
O concerto de Ana Belén Rodríguez trío, tivo lugar a noite do 16 de xullo na praza da Catedral de Tui. Foi o segundo concerto do ciclo Música no Ar da Deputación de Pontevedra, co que se pretende usar espazos emblemáticos da provincia como escenarios para diversos espectáculos.
Acompañada no escenario pola cantante Noelia Álvarez Rodríguez e na batería por Fran Leboso, fixeron un percorrido por un repertorio moi variado formado por temas como Lágrimas negras, With or without you, This is me ou Total eclipse of the heart.
A música foi a protagonista pero o escenario, situado no Pórtico da Catedral encheuse de luces e efectos para que todo o público se deixase levar pola orixinalidade do espectáculo.
Este concerto foi posible grazas á iniciativa da Deputación para promover a cultura, á súa Presidenta Carmela Silva, á Directora de Cultura Paula Cabaleiro e a Deputada provincial Victoria Alonso; ao concello de Tui por prestar a súa cidade e acoller o espectáculo, en concreto a seu Alcalde Kike Cabaleiro, á súa concelleira de Cultura Sonsoles Vicente e a de Facenda Yolanda Rodríguez; e ao Deán da Catedral, José Diéguez por ceder un pórtico emblemático e así poder convertilo nun escenario único.
De esquerda a dereita :
Paula Cabaleiro Directora de Cultura da Deputación de Pontevedra.
Yolanda Rodríguez concelleira de Facenda de Tui.
Sonsoles Vicente concelleira de Cultura de Tui.
Kike Cabaleiro Alcalde de Tui.
Noelia Álvarez, cantante do concerto.
Ana Belén Rodríguez García, pianista do concerto.
Victoria Alonso, Deputada provincial e voceira do PSOE de Mos.
Ana Belén Rodríguez García estudou piano clásico no Conservatorio Superior de Música de Vigo e recibiu clases de pianistas da talla de Peter Efler, Eulalia Sole´, Olga Semouchina ou Luiz de Moura Castro entre outros. Obtivo o diploma en Música Moderna e Jazz pola escola Estudio de Santiago de Compostela. Actualmente dirixe a súa propia aula de música, Pianagrama, e é acompañante da Royal Academy of Dance, escola inglesa de danza onde interpreta as obras para as bailarinas e bailaríns nos exames oficiais desta institución. Actualmente tamén forma parte do grupo de rock-pop KAF! no que toca diversos instrumentos e canta.
Noelia Álvarez é vocalista desde os 15 anos e profesora en diversas escolas da zona. Forma parte de diversos proxectos musicais coma Two in the Mirror ou Aretha Franklin Tribute Band.
Fran Leboso é músico multiinstrumentista e nesta ocasión acompañou a Ana Belén na batería; compositor, vocalista e guitarrista do grupo Kaf! Compaxina a súa faceta musical coa docencia na academia Traktys e Pianagrama.