ADEGA busca fondos para frear o proxecto eólico estivada, no centro xeográfico de Galiza

ADEGA busca fondos para frear o proxecto eólicoestivada, no centro xeográfico de Galiza

A asociación ecoloxista ADEGA activa outro desafío #TiPodesParalos para procurar recorrer o polígono eólico Estivada, proxectado en Antas de Ulla e Agolada.

A campaña #TiPodesParalos xa supera os 167.000 euros en doazóns.

Santiago de Compostela, venres 29 de setembro de 2023.

A asociación ecoloxista ADEGA chama á colaboración da cidadanía a través da campaña de doazóns #TiPodesParalos para emprender accións xudiciais contra un novo proxecto eólico autorizado: Estivada, nos concellos de Antas de Ulla e Agolada. A campaña #TiPodesParalos ten como obxectivo recadar os fondos necesarios para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galiza.

Moi próximo á Serra do Careón

O parque eólico Estivada, promovido por Green Capital Power, proxecta un total de 8 aeroxeradores de 200 metros de altura no centro xeográfico de Galiza, entre as provincias de Lugo e Pontevedra, en montes próximos á Serra do Careón, un espazo natural protexido como Rede Natura. Este proxecto ocupará terreos da comunidade veciñal de montes en man común de Ramil, Outeiro e Basadroa, e prevese que teña un efecto moi negativo nas nacentes do Ulla. A pouca distancia atópase o Camiño de Santiago ou as torrentes do Mácara e Ramil, e o propio monte no que se instarán os muíños ofrece vestixios de acoller un interesante campo de mámoas e petróglifos. A Eira da Xoana, centro de recuperación de saberes populares de ADEGA, tamén se localiza ao carón da poligonal eólica polo lado Norte.

A riqueza patrimonial e natural da zona, ademais da posible fragmentación artificiosa co P.E. Zamorra, leva a ADEGA a impulsar esta campaña de recadación colectiva cun obxectivo mínimo de 6.500 euros, establecido en dous retos correspondentes ás distintas fases de acción xurídica: en primeiro lugar, a presentación por parte de ADEGA do recurso de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental; e en segundo termo, a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como a solicitude de paralización cautelar. Para poder contribuír a este desafío #TPP,

ADEGA pon a disposición a seguinte plataforma online de crowfunding:https://tipodesparalos.helpbysc.com/estivada

Os proxectos Xeada e Orballeira, aos tribunais

A campaña #TiPodesParalos recadou ata o momento máis de 167.000 euros entre o fondo común e todos os desafíos activos para cada parque eólico. Os últimos en superar os seus obxectivos de recadación mínimos para poderen ser recorridos nos tribunais foron os proxectos Xeada e Orballeira, que xunto con Neboada, forman un macroproxecto eólico nas Serras do Courel e Valdeorras. Con eles, xa son un total de 21 os parques eólicos queADEGA recorrerá vía contencioso-administrativo no TSXG. A asociación ecoloxista agradece estes logros a toda a poboación comprometida coa campaña.

Ao mesmo tempo, ADEGA chama a facer un último esforzo para conseguiros fondos necesarios para poder impugnar tamén os parques Chao do Marco, Serra do Furco e Reboiro nos Ancares, e Fial das Corzas no Mazico Central ourensán, para os que o prazo está a piques de vencer.

Outros desafíos #TPP en activo

Todos e cada un dos desafíos #TPP de ADEGA que están actualmente activos, así como a información de cada un deles, poden ser consultados na páxina web principal da campaña#TiPodesParalos: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio. Ademais, ADEGA tamén vénde impulsar unha plataforma complementaria dende a que calquera persoa pode iniciar a súa propia recadación de fondos para apoiar á causa: https://retotpp.heroes.help/. Todas as doazóns que se efectúen poderán desgravar até o 80% na declaración da renda.

Para máis información: teléfono 698139913, 981570099.