
Desde hai dúas décadas, cada ano, cando agroman as flores de abril a sociedade redondelá agarda ilusionada a unha nova edición do seu festival de títeres que adoita celebrarse nos meses de maio ou xuño. Desta volta a situación sanitaria fixo imposible que se desenvolvese nas datas habituais. Porén o entusiasmo, o interese e a vontade inquebrantable dos seus organizadores logrou que a súa maxia seguira asolagando de ilusión aos corazóns da veciñanza de Redondela, e neste mes de setembro, nun formato máis reducido, puidemos gozar dunha nova edición do festival. Nós falamos con Luís o seu director, Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
LUIS CRESPO DIRECTOR DO FESTIVAL
“O FESTIVAL DEIXA PEGADA NO CORAZÓN DAS PERSOAS, E NÓS ESTAMOS MOI ORGULLOSOS DE QUE ASÍ SEXA”
Esta foi unha edición atípica. Cóntanos as súas características?
Tendo en conta a circunstancias, a valoración é moi positiva. Nós asumimos bastante risco en organizar o evento neste contexto tan difícil, e a resposta da veciñanza moi boa. Eu estou moi satisfeito de que o noso festival poida seguir axudando a ser un motor para o desenrolo , tanto das compañías, como de Redondela e a súa comarca.
E sobre todo ser un motor de esperanza para a infancia?
Iso é o máis relevante, aos monicreques non os vence ninguén
As entradas estaban esgotadas á semana antes de comezar. Xa estades tan inseridos na psique colectiva de Redondela que semella que sodes inmortais?
O primeiro en esgotarse foron as entradas de sala. Pola redución de aforo que esixe as precaucións sanitarias, o número que podiamos ofertar era menor có habitual , e nun par de días todas foron vendidas. As entradas de rúa , arredor de 2.200, case se esgotaron tamén. Teño que salientar a inmensidade de persoas que pasaron polo museo Xan Carallás .É difícil cuantificar o número de persoas que nos distinguiron coa súa compañía, pero abofé que foron moitas. E como che dixen antes estou realmente contento do grado de conexión entre o noso festival e Redondela
Cantos artistas pasaron este ano polo festival?
Viñeron 23 compañías. A nosa aposta para este ano foi contar cunha forte presenza de compañías galegas. Viñeron 16 compañías galegas, 5 españolas e 1 arxentina
Explícanos dúas das novidades desta edición: a exposición nos escaparates de Redondela e o do museo Xan Carallás que antes mencionabas?
Son ideas que fomos argallando ao longo dos meses previos e que tiñan o obxectivo de fomentar a participación cidadá nun contexto de seguridade para o espectador e para o artista .A exposición nos escaparates supuxo só beneficios: implicación dos negocios, permanencia no tempo da exposición e seguridade neste contexto epidémico. E no que respecta ao museo , que como sabes foi ao aire libre na alameda da Vila, pois permíteme citar aquelas fermosas palabras de Lorca: ”Botemos abaixo as paredes dos museos”, foi un pracer presentar unha exposición pictórica de tanto nivel aos nosos veciños e veciñas
Ti es un artista poilédrico, tes relación tanto persoal, como pola túa parella, co mundo da pintura. Supoño que a satisfacción de poderdes presentar esa exposición pictórica sería múltiple?
Levas razón. Todo comeza por un óleo de homenaxe que pinta a miña compañeira, e a partir de aí abrimos un vieiro a procura de obras de arte que homenaxearan ao mundo do títere
Este ano penso que a presenza do festival nas redes sociais foi moito maior que en edicións anteriores, non?
Sempre houbo, forma parte da nosa identidade. O festival converteuse nunha cita importante no calendario e en certo embaixador cultural de Redondela cara ao mundo exterior. E eu creo que nas redes sempre houbo moi boa resposta tanto na difusión como no compromiso co festival. E non só nas redes, o festival é dos eventos que se comenta no boca a boca, nas rúas nas tendas e nas distintas formas que os humanos temos de interaccionar. O festival deixa pegada no corazón das persoas, e nós estamos enormemente orgullosos de que así sexa.
Rematamos preguntándoche pola vindeira edición. Estamos xa pensando nela?
Si claro que estamos pensando no ano 2.021.Este ano , non quedou máis remedio que deixar compañías atrás, e nós xa estamos argallando ideas para ver como construímos a próxima edición. Tamén é certo que estamos á espera de ver como evoluciona a situación sanitaria para determinar, en principio a data
Este ano facela en setembro foi excepcional?
Desde logo. Como sabes as datas naturais do festival son os meses de maio ou xuño, pero desta volta non quedou outra. Para o ano veremos como están as cousas. Porén a maquinaria non para , xa estamos elaborando un programa para o ano próximo e falando con distintas compañías.