Tomiño recoñece os logros dos piragüistas Manuel Ochoa e Emilio Rodríguez

Tomiño recoñece os logros dos piragüistas Manuel Ochoa e Emilio Rodríguez

O Concello ofreceu este venres unha recepción na que gabou as súas traxectorias, así como o labor que está a realizar Rodríguez coa canteira

Tomiño, 9 de setembro de 2022

O Concello organizou esta mañá unha recepción aos piragüistas tomiñeses Manuel Ochoa e Emilio Rodríguez, dous deportistas que están acadando importantes logros para este deporte a nivel nacional e internacional e que levan o nome de Tomiño por todo o mundo. “Estamos moi orgullosos e orgullosas da canteira que temos, do traballo que están a facer e da implicación coa que viven este deporte”, salientou a alcaldesa, Sandra González.

A rexedora gabou os últimos trunfos de Manuel Ochoa, que fixo historia ao acadar a medalla de prata na Copa do Mundo de Slálom Extremo, coroándose como un dos mellores deportistas do mundo nesta categoría. Durante a recepción, González tamén o animou a seguir loitando polos seus soños. Un recoñecemento na súa propia terra que para Ochoa é “moi importante, porque ao final é de onde veño, onde comecei a adestrar e o que me preparou para a miña carreira e para os logros que estou obtendo”. “Agora as miñas miras están postas nos Xogos Olímpicos, un proxecto que sei que non é doado pero polo que loitarei ata o final. Sempre fun subindo chanzo a chanzo e continuarei facéndoo para que non se quede nun reto e que os meus soños se convertan en realidade”.

Sandra González tivo tamén unha verbas de eloxio para Emilio Rodríguez, “ao que lle dariamos o ouro non só polos seus logros deportivos, senón pola súa entrega e dedicación ao Club Deportivo Miño-Teixugos, polo seu cariño polos nenos e nenas, por crear unha canteira de luxo, por compartir cos demais a súa paixón por este deporte e por facelo sempre dun xeito desinteresado”. Como aseguraba Emilio Rodríguez, “para nós é unha alegría que recoñezan o labor e o esforzo que facemos para chegar a todos os nosos retos. E é impresionante o agarimo que recibimos de toda a xente, que ven como tratas aos nenos e nenas e como van crecendo pouco a pouco como deportistas e persoas dentro do club”.