O BNG critica o “desprezo” de Abel Caballero tras anunciar os premios Vigueses/as Distinguidos/as sen contar co resto de forzas políticas

Xabier P. Igrexas

A fronte nacionalista denuncia que os galardóns foron comunicados só nos medios de comunicación pero non aos demais grupos que conforman a Corporación Municipal.

Xabier P. Igrexas lamenta a falta de pluralidade na elección das persoas galardoadas e que as propostas feitas en marzo polo BNG de Vigo continúen aínda sen resposta.


VIGO, 29 de outubro 2021.

O Bloque Nacionalista Galego denunciou este venres “unha nova demostración do desprezo constante” do alcalde de Vigo, Abel Caballero, tras anunciar os premios Vigueses e Viguesas Distinguidas sen contar co resto de forzas políticas, así como notificar a data para celebrar o acto institucional polo Día Nacional de Galiza, suspendido o pasado mes de xullo. Ambas citas terán lugar o vindeiro 15 de novembro, segundo fixo público o rexedor na prensa.

“Desde o BNG temos que lamentar máis unha vez que este tipo de cuestións sexan trasladadas primeiramente aos medios de comunicación pero non sexan comunicadas, como debera, aos representantes das diferentes forzas que facemos parte da Corporación Municipal”, criticou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.

Desde a fronte nacionalista cuestionaron tamén a falta de pluralidade na elección das persoas galardoadas, sen contar coas suxestións do resto de grupos políticos. Así, as propostas do BNG de Vigo formuladas desde o pasado 28 de marzo seguen a día de hoxe sen resposta.

Por un lado, as nacionalistas quixeron poner en valor o traballo do Centro Veciñal e Cultural de Valadares, que cumpre 50 anos de actividade este 2021. Por outro, do presidente da Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familias de Residencias de Maiores (REDE), Paulino Campos, en recoñecemento “da enorme labor que este colectivo fixo na defensa dos dereitos das persoas usuarias de residencias nun contexto tan complexo e onde sufriron os efectos directos das nefastas políticas que o PP desenvolveu durante a xestión dos primeiros meses da pandemia”, salientou Igrexas.