A alcaldesa, Ánxela Fernández, anuncia que “a veciñanza pronto poderá desfrutar deste espazo natural, innovador e inclusivo no noso centro urbano”
O Rosal, 29 de outubro de 2021
O núcleo urbano do Calvario no Rosal pronto desfrutará do seu novo ecoparque, un espazo verde no centro do municipio que combina natureza, lecer e inclusividade. Recibe o nome de Sobreiral, pola abundancia de sobreiras no espazo, e será, en palabras da arquitecta María Fandiño, un parque onde os rosaleiros e rosaleiras poderán vivir e sentir a natureza dentro dun conxunto de sobreiras, carballos e pinos de máis de 4.000 metros cadrados no que se integran espazos destinados a primeira infancia con xogos sensoriais, e de motricidade, unhas pequenas gradas para desfrute da veciñanza, xogos tradicionais, así como xogos que fomentan a creatividade, en concreto de carácter musical vinculados co gran valor patrimonial que ten a música no concello.
A alcaldesa, Ánxela Fernández, explica que o novo ecoparque “estará listo pronto” e incide no gran valor de contar con este espazo a “soamente 50 metros da praza do Calvario”. “O Sobreiral será un pulmón de vitalidade para o centro do Rosal e tamén para todo o municipio, xa que non hai ningún espazo similar en toda a comarca”, anuncia a rexedora.
O Sobreiral tamén destaca pola súa gran aposta pola biodiversidade. “Quixemos integrar todos os elementos na contorna natural”, explica Ánxela Fernández, “e por iso todo o mobiliario é de madeira”. Bancos corridos, gradas, butacas, escaleiras, ramplas de acceso e xogos quedan complemente mimetizados coa cor das cortizas das árbores. Tamén se están a crear pequenas topografías de xeito que os nenos e nenas poidan sentir a natureza ao máximo, e plantando especies vexetais que melloran a saúde do solo.
O novo ecoparque estrearase proximamente coas cores propias do outono, pero o Sobreiral “vai cambiar coas estacións ao longo do ano”. Con este novo espazo o Concello ofrece un servizo ás familias con fillos menores de idade que hai no núcleo urbano e que reclaman espazos de lecer e convivencia. Este proxecto súmase ao recente Ecoparque Campo Novo, en Viso dos Eidos, dentro da estratexia do Concello para a creación de zonas verdes, innovadoras e inclusivas, para mellorar o benestar e a saúde da veciñanza e por en valor así o patrimonio rural e natural do Rosal.
O ecoparque conta cun orzamento de case 50.000 euros, financiado con fondo propios do Concello e unha axuda da Xunta de Galicia.