Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2021
A Mesa pola Normalización Lingüística dá os parabéns ao Goberno español e a ERC polo acordo anunciado co que blindarán a igualdade das distintas linguas do Estado na Lei do Audiovisual e recorda que as forzas políticas galegas amosaron en múltiples ocasións a súa unanimidade neste sentido.
“Onte mesmo”, recorda o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “o Concello de Santiago aprobou por unanimidade a moción Xabarín 2.0. pola defensa do galego na Lei do Audiovisual que se está a debater no Estado e axiña farán o mesmo o resto dos Concellos do país, como xa fixeron tamén todas as forzas políticas do Parlamento Galego en dúas ocasións e como recordou o BNG no Congreso en datas recentes”. A entidade de defensa da lingua espera, polo tanto, que o galego reciba un tratamento igualitario nas cotas que se estabelezan.
Adxuntamos unha fotografía da concentración celebrada na tarde de onte na praza do Obradoiro, con motivo da votación da moción Xabarín 2.0. no Concello de Santiago. Tedes máis imaxes aquí.
Agradecemos a difusión e quedamos ao voso dispor para calquera aclaración.