Galiza Nova e o BNG de Tui lamentan que unha pinza do PP e PSOE impida a Tui ter un Local Social e unha Casa da Mocidade

Galiza Nova a Nova Peneira Concello de Tui

A organización xuvenil Galiza Nova cualifica de “lamentable” e “perda dunha oportunidade única” a negación á mocidade tudense e ao conxunto do tecido asociativo de un espazo público á disposición da sociedade no que desempeñar actividades de toda índole.

A proposta, presentada conxuntamente polo BNG e Galiza Nova, impulsaba a creación de un Local Social, que actuase como centro polivalente e Casa da Mocidade. Nel, buscábase dar solución á inexistencia de certos espazos para o encontro e uso de asociacións culturais, colectivos sociais, grupos xuvenís ou organizacións de calquera carácter.

Ademais, xurdía a posibilidade da existencia de locais para o ensaio de grupos musicais, espazos para a creación artística, desde talleres ata un espazo para uso de grupos de teatrais, ou mesmo salas de estudo.

“A dia de hoxe, o concello presenta grandes deficiencias en materia asociativa, e as demandas da mocidade non están a ser escoitadas. O feito de que o PSOE se opoña á existencia de este espazo que daría solución de algúns dos nosos problemas como mocidade alegando que “non cren que se deba acotar o uso do edificio agora mesmo” é esclarecedor de que para eles non existimos ou que non toman as nosas necesidades como algo urxente.” – afirma Sergio Martínez, Responsábel Comarcal de Galiza Nova.

Galiza Nova e o BNG expresan a necesidade de adopción de medidas inmediatas para dotar ás mozas e mozos, e colectivos sociais de Tui de espazos á súa disposición. “Lamentamos a hipocrisía do PSOE e do Partido Popular, aprobando minutos mais tarde unha proposta de Skate Park no mesmo espazo “cuxo uso non se debía determinar” e que ao noso parecer, ten cabida dentro da dedicación que demandamos para o edificio de Cam Fran.” – termina.

Os nacionalistas chaman ao PSOE e ao PP a realizar unha política seria e non “de aparencias”, afirmando que “se realmente lles preocupa a mocidade, que tomen medidas inmediatas para resolver os graves problemas estruturais que están a padecer”.

Ademais, reafírmanse na súa proposta, avanzando que darán continuidade ao proxecto “ata que as necesidades da sociedade tudense neste ámbito fiquen cubertas.”