Tomiño construirá con axuda da Deputación o primeiro “camiño escolar” do municipio

Camiños escolares Tomiño

A obra levarase a cabo na estrada provincial E.P. 3102, no tramo que da acceso á igrexa de Santa María, o cemiterio e o colexio CEP Pedro Caselles

Concello e Deputación asinarán un convenio que irá a pleno a semana entrante, co fin de mellorar a funcionalidade da vía e a súa seguridade, tanto para o tráfico rodado como peonil

Tomiño, 27 de maio de 2021

O Concello de Tomiño disporá do primeiro “Camiño Escolar” da zona; un proxecto no que o goberno local vén traballando dende hai tempo e que agora poderá materializarse co apoio da Deputación de Pontevedra, a través dun convenio de colaboración que irá a pleno a vindeira semana.

A obra levarase a cabo no tramo da estrada provincial E.P. 3102 comprendido entre o CEP Pedro Caselles e a intersección coa nova Avenida Baixo Miño. Na actualidade o firme atópase deteriorado e o itinerario peonil presenta un ancho insuficiente estando en mal estado. Nun futuro se plantexa acondicionar tamén os camiños municipais que conectan esta zona co centro da vila.

O vial propiedade da Deputación, da acceso a varios equipamentos de Tomiño, tales como a igrexa, o cemiterio e o colexio CEP Pedro Caselles, polo que organismo provincial elaborou o proxecto “Mellora da mobilidade peonil no camiño escolar na E.P. 3102 ao CEP. Pedro Caselles”, co cal se pretende acondicionar este treito da estrada co fin de mellorar a funcionalidade da vía e a súa seguridade tanto para o tráfico rodado como peonil.

As obras, por valor de 286.235,07 euros, incluirán a construción dunha senda para os peóns na marxe dereita e a renovación do pavimento.
Ademais adaptarase a drenaxe de pluviais, renovarase a iluminación e soterraranse os servizos de electricidade e de telecomunicacións.

O Concello de Tomiño é consciente da necesidade de aumentar a seguranza viaria en toda a rede de estradas para a protección dos colectivos máis vulnerables. “O obxectivo é conformar un contorno viario seguro e tranquilo, fomentando a convivencia de todos os medios de transporte e sistemas de desprazamento, así como repartir de xeito equitativo o espazo público”, explican dende o goberno local.

Compre lembrar Concello de Tomiño, co apoio da Deputación de Pontevedra, acolleuse no ano 2015 ao proxecto socioeducativo “Camiños Escolares”, coa finalidade primordial de que nenas e nenos poidan desprazarse de forma autónoma, apostando por unha mobilidade saudable, sostible e segura.
Dentro dunha primeira etapa de diagnose, realizáronse daquela actividades nas aulas do CEP Pedro Caselles e de recoñecemento no terreo, cos grupos de 5º e 6º de Primaria acompañados polo equipo técnico que redactou o proxecto definitivo.

Outros dos eixes vertebradores deste proxecto é a filosofía da Cidade dos/as Nenos/as; proxecto internacional apoiado polo recoñecido pedagogo Francesco Tonucci (que visitou Tomiño en 2017) que tenta conseguir unha maior autonomía, mobilidade, participación e seguridade dos escolares, para que poidan ir ao cole e outros espazos públicos sen ser acompañados.