Ricardo Castro SX da CUT

Ricardo Castro SX da CUT

Ricardo é un sindicalista vigués que ocupa a secretaría xeral da CUT. Como é tradición na nosa casa achegámonos ata o seu local da cidade olívica para coñecer a súa valoración ao respecto da situación social do noso país e da nosa comarca. E como sempre, Ricardo, atendeunos con moita amabilidade

“ A CIG debe de ser máis humilde e facer autocrítica”

Recentemente celebrastes no voso novo local de Compostela a VIII conferencia nacional da CUT. Quero pedirche unha valoración do seu resultado? E preguntarche polo motivo do slogan “Repensar A CUT”, repensala por que?

A conferencia é o paso previo ao noso VII congreso que celebraremos en maio do 2.022.Tiña que ser en outubro do ano pasado, pero as circunstancias sanitarias fixeron imposible a súa celebración. A conferencia é o punto de saída do congreso

Sempre facedes así; unha conferencia antes dos congresos?

Soemos facelo desa maneira, si. A motivación das conferencias é dar solidez ao contido político e sindical dos congresos. En canto a valoración pola que antes me preguntabas é desde logo moi positiva

Esa é unha resposta tópica?

Pode parecer pero a realidade é que non o é. Houbo debates de intenso contido sindical e incluso, dos debates, xurdiron cuestións para tratar no congreso que a dirección do sindicato non contaba. A dinámica de traballo foi moi participativa e enriquecedora e saíron conclusións que trasladaremos a un documento conxunto que nos servirá para debater no noso congreso

E no que respecta ao slogan?

Ben, pois temos catro anos por diante e toca pensar para que queremos a CUT neste contexto histórico tan complexo e que complicou tanto a pandemia sanitaria. A conclusión, para min, máis evidente dese re pensamento está na necesidade de profundar a acción sindical pois entendo que a pandemia utilízase como cortina de fume para agochar os problemas reais e limitar a mobilización social. A constante mobilización sindical de rúa e o conflito son as únicas vías reais para solucionar as situacións de inxustiza que sofren as clases traballadoras. O sindicalismo ten que ir ao conflito senón se agocha na falsidade do pacto social que nos leva á ruína 

Pero o conflito non é un fin en si mesmo?

Non claro que non. Nós somos xente sensata. Pero con quen che quere asoballar que se pode pactar?. Non queda outra que irmos ao conflito

Na última que conversa que tiveramos o ano pasado pregunteiche se a CUT era un proxecto consolidado e a túa resposta foi “rotundamente si”. Segues pensando o mesmo?

Rotundamente si. A consolidación da CUT é evidente. Nós non imos competir por sermos o primeiro sindicato de Galicia pero temos a nosa base social que cada vez vai medrando máis. A nosa afiliación medra constantemente

Pero normalmente a afiliación sindical sempre tende a medrar en épocas de crise pois segmentos de persoas que sofren despidos veñen na procura de asesoramento, pero unha vez arranxado o problema puntual soe haber picos importantes de baixada de afiliados. No voso caso?

Nós tamén experimentamos ese fenómeno desde logo, pero asemade, como che dixen antes, a masa de persoas con compromiso sindical que se afilia á CUT é cada vez maior

Pois alégrame moito iso que me dis Ricardo, porque ti e eu somos case da mesma idade e na nosa mocidade os niveis de politización e sindicación da nosa xeración eran moi elevados, pero agora , ao meu xuízo polo menos, hai na mocidade un enorme e moi preocupante grao de desleixo ante a loita social e política, non cres?

Si claro. Pero nós somos un sindicato pequeno que nace cun núcleo moi comprometido e politizado que conserva o seu tarro das esencias e sobre iso vaise construíndo un edificio cada vez maior de persoas comprometidas e ideoloxizadas. Iso non é incompatible co que dis ti, que é un fenómeno real, malia que eu négome a culpara á mocidade

Eu tamén desde logo. Se en realidade as mozas e mozos son vítimas do contexto histórico, e elas vano ter moito máis difícil ca nós

Abofé que si. As novas xeracións viven baixo á ameaza constante do medo a perder o traballo ou a ver deterioradas as súas condicións vitais , xa sexa polo mercado xa sexa pola pandemia …en definitiva como se houbese unha especie de ente intanxible e invisible contra o que non se puidese combater nin defenderse. E non , non é así. É o capital e as oligarquías económicas quen causan o deterioro das nosas condicións de vida, hai que dicilo e hai que combatelo

A automoción viguesa vive unha situación complicada con paros frecuentes por falta de subministracións. Que pasa, ao teu xuízo, en realidade en stellantis?

Ben, pois son intereses de mercado. Non desboto que estean facendo experimentos a ver ata onde pode aturar o suxeito traballador. Eu se teño un centro de produción teño que prever a existencia dos materiais necesarios para producir, non dun día para outro senón a longo prazo. Non facelo paréceme unha grave neglixencia

Consideras unha hipótese verosímil que se poida estar pensando nunha redución significativa do volume de traballo que significa PSA?

Eu despois de que pecharan os “altos hornos de Vizcaya” e botaran á rúa a 24.000 persoas non desboto nada. O capital é cruel e móvese en función dos seus intereses. Se entende necesario, o capital , pechar Citroen, vaino pechar sen o máis mínimo escrúpulo

Vós en Citroen sodes segunda forza. Hai posibilidades de no futuro poder construír unha maioría alternativa á tradicional?

Creo que os compañeiros da CUT Citroen fan unha gran labor alí, e a ilusión de toda a nosa central sindical é que sexa así

Falemos do naval. Vulcano ten solución?

Non

De ningunha maneira?

De ningunha maneira. Vulcano está finiquitado e Barreras vai polo mesmo camiño

Resúltame inimaxinable pensar na fin de Barreras

Non hai máis que ir a Bilbao .Eles levan 20 anos por diante nosa. Isto xa comezou coa reconversión industrial. Quixeron cargarse todo o sector xa daquela. A loita obreira non o consentiu pero xa desde que entramos na UE hai un deseño para sermos un país de camareiros e camareiras de Xacobeo e de eventos turísticos pero sen produción industrial

Que responsabilidade ten o goberno galego na situación de Barreras?

Son cómplices claro. Mira onde están os directivos de Pemex que negociaron co presidente Feijóo ; algúns no cárcere

A sinatura do convenio do metal ocasionou unha polémica significativa e distintos episodios que desembocaron na aparición dunha “plataforma de trabajadores del metal”

Eu vin o nome tanto en español como en galego

Ben. Cal é a túa opinión dese convenio e dos acontecementos que sucederon despois?

A min paréceme unha traizón e unha vendida de CCOO e UGT e hai que dicir que o papel da CIG foi nefasto

Nefasto por que?

A CIG tiña a “sarten polo mango” para, no momento da traizón dos outros dous sindicatos, facerse co 100% do naval mantendo a convocatoria de folga. A CIG por desleixo é cómplice desa traizón

E que fixo en concreto para ser “ cómplice”’?

Non manter a convocatoria de folga e asinar a súa desconvocatoria. Se eu non estou de acordo coa desconvocatoria non asino. O que pasa é que adoptaron a posición cómoda da tranquilidade

Pero fixeron a folga despois eles sos?

Si, sen falar con ninguén e só para salvar as súas siglas despois do 1º de maio. Esa convocatoria foi para a lavarse a cara

Que pasou o 1 de maio?

Os traballadores da plataforma apuparon tanto a CCOO como a UGT como á CIG.E a actitude da CIG contra eses compañeiros foi de moi pouco talante. Deberían ter máis humildade e facer autocrítica. Eu entendo que apareza a plataforma porque hai un queime contra os tres grandes sindicatos. O máis importante desa plataforma debe de ser producir un tempo de reflexión nos sindicatos

Voucho preguntar directamente; estades vós detrás da aparición desa plataforma?

A miña resposta é igual de directa; Non. Esa é unha escusa que ven da CIG xa desde o primeiro día. Ese é un movemento que xorde de maneira espontánea

Rematamos Ricardo tedes o congreso en maio do ano próximo. Este é o teu segundo mandato, nunha segunda etapa, vaste volver a presentar como candidato á SX?

Non está decidido aínda. Agora ben se os compañeiros e compañeiras mo piden si que me presento de novo e se me piden que non siga, non sigo.

Que opinas do intento do goberno galego de inzar os nosos montes de muíños de vento?

Un indico máis de que somo un país colonizado. Ou tomamos conciencia de que os nosos recursos están sendo xestionados e explotados por outros ou desaparecemos.