Máis de 200 de estudantes, docentes e persoas voluntarias participaron na xornada de recollida ‘Móllate polos ríos’
Tomiño, 29 de setembro de 2023
Grande éxito de participación en Tomiño na xornada de limpeza simultánea ‘Móllate polos ríos’, unha iniciativa impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Adega, ao abeiro do Proxecto Ríos. Máis de 200 persoas entre alumnado, docentes e persoas voluntarias percorreron o pasado luns o río Pego, o Regato das Cerradas e o río Cereixo e a súas contornas para retirar todos os restos que se atopaban alí espallados.
Na xornada de limpeza tamén estivo presente persoal técnico de Medio Ambiente, así como a concelleira de Educación, Cristina Martínez, e a de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiros, que se repartiron entre os diferentes grupos para acompañar a todos os centros educativos participantes.
En total foron case 50 quilos de lixo recollidos por estas cuadrillas de voluntarios e voluntarias, a maioría deles nenos e nenas do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán, do CEIP Pintor Antonio Fernández, do CEIP de Tebra e do CEIP de Barrantes. Os centros educativos tomiñeses amosaron así un ano máis o seu compromiso co coidado do medio ambiente.
A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, quere “agradecer a implicación de todas as persoas participantes na xornada, xa que o seu esforzo e dedicación é testemuño do seu compromiso coa súa contorna. Cada bolsa de lixo que retiramos é un paso máis cara a un Tomiño máis limpo, saudable e medioambientalmente sostible”.