Aprobada pola unanimidade do pleno a proposta en relación á situación das prazas no centro de adultos da asociación San Xerome Emiliani

San Xerome O Rosal A Nova Peneira

Desde o Concello queremos mostrar o compromiso coa Asociación San Xerome Emiliani da Guarda, que realiza actividades con alumnado con necesidades específicas e discapacidade intelectual,  e cos seus usuarios e usuarias, polo que no pleno ordinario celebrado este xoves 28 de novembro  aprobouse por unanimidade a proposta que se expón a continuación. Cabe destacar que de xeito acordado na Comisión informativa de asuntos plenarios celebrada previamente ao pleno acordouse por todos os grupos políticos presentala como unha proposta conxunta no pleno.

“Estimados veciños e representantes políticos de O Rosal dende a Asociación S. Xerome Emiliani de A Guarda nos diriximos a vostedes para poñer de manifesto unha situación gravísima pola que dúas persoas, Oscar e Sandra, con especiais dificultades de desenvolvemento e despois de ter estado mais de dez anos no Centro Educativo S. Xerome Emiliani se ven obrigados a quedarse nas súas casas dende setembro de este ano por non dispoñer de praza no Centro de Adultos de esta Asociación.

Oscar e Sandra son persoas con discapacidade intelectual que teñen grandes necesidades de apoio e a súas especiais dificultades de desenvolvemento lles impiden levar  unha vida normal de maneira autónoma.

En S. Xerome viven en un ambiente normalizado onde participan de actividades inclusivas, estimulantes e atractivas para eles; se relacionan cos seus amigos e teñen a posibilidade de desenvolver os seus intereses persoais, Sociais e intelectuais independentemente dos apoios que necesiten.

Por outra banda as súas familias, especialmente as súas nais, son coidadoras 24 horas de 24 e 365 días o ano das que 8 horas diarias, nas que os seus fillos estaban no Centro S. Xerome, eran as únicas das que dispoñían para descansar, coidarse e traballar.

En este momento no S. Xerome hai prazas dispoñibles, que poderían ocupar Sandra e Oscar de non ser por temas burocráticos e de financiación que debe de resolver a Administración- Xunta de Galicia.

Pedímosvos a todos os que sexades sensibles a esta situación o voso apoio a esta moción para, unha vez mais, acudir aos nosos representantes políticos na Xunta de Galicia para que resolvan de maneira urxente esta situación tan delicada e que non se atén a dereito.”

Por todo o anteriormente exposto, acordouse reclamar da Consellería de Política Social unha solución á cuestión formulada na exposición de motivos, dado que é o organismo competente e coa capacidade económica para facelo.

Así mesmo, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, como presidenta da Mancomunidade do Baixo Miño e de xeito acordado con todos os alcaldes e alcaldesas dos Concellos da Mancomunidade, Tui, Tomiño, A Guarda, O Rosal e o Centro San Xerome Emiliani, ven de solicitar unha reunión conxunta coa Conselleira de Política Social en relación coa cuestión formulada.