Retomamos esta antiga sección que dá a voz a persoas migrantes que viven no noso país con dous obxectivos:1) Coñecer mellor os principais atractivos dos seus lugares de orixe.2) Saber cales son as principais dificultades coas que se encontran as persoas que veñen de fóra para integrarse na sociedade galega. Facémolo con absoluto respecto a todas as mulleres e todos os homes que nos sitios nos que naceron non teñen as condicións necesarias para poder construír un proxecto vital digno, e en consecuencia vense na obriga de percorrer grandes distancias, ás veces con perigo da propia vida, para tratar de buscar un lugar no que poder vivir. Facémolo tamén erguendo a nosa voz con firmeza contra os que manteñen intolerables actitudes xenófobas contra as persoas migrantes, e chaman a afundir os barcos que os recollen do mar ou maniféstanse contra os seus dereitos humanos máis básicos como aconteceu recentemente en Torre Pachego ou en Badalona. Nesta ocasión conversamos con Khati, unha moza peruana de 31 anos que leva 12 vivindo e traballando na cidade de Vigo.
Khati Losada Hoaman, Perú.
“ O que máis me molesta é cando me cruzo con alguén que trata de denigrar aos peruanos chamándonos -machu pichu-”
Queremos coñecerte un pouco mellor
Eu nacín en Perú en 1994.Son de Lima, a capital do país.
Ata cando viviches en Perú?
Ata os 19 anos. A esa idade xa me vin para Galicia.
Viñeches con alguén, supoño?
Non, vin soa. Vin a Vigo porque tiña unha amiga na cidade.
Ti agora tes 31 anos. Levas 12 anos vivindo en Vigo ininterrompidamente?
Si, sempre vivín nesta cidade.
Custouche obter o permiso de residencia e traballo?
Non foi nada doado, non. Naquel momento esixían 3 anos de traballo e a verdade durante un tempo a situación foi bastante complicada.
Chegaches a estar nunha situación irregular?
Si, ata que non pasou o tempo necesario para que me puidera regularizar si que estiven en situación irregular. Agora xa teño toda a miña documentación, estou en situación regular e conseguín traer á miña familia que están en Vigo vivindo comigo.
Botas de menos o teu país?
Eu estou contenta en Galicia pero si, si que o boto. Cando estás fóra sempre tes nostalxia do sitio no que naciches e no que pasaches os primeiros anos da túa vida. Por outra parte aínda teño familia alí. De cando en vez fágolles unha visita.
Como é Lima?
É unha cidade moi bonita pero non exenta de problemas. Lima é unha cidade inmensa, ten máis de 10.000.000 de habitantes. É un lugar de clima tépedo no que chove pouco e hai moitas persoas que non teñen acceso á auga que teñen que mercar en camións cisternas.
Aínda existen barrios pobres nos que viven persoas e situación de precariedade. Tamén hai barrios moi ricos separados do resto da cidade por valados de enorme altura. Está rodeada de áreas naturais de grande beleza como por exemplo os pantanos de Villa ou as Lomas de Alcón.
Se alguén quere visitala que lle recomendarías coñecer?
O centro histórico. É patrimonio da humanidade e ten moitas construcións de inmensa beleza como por exemplo: A Catedral, a Basílica de San Francisco, a Praza Maior, o Pazo de Torre Tagle…
Dinos algunha comida característica da zona na que naciches?
Se cadra a máis importante é o “ceviche”. Son peixes ou mariscos cociñados con limón e sazonados con allo e cebola. Tamén é moi apreciada a” causa rellena” , que é un prato consistente nunha base de pataca reenchida con polo.
E que che parece a comida galega?
Encántanme. Gústame todo, especialmente a carne. Se tivera que destacar unha eu creo que me quedaría co cocido. Adoro ir de furanchos.
Por que decidiches saír do país?
Porque quería unha vida mellor para min e para a miña familia, e malia que tanto o meu pai como a miña nai tiñan traballo, el taxista e ela empregada nunha fábrica, alí a cousa estaba bastante difícil.
Non che deu medo cruzar o mundo ti soa sendo tan nova?
Cando a necesidade aperta o medo queda nun segundo plano. Non foi fácil pero eu creo que as gañas de encontrar unha vida mellor axudáronme a superar calquera temor.
Encontraches racismo en Vigo?
Non especialmente, pero si algúns contextos desagradables.
Por exemplo?
O costume que teñen algunhas persoas de chamarnos “ machu pichu” aos peruanos é algo que vivín varias veces, e que me molesta especialmente. Pero xa che digo que agás ese tipo de cousas en liñas xerais sempre me sentín ben tratada.
Que traballos tiveches en Vigo?
Actualmente traballo en hostalaría. Tamén traballei en limpeza e coidei a persoas maiores.
En Perú estudaches?
Si, son mestra de educación infantil. A min gústanme moito os nenos.
A hostalaría é para toda a vida?
Nunca se sabe, pero a min encantaríame ter a oportunidade de traballar no que estudei. De feito cando poida intentarei sacar algo de tempo para poder estudar e tratar de validar o meu título de educación infantil.
Galicia é para sempre ou contemplas volver a Perú?
Non sei se para sempre, pero para bastante tempo seguro que si. Se volvo , será dentro de bastantes anos.
