensuais. Nós, CCOO, isto xa o denunciamos, pero que pasa?

Pois que a rendibilidade é tan alta que pagan a multa e cámbianlle o nome ás horas extra, agora chámanse SOLAPE e, claro, esta precariedade laboral chamou a atención do todo poderoso STELLANTIS que mirou un filón neste tipo de “empresas” de multiservizos implantándoas na súa factoría e obrigando aos seus provedores a que fagan o mesmo.

A consecuencia da chegada deste tipo de empresas parece inevitable que sexa a precariedade?

Absolutamente si. Todo isto lévanos a que empresas como na que eu traballo realicen externalizacións en moitas seccións das nosas plantas, sen importar temas tan importantes como a seguridade e/ou calidade, nin moitísimo menos a degradación laboral que supón aos traballadores e traballadoras da devandita sección. Todo se reduce a produtividade e abaratamento de custos. Mándao e ordena TAVARES, que non fai outra cousa que apretar o cinto dos seus traballadores e provedores, mentres el gana unha morea de cartos, por non falar das constantes ameazas ao sector: primeiro Portugal, despois Marrocos, agora vou a internalizar produto…

En ILUNION non existe reinserción laboral de ningún tipo, aquí o que pasa é que se aproveitan da necesidade da xente, sexa discapacitada ou non.

Ves perigar o sector da automoción en Vigo e Comarca por estas posibles deslocalizacións?

Isto é outro chamamento que quero facer aos nosos políticos. Nestes últimos anos estamos a ver como a maioría das factorías vanse para Portugal. O solo industrial aquí é moi caro, e alí regalábanllo e as vantaxes fiscais alá tamén son mellores cás de aquí. As últimas empresas en montar unha factoría na comarca foi Benteler Mos fai cousa de 5 anos e, anteriormente Snob en Porto de Molle alá polo 2012.

Agora temos a ameaza constante de Marrocos. Evidentemente é algo que nos preocupa por que aquí a única solución que nos dan os empresarios é o abaratamento de custos, así nace Ilunion. Queren precarizar aínda máis o sector. Hai que lembrar que fai cousa de 20 anos ir traballar a Citroën era coma se che tocase a lotería, hoxe en día a xente non quere nin oír de ir para Citroën porque os salarios son o que son e as condicións pésimas.

En relación aos paros de Stellantis, pola falta de subministracións de materiais, cal é a túa opinión?

Xa non hai tal falta de subministracións. Estamos coa axenda 2030 europea na que nos impuxeron con calzador o vehículo eléctrico. Este coche non sae, non se vende porque é moito máis caro que un a combustión. Mentres non se chegue ao obxectivo da venda dos coches eléctricos, non se poden vender os de combustión, por iso estas paradas. Isto está a facer que nos pidan máis abaratamentos de custos. Logo está Marrocos, eu témome que os proxectos que terían que estar asignados aquí, que fabriquen as pezas en Marrocos e trasládenas para aquí neses mega camións.

De que mega camións falas?

Saíu en prensa unha nova que xa tiñan aprobados uns mega camións para vir desde Marrocos onde van fabricar pezas e traelas a Vigo para seguir montando aquí. Marrocos que fabrique e monte alí os seus coches pero, o que non podemos permitir é que os coches que se fagan aquí en Vigo e arredores, que as pezas veña de fóra. Temos que loitar por fabricar todo aquí e non deixarlles que deslocalicen o sector pois se é así á automoción véxolle un futuro moi negro na Comarca.

Sobre a autoridade laboral que tes que dicir?

Quero facer un chamamento á autoridade laboral para que metan man neste abuso laboral, e tamén porque son pai dun neno con discapacidade e simplemente asústame o pensar que o día de mañá o meu fillo teña que traballar con esta empresa ou con empresas similares que aplican estas condicións laborais que pouco distan da explotación .

Primer comentario

Deixa a túa opinión