Pilar Vicente, voceira municipal do PP da Cañiza

Despois da dimisión do anterior alcalde Miguel Domínguez como responsable e incluso como militante do PP, os populares optaron pola continuidade e escolleron a Pilar Vicente, que fora de número 2 na lista que no 23 encabezou Domínguez, para liderar ao partido popular da localidade da Cañiza. Ela é unha traballadora do sector sanitario, natural de Avión, que leva máis de dúas décadas residindo na Cañiza e nós fomos coñecela.

Co goberno de Luis Piña A Cañiza está nunha moi preocupante costa abaixo”

Alén da responsabilidade institucional, tes responsabilidade orgánica na agrupación local do PP da Cañiza?

Si,son presidenta da xestora local

De onde es, e a que te dedicas profesionalmente?

Eu nacín en Avión, coa miña familia emigramos a México e cando retornamos nos instalamos en Vigo. Logo, cando casei, polas circunstancias laborais do meu home decidimos mercar un piso na Cañiza. Estou falando de hai 22 anos. Xa levo máis de dúas décadas vivindo aquí e me sinto plenamente identificada coa Cañiza, que xa sinto como o meu pobo.

Traballo no Meixoeiro de auxiliar de enfermería.

Vas e ves a Vigo todos os días?

Todos os días, si. Gústame moito o meu traballo.

Como e cando comezou a túa relación coa política?

Eu xa tiña relación con Miguel Domínguez, por cuestións da súa profesión. Gustábame tanto o seu talante persoal, como o proxecto político do PP que el encabezaba, e nas municipais do 2015 falou comigo para integrarme nas súas listas. Non saín concelleira. No 19 pasou exactamente o mesmo. E nas últimas eleccións locais, xa fun de número dous e entrei na corporación municipal.

No ter acadado a alcaldía nas municipais do 23, foi unha frustración para vós?

Si, si que o foi. A Cañiza merece un goberno moito mellor do que ten agora. Pero nós somos demócratas e desde logo aceptamos con respecto os resultados electorais. Trataremos con traballo e humildade de recuperar a confianza da maioría social do noso pobo porque, como antes comentei, teño a certeza de que a Cañiza merece un proxecto de goberno sólido e solvente como o que representa o PP.

Cal é a túa valoración política do goberno de Luis Piña?

A miña valoración é mala. Este goberno parece que único que fai é desfacer todo o bo que se fixo baixo a alcaldía de Miguel Domínguez, que non foi pouca cousa. Por outra parte manifesta unha absoluta desconexión do tecido asociativo da Cañiza, de feito algúns clubs ou asociacións só se encontran con trabas e problemas nas súas relacións co Concello.

A Cañiza coa alcaldía de Luis Piña está nunha moi preocupante costa abaixo.

Ti tes implicación co tecido asociativo local?.

Eu sempre considerei a necesidade de implicarme e colaborar nos asuntos públicos, tanto é así que ao longo dos máis de 20 anos que levo vivindo na Cañiza tiven e teño moita relación co asociacionismo, por exemplo na Anpa ou na directiva do equipo de balonmán.

Por que dimitiu Miguel Domínguez?

Esa pregunta debes de facerlla a el. Entendeu que debía de facelo, e a nós non nos queda outra que respectalo.

El dimite pero non entrega a acta, pasa a ser concelleiro non adscrito. Ao grupo municipal do PP non lle pareceu mal?

Non, de ningún modo. É unha decisión persoal súa, e nós respectámolo. Temos moi boas relacións con el e non temos problema algún entre nós.

Como viviches o salto a ser a cabeza do PP na localidade?

A verdade non mo esperaba. Non entraba nos meus plans ser a cara visible do PP na Cañiza. Pero estou moi honrada pola confianza que en min depositaron os meus compañeiros da Cañiza, e o PP no seu conxunto. Vou tratar de estar á altura e dar o mellor de min mesma para que o PP recupere a alcaldía do noso pobo, porque creo que se pode dicir obxectivamente que á Cañiza precisa con urxencia un cambio de goberno.

Sentes o apoio do PP da Provincia?

Si, absolutamente si. Luis López estivo aquí e así mo transmitiu, e eu así o sinto.

En dous anos teremos unhas eleccións municipais. Veste como a próxima candidata do PP?

Eu estou a dispor do que decida o meu partido. Se chegado o momento consideran que son a persoa adecuada asumirei a responsabilidade con orgullo, humildade e a convicción da vitoria. Se non fose así ,apoiarei como a que máis a quen o partido considere.

Cales son os principais problemas que padece A Cañiza?

Vouche dicir os dous máis relevantes, ao meu xuízo:

-A falta de oportunidades laborais. É moi inxusto que os mozos e mozas da Cañiza que queren ter un proxecto de vida no noso pobo, teñen que marchar porque hai moi poucas oportunidades laborais. Boto moito de menos unha actuación máis firme e decidida do goberno da Cañiza para atraer a empresas ao noso polígono industrial.

-A falta de vivenda. Estamos moi ben situados, a media hora de todo e entendo que poderiamos explotalo mellor tanto para que se asenten as persoas como para atraer turismo. De novo boto de menos actuacións adecuadas do noso goberno neses dous eidos tan importantes.

A atracción de empresas e a fixación de poboación son dous asuntos moi serios nos que todo o rural galego ten eivas. Un goberno do PP na Cañiza podería ter mellores resultados có goberno actual nestes dous campos?

Ten a seguridade que si .Non teñas ningunha dúbida de que pelexariamos máis e de que xestionariamos mellor para que fose así.