Entre as novas propostas atópanse predeporte para educación infantil e kung fu e xadrez para alumnado de primaria
Tomiño, 29 de outubro de 2021
Tras á volta á normalidade, cerca de 200 nenos e nenas se apuntaron ás actividades presenciais ofertadas polo Concello de Tomiño de forma totalmente gratuíta.
Como cada ano, ao inicio do curso escolar, dende a Concellería de Educación do Concello de Tomiño, ofértanse unha serie de propostas de actividades a escoller polas ANPAs (Asociacións de nais e pais do alumnado), para ser incluídas na oferta extraescolar de cada centro, animándoselles ao mesmo tempo a propoñer novas actividades que lles interesen ou que consideren que poden ser demandadas polo alumando.
Este curso –segundo informa a concelleira de Educación, Cristina Martínez- ademais das actividades que xa se viñan realizando en anos anteriores, ofértanse novas propostas, como Predeporte para educación infantil e Kung Fu e Xadrez para educación primaria.
A pesar de que o curso pasado, debido a situación sanitaria, non se puideron por en marcha as actividades, este ano decidiuse, despois de ter contacto cas ANPAS e cos equipos directivos dos centros, volver pouco a pouco á normalidade e comezar coas actividades extraescolares a principios de outubro, como se viña facendo habitualmente. Iso si; antes de iniciar as actividades, falouse cos monitores/as sobre a importancia de cumprir e manter as medidas de seguridade que se recollen no “Protocolo de adaptación ao contexto COVID-19 nos centros de ensino”.
Entre as actividades escollidas para este curso escolar figuran as seguintes:
1. EMOCIÓNATE
Esta actividade pretende ensinar aos nenos e nenas as competencias emocionais que lles permitan enfrontarse á vida diaria. Entre os contidos que se traballan están o coñecemento e avaliación das emocións (positivas e negativas), a empatía, resolución de problemas e conflitos ou as habilidades de comunicación.
2. LINGUA DE SIGNOS
Nesta actividade os rapaces e rapazas experimentan unha nova canle de comunicación, sendo conscientes da utilidade da Lingua de Signos. A utilización deste tipo de linguaxe no seu día a día serviralles para que poidan expresar os seus desexos e necesidades dunha maneira diferente.
3. PREDEPORTE
Esta actividade presenta unha iniciación ao deporte para os máis pequenos, descubrindo os diferentes deportes tradicionais a través do xogo. A clase de predeporte inicia ao neno/a na práctica do exercicio físico nun ambiente lúdico, combinando as actividades deportivas coas lúdicas e formativas.
4. MULTIDEPORTE
O multideporte baséase en descubrir os diferentes deportes a través do xogo. O neno/a desenvólvese nun ambiente de liberdade, adquire responsabilidade, auto disciplina e a consideración polos demais. Tamén aborda valores como o respecto e a confianza de traballar en equipo.
5. XADREZ
Os contidos desta actividade son de carácter xenérico, xa que son etapas con carácter de iniciación nas que se sentan as bases para aprender novas habilidades e destrezas. Coñeceranse os movementos básicos das figuras do xadrez, así como posibles estratexias.
6. KUNG FU
Contribúe ó desenrolo integral do neno/a; isto é fomentar valores como a auto disciplina, o respecto, a solidariedade, a colaboración e a mellora actitudinal en xeral. Tamén se pretende unha mellora das calidades físicas e coordinativas.
Nas actividades onde a demanda de inscrición era máis alta, desdobrouse ao alumnado en dous grupos, segundo as idades, facendo máis sinxelo para os monitores/as a planificación das diferentes clases.