Aberto o prazo de solicitude de participación na XXIV Feira de Artesanía que se vai celebrar do 14 ao 17 de maio

Feira de Artesanía Tui

As persoas interesadas teñen até ás 23.59 do 1 de maio para inscribirse

Tui. Xoves, 21 de abril de 2022.

Hoxe vén de abrir o prazo para solicitar a participación na XXIV Feira de Artesanía que se vai celebrar do sábado 14 ao martes 17 de maio, na rúa Ordóñez, e nas prazas do Concello e San Fernando.

A Feira está organizada polo Concello de Tui, contado coa colaboración coa Asociación Galega de Artesáns. Tras o parón motivado pola pandemia, retómase esta tradicional cita coa artesanía, coa que se busca impulsar a promoción comercial do sector artesán galego e apoiar a divulgación da artesanía.

As persoas interesadas en participar, sexan persoas físicas ou sociedades, legalmente constituídos ou regularizados no réxime de traballadores por conta propia, segundo o caso, deberán estar en posesión da carta de artesá/artesáns. A inscrición está aberta até as 23.59 h do 1 de maio a través do formulario dispoñible en www.tui.gal. Ademais, as persoas solicitantes deberán remitir á organización fotografías representativas dos seus produtos ao correo comercio@tui.gal.  Está terminantemente prohibida a exposición ou venda de pezas non artesanais.

Na selección dos expositores terán prioridade as persoas artesáns solicitantes con razón social no Concello de Tui e comarca e as persoas artesáns tradicionais populares.  Valorarase tamén a calidade, singularidade e carácter diferencial da produción, a variedade de oficios representados na feira, que o obradoiro este radicado en Galicia e a presenza dos titulares ao fronte do posto durante a feira, e o ofrecemento do realización de obradoiros para o público.

O Concello disporá ata un total de 40 postos de venda que serán distribuídos entre a rúa Ordóñez,  a praza de San Fernando e praza do Concello. A Feira será inaugurada o sábado 14 de maio ás 12 h e abrirá cada xornada de 12 a 21 h. De forma paralela á actividade de exposición e venda a organización está a deseñar un programa que incluirá actividades musicais, obradoiros, demostracións en directo, e actividades infantís. Amais a celebración deste evento coincidirá coa celebración do Día das Letras Galegas e a Feira do Libro Galego en Tui.

As persoas interesadas poden solicitar información complementaria a través da dirección electrónica comercio@tui.gal.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN