MAICA LARRIBA GARCÍA, Subdelegada do goberno na provincia de Pontevedra

MAICA LARRIBA GARCÍA, Subdelegada do goberno na provincia de Pontevedra

Policía Nacional e Garda Civil coinciden en que en Pontevedra a problemática da ocupación de vivendas non existe, só está nos medios”

A Subdelegada resalta o labor realizada polos corpos e forzas de seguridade durante o Estado de Alarma e especialmente a intervención do exército nos centros de maiores onde, recoñece, enfrontáronse a unha grave problemática de infeccións

Di que “o PSOE é un partido republicano, está na súa historia e nos seus estatutos pero é un partido de goberno e a xefatura de Estado non é o debate prioritario para a cidadanía neste momento”

Maica Larriba García (Pontevedra, 1953) é sen dúbida unha das persoas da provincia nas que o presidente Sánchez ten maior confianza. Apoiouno nos momentos máis duros da súa traxectoria política e el amosoulle o seu recoñecemento integrándoa no comité federal do PSOE, formación pola que xa fora concelleira de Pontevedra entre 1987 e 1995 e delegada de Presidencia no bipartito autonómico. Actual secretaria da agrupación local, desde xuño de 2018 exerce como subdelegada do Goberno e polo tanto, foi a máxima autoridade no territorio tras a implantación do mando único no Estado de Alarma provocado pola xestión da pandemia da COVID. 

Gustaríanos que fixese unha valoración destes dous primeiros anos dunha xestión, supoño, moi condicionada pola crise sanitaria. 

Foron dous anos intensísimos, pero intensísimos. Primeiro polo momento e a forma en que se produce o cambio de goberno, a través dunha moción de censura que loxicamente dificultou moito o traspaso. Logo, pola presunción de que era un mandato que ía durar pouco e axiña habería convocatoria electoral. Iso fixo que a presión fose fortísima. Asuntos que levaban anos durmindo o soño dos xustos de súpeto pasaron a ser cuestións de máxima urxencia. Infraestruturas ou débedas históricas que tiña o goberno de España con outras administracións saíron á luz como se esqueceran que durante moitos anos o goberno estivera en mans do Partido Popular, que era quen as tiña que ter solucionado. Cando se produce o cambio hai unha mobilización xeral para esixirllas ao novo goberno, e, ademais de todo iso, houbo dúas eleccións xerais, unhas eleccións municipais, unhas autonómicas… En fin, un tempo duro. 

E logo chegou a pandemia…

Desde o mes de marzo, a pandemia esixiu que nos dedicásemos en corpo e alma, sen horario, a preservar a saúde da poboación. Traballamos con moita responsabilidade, con moito compromiso, pero tamén con moito esgotamento tanto no equipo desta Subdelegación como no conxunto do funcionariado da administración estatal, que en condicións moi duras tivo que seguir levando a cabo tarefas imprescindíbeis. Hai que ter en conta que da administración do Estado dependen servizos esenciais tanto para a saúde como para garantir o abastecemento de alimentación: Inspección de Pesca, portos, fronteiras… Iso levou ao persoal a niveis de estrés e esgotamento extraordinarios. 

A esas responsabilidades cotiás, realizadas en condicións extremas, hai que engadir o feito de que o 14 de marzo asume o mando único en materia de Seguridade…

Iso hai que recalcalo, que soamente foi en materia de Seguridade. Quero deixalo moi claro: nós non asumimos competencias propias doutras administracións. As policías locais quedaron baixo o mando único da Subdelegación pero podían, por exemplo, seguir poñendo multas por mal estacionamento. Pois exactamente o mesmo pasou con Sanidade ou con Educación onde a administración autonómica ten competencias exclusivas. Así o establece o Real Decreto: “sen menoscabo das competencias propias de cada administración” pero iso foi terxiversado…

Non houbo boa sintonía entre as distintas administracións…

Eu podo responder polo que foi a nosa responsabilidade. Nós mantivemos sempre unha lealdade absoluta e a vontade de coordinar baixo esa idea de que este virus vencerémolo con unión. Mantivemos sempre a máxima colaboración, non entramos en ningún tipo de provocación nin cuestionamos o traballo doutras administracións… 

Semella que co paso do tempo houbo un cambio no papel dos corpos e forzas de seguridade do Estado, especialmente do exército. Nun primeiro momento parecía ter unha actuación centrada no control da poboación e logo centrouse máis en tarefas de colaboración, como a desinfección dos centros de saúde. É así?

O labor de todas as forzas e corpos de seguridade do Estado é impagábel. No caso concreto do exército, o Ministerio de Defensa formaba parte do mando único xunto con Sanidade, Transportes e Interior e desde o primeiro momento púxose en marcha a operación Balmis que implicaba a participación da Unidade Militar de Emerxencias tanto na patrulla das rúas como na desinfección de puntos estratéxicos onde a transmisión do virus podería ser máis intensa: estacións de bus ou tren, espazos comúns de zonas comerciais, centros de saúde… E como axiña se viu que a UME non era dabondo, sumáronse o resto de dotacións militares, no noso caso a Brilat. 

Houbo unha intervención especial nos centros de maiores?

Si, porque había unha problemática moi grave de infeccións. Atendemos todas e cada unha das residencias da provincia e mesmo triplicamos as visitas naqueles puntos máis preocupantes, por suposto, comunicando todas as intervencións tanto á administración autonómica como aos concellos afectados. 

Cre que isto axudou a mellorar a imaxe do exército ante a poboación?

Creo que o exército fixo un traballo impagábel, que a cidadanía recoñece e que contribuíu a aumentar a súa sensación de seguridade e protección.

A oposición critica que o reparto estatal de fondos destinados a loitar contra os efectos da pandemia prexudica a Galiza, que apenas recibe un 4 por cento do total. O reparto prima aquelas zonas máis afectadas polo virus pero o noso territorio ten casuísticas como pode ser a dispersión da poboación, que encarecen as medidas a por en marcha, por exemplo, na volta ás aulas. 

Nós somos conscientes da incidencia que ten a dispersión da poboación: complícao todo e os recursos nunca son dabondo. Eu querería sempre que os fondos que viñesen ao meu territorio, á miña Comunidade Autónoma, fosen máis, pero quero lembrar que ese acordo tomouse por unanimidade na conferencia de presidentes e en base aos datos que proporcionaron as comunidades autónomas respecto á incidencia da COVID 19 e aos gastos que significaron para as respectivas administracións sanitarias. É certo que non se pode obviar a dispersión da poboación cando falamos de recursos para Galiza pero a Xunta, ao revés do que se recrimina agora, puxo a dispersión como factor positivo porque evitaba o contaxio. Non o utilizaron ao seu favor, e non só iso, no caso concreto do Ensino a súa única discrepancia era que fosen fondos finalistas. É dicir, non só non pediron máis fondos para o regreso ás aulas senón que pediron poder utilizar ese cartos para outras cousas. Foi o goberno estatal o que dixo que non, que esa axuda de 2.000 millóns, que oxalá foran máis, tiñan que utilizarse en Educación. 

Centrándonos na zona de Pontevedra, a situación parece grave. Que está pasando cos contaxios neste territorio?

Ás veces mestúranse un pouco as cifras. Unha cousa son os máis de cincocentos casos que se superaron no 15 de setembro na área sanitaria de Pontevedra, que inclúe un ámbito territorial moi amplo, -toda a comarca pontevedresa ata a Estrada e tamén o Salnés-, e outra é a incidencia na capital. Pero é certo que as súas cifras son preocupantes. Hai que ter en conta que a cidade é un foco de atracción para toda a área e principalmente para persoas de concellos limítrofes que traballan, fan as compras ou simplemente transitan por aquí; e ademais é un destino turístico… así que hai moita mobilidade e por iso é que a metade, máis ou menos, dos casos, rexístranse nesta vila. 

É unha cifra moi alta. Cre que se están tomando as medidas adecuadas?

Si, si, é moi, moi alta. O que eu podo dicir é que nos puxemos a disposición desde o primeiro momento tanto das autoridades sanitarias como locais para que conten, como non podía ser doutra forma, con toda a colaboración das forzas e corpos de seguridade do Estado. Tamén pedín ás autoridades sanitarias de Pontevedra, que recordemos son as que teñen as competencias, que houbese unha maior coordinación coa Policía Nacional e a Garda Civil, que dada a carestía de recursos da Policía Autonómica, son as que actúan. Os seus mandos fixéronme saber que precisaban maior información sobre os puntos nos que había que incidir: en que rúas houbera un gromo, que locais se pecharan por dar positivo… a fin de non traballar a cegas. Así que na Xunta Provincial de Seguridade pedín ás autoridades sanitarias maior coordinación e agardo obtela para que a actuación das forzas de seguridade que nos esixe esa mesma administración autonómica poida ser o máis eficaz posíbel. 

A crise sanitaria está abocada a derivar en crise económica. Iso pode xerar unha maior inseguridade cidadá?

Eu primeiro quero aplaudir a xestión do goberno de Sánchez que vía ERTE, axudas a traballo autónomo ou a outros sectores, non está deixando ninguén atrás. Ese é o lema do goberno e creo que se está a cumprir a pesar das moitas trabas que atopamos. Tramitar tantos expedientes e cos recursos humanos reducidos, posto que o funcionariado tamén ten dereito a protexer a súa saúde e a das súas familias, non é doado nin rápido pero é evidente que o tratamento que se está a dar a esta crise non ten nada que ver coa que lle deu o Partido Popular á crise anterior. Así que eu pido comprensión e confianza en que se vai procurar a protección da xente máis vulnerábel ata onde sexa posíbel e con todos os recursos dispoñíbeis. A verdade é que polo de agora non estamos percibindo unha maior conflitividade; si un incremento das mobilizacións de todo tipo pedindo políticas de protección ou denunciando cuestións que entenden non están sendo abordadas polas administracións competentes de xeito adecuado. Pero agardo que a conflitividade social non sexa un problema porque para que ninguén fique atrás temos que reconstruír a economía entre todos: administracións, partidos, sindicatos, cidadanía… Necesitamos unión para vencer a pandemia e reconstruír o país. 

Durante a pandemia rexistrouse un descendo no número de denuncias por violencia machista. Cre que houbo menos casos ou simplemente o confinamento fixo que as vítimas denunciasen menos?

Eu non creo que na pandemia se reduciran os casos. Creo que, efectivamente, fíxose máis difícil para as mulleres denunciar, e por iso, a pesar das mensaxes enviadas desde as administracións para lembrar que o teléfono estaba aí, que se seguise denunciando,durante o Estado de Alarma houbo unha redución moi potente das denuncias que, logo, tras o confinamento, se volven disparar. Iso fainos crer que foi un descenso puntual, pola situación e quizais tamén polo maior control que os agresores tiñan sobre elas nesas circunstancias, pero ata que non pase un tempo e non podamos analizar os datos será difícil deducir moito máis. 

Na actualidade estase tamén a falar moito dunha cuestión que, porén, non parece unha problemática real senón un debate creado por intereses económicos. Refírome á ocupación de vivendas. Manexa a Subdelegación datos relativos á provincia? Preocúpalle este tema?

Na última Xunta Local de Seguridade tratamos ese tema e tanto a Garda Civil como os mandos da Policía Nacional manifestaron que non é un problema real, que non existe ese problema na provincia de Pontevedra. Que as ocupacións que hai veñen de moi atrás, que no 95 por cento, ou máis, dos casos, son vivendas abandonadas, en estado ruinoso, que están ocupadas por persoas sen recursos, que viven na rúa e contra quen que non se iniciaron nin sequera procedementos xudiciais. É así tanto no ámbito urbano como no rural. Aquí esa problemática non existe, só está nos medios.

O exercicio do seu cargo obrígalle a impoñer sancións polo desacato de leis, como por exemplo, a Lei Mordaza, que o seu propio partido criticara por ser demasiado represiva contra os dereitos da cidadanía. Suponlle algún conflito ético?

A miña obriga é aplicar e facer cumprir a lei, mesmo aquelas leis que non me gustan. Eu agardo que non só esa lei senón outras como a Reforma Laboral sexan modificadas pero mentres estean vixentes, gústenme ou non, a miña obriga é aplicalas e facer que se cumpran. 

Sei que vostede é unha firme defensora da memoria das vítimas do franquismo. O seu partido acaba de anunciar unha lei que introduce avances respecto da anterior pero que coincide no tempo con declaracións de apoio a Martín Villa, imputado por crimes contra a Humanidade, por parte de dirixentes socialistas tan importantes como Felipe González ou Rodríguez Zapatero a quen ninguén no PSOE desautorizou. Cal é a súa postura?

A miña postura é avanzar en positivo. E así como a lei de memoria histórica de Rodríguez Zapatero foi un avance moi importante, aínda que insuficiente, a Lei de Memoria Democrática é un avanza extraordinario. Sei que vai haber unha morea de críticas e seguro tamén de apoios pero teremos que agardar a ver que resultados dá. A min gustaríame que fora quen de facer xustiza totalmente e dar resposta e satisfacción a todas as persoas que sufriron a ditadura directa e indirectamente, e aí quedo… (Emociónase). Só o feito de que todos os xuízos do franquismo sexan declarados nulos prodúceme unha satisfacción persoal e política extraordinaria. Son moi sensíbel a estes temas e a miña cabeza e o meu corazón están con moitas persoas que coñecín e xa non están para velo, aínda que si o verán as súas familias.

É entendíbel na actualidade esa defensa férrea que o PSOE segue a facer da monarquía?

O Partido Socialista é un partido republicano. Está nos seus estatutos e na súa historia pero é un partido de goberno. Neste momento o goberno de España ten outras prioridades e como goberno e partido de goberno ten que defender e apoiar a Constitución. Todos os cargos temos que prometer a Constitución con lealdade ao Rei que é o xefe do Estado, e creo que neste momento este non é o debate prioritario da cidadanía española. A prioridade agora é vencer a pandemia e traballar para reconstruír o país.