Susana Cabaleiro SX do PP de Redondela

Susana Cabaleiro

Despois da volta de Javier Bas ao liderado dos populares de Redondela estes traballan a toda máquina para tratar de transmitir a imaxe de que Redondela padece un goberno calamitoso e que só o PP é a alternativa posible para solucionalo. E se alguén coñece as profundidades do PP de Redondela é Susana Cabaleiro, a súa SX , e nós falamos con ela. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

En Redondela votar ao BNG ou votar a AER é o mesmo que votar a Digna Rivas”

Canto tempo levas como SX do PP?

Moi pouco, fun escollida no último congreso, cando eliximos a Javier Bas presidente da agrupación de Redondela.

Pero ti levas moitos anos militando ?

Si, desde os 18 anos que foi cando me afiliei a Novas Xeracións.

E que leva a unha moza de 18 anos a afiliarse ao PP?

Ben, a min sempre me interesou a política, xa desde nena. E o PP é a formación política que máis se parece á miña forma de entender a realidade. Por outra parte o meu pai militou no PP toda a vida. Lembro cando eu era nena, e el chegaba polas noites das reunións ou das coladas de carteis, como eu o esperaba sempre desperta, nerviosa e emocionada, para que me contase todo, absolutamente todo.

Antes da secretaría xeral tiveches algunha outra responsabilidade orgánica?

Fun durante oito anos a secretaria de organización da nosa localidade.

Entón podemos dicir que es a comisaria política e a que coñece o partido ata as tripas?

Ha ha ha ha, podemos dicilo si. De feito “comisaria política” é como me chama Javier Bas cando está de brincadeira comigo.

Podes opinar logo, con absoluto coñecemento de causa, de como está a saúde da organización en Redondela?

Pois si, e dígoo de maneira plenamente obxectiva: O PP de Redondela goza dunha saúde extraordinaria. A afiliación non para de subir e hai moita xente que, sen que nós a busquemos, se achega á nosa formación solicitando afiliarse. En Redondela hai un estado de opinión maioritario de desencanto con este goberno e moitas persoas, incluso xente que nunhas xerais ou nunhas autonómicas non nos votarían, buscan no PP de Javier Bas a seriedade o rigor e a solvencia que é imposible atopar no goberno de Digna Rivas.

Porén Susana, un proceso como o que estades a vivir vós: a volta dun líder que, despois de perder unha responsabilidade institucional, neste caso a alcaldía, nas urnas, regresa a competir de novo polo posto que xa perdeu, soe ser indicativo de que non hai recambio. Javier Bas volve porque o PP de Redondela carece de recambio?

De ningunha maneira. O PP de Redondela ten un capital humano moi importante. E en verdade cho digo temos varias persoas que por formación, capacidade política , intelixencia e amor por Redondela poderían ser magníficos alcaldes ou alcaldesas. Nós, neste mandato, levamos facendo política 3 anos e medio con toda a intensidade da que somos capaces, facendo oposición no concello e facendo política a pé de rúa escoitando os problemas dos veciños e tratando de contribuír a darlles solución .E iso fano día si e día tamén as e os militantes do PP que somos moitos e cun corpo amplo de potenciais alcaldes ou alcaldesas.

Entón por que volve Javier Bas?

Hai un clamor na sociedade redondelá demandándoo. É dar un paseo con el pola rúa e estar parando continuamente pola cantidade inmensa de veciños e veciñas que se achegan a pedirlle que volva. Javier ten moitísimo tirón en Redondela e cremos que é o mellor candidato. O corpo de militantes nosos concorda con esta decisión de maneira unánime

Agora toca valorar ao goberno municipal?

É un desastre

Así, literalmente?

Si, por desgraza, si.

Por que?

Ningunha área do goberno funciona minimamente ben. Por exemplo a área de deportes é desastrosa temos un concelleiro fantasma que aparece polo concello de cando en vez, que o único que fixo foi aumentarse o soldo pero a súa dedicación segue sendo a mesma: ningunha. Se falamos de vías e obras non podemos mencionar nada, porque non hai nada. Este goberno dixo que ía ser o da participación e a transparencia e ambos conceptos non existen na súa acción política. As parroquias están completamente abandonadas, parouse o saneamento que facía o noso goberno e o que é ,máis grave : quitóuselles a voz, pois levan 3 anos e medio sen facer consellos parroquiais. No caso de urbanismo o plan xeral leva tres anos e medio desaparecido

Ben, no feito de que Redondela careza de plan xeral algunha responsabilidade teredes vós que estivestes 8 anos no goberno?

Nós deixamos o plan xeral feito e presentado na Xunta de Galicia que xa o devolveu .Agora teríano que levar a pleno e unha vez aprobado abrir un prazo de alegacións pero unha vez máis, nun asunto relevante para Redondela, o que nos encontramos é a inacción do goberno municipal.

E servizos sociais?

Ese departamento é o máis importante de calquera goberno municipal pois é o que atende ás persoas máis vulnerables e que máis axuda precisan. E se o goberno en liñas xerais faino moi mal, o caso dos servizos sociais é desastroso en grao superlativo. Fíxate se é así que o pleno acaba de reprobar á alcaldesa facendo coincidir no voto afirmativo á reprobación a dúas forzas tan distintas como o PP e o BNG, tamén quero salientar que a abstención de AER neste asunto é inexplicable e indefendible. A situación do SAF é de tal gravidade que en verdade a calquera persoa que teña un mínimo de sensibilidade cara aos seus semellantes debería darlle medo.

A adxudicación do SAF mudou de empresa e o PP non votou a favor do prego . Por que?

Pois porque o prego non era realista, primaba máis o aspecto económico que o servizo en si. A empresa comezou hai 5 meses e non está cumprindo en absoluto as condicións do contrato

Que opinas da remodelación da praza de Ponteareas?

Ese é un proxecto que deixamos nós hai 3 anos e medio e a idea está ben claro, pero na súa execución perdeuse a oportunidade de que quedase moito mellor. Hai demasiado formigón

Como valoras o resultado do entroido de verán 2022?

Este goberno só acerta cando rectifica. Así pasou coa festa do Choco pois tiveron a nefasta idea de non poñer carpa, de feito xa anunciaron que na seguinte edición si que a vai haber, e así pasou tamén co entroido,pois no primeiro que organizaron cargáronse os seus sinais de identidade, como por exemplo a gala drag que non lles quedou outra que recuperar

Na corporación actual a esquerda de Redondela ten 12 actas( 7 PSOE, 3 AER, 2BNG) fronte ás 9 que ten o PP. Sendo realistas, Susana, parece moi difícil que esteades en disposición de recuperar á alcaldía. Teriades que subir a 11 e non semella un obxectivo nada doado?

Ben, nós gobernamos 8 anos sen ter maioría absoluta, e nunca se sabe o que pode acontecer. En calquera caso somos conscientes de que acadar 11 actas é a única maneira que nos vai asegurar gobernar e de poder aplicar con tranquilidade o noso programa electoral. Nós cremos que é posible é imos traballar con toda a ilusión e con intensidade máxima para conseguilo. Eu sei que hai votantes de esquerdas que nunca nos votarían noutro proceso electoral pero que si van darnos a confianza nas eleccións municipais porque o proxecto que encabeza Javier Bas é a única alternativa seria ao desgoberno que padece Redondela. E atrévome , con toda a humildade, a pedir aos votantes de esquerdas que son conscientes da realidade que padece o noso pobo que nos dean a súa confianza pois en Redondela votar ao BNG ou votar a AER é o mesmo que votar a Digna Rivas.