Joám Peres, do comité executivo de Causa Galiza

Joam Péres Causa Galiza A Nova Peneira
Tino
Lago

Nuns meses celebrarase na Audiencia Nacional o xuízo contra 12 independentistas das organizacións Causa Galiza e Ceivar que se enfrontan a penas de prisión, de entre 4 e 12 anos, acusados de integración en ”organización criminal para o enaltecemento do terrorismo”. A Nova Peneira falou con Joám Peres, un dos procesados, que se enfronta a unha petición de 12 anos de prisión. Eu non son avogado e descoñezo o Código Penal, pero si desexo emitir unha opinión, estritamente persoal, ao respecto desta situación: en Galicia, non existe hoxe, afortunadamente, ningún tipo de actividade terrorista, e ao meu xuízo, pretender encarcerar a alguén por enaltecer algo que non existe, se non é perseguir pola vía penal a actividade política paréceselle moito.

Imos contextualizar a situación, para quen non o saiba, que é CAUSA GALIZA?

É unha organización política independentista que desenvolve a súa actividade a plena luz do día e defende a constitución dunha República Galega a través dun proceso unilateral de autodeterminación a medio e longo prazo, empregando a loita de masas, a ideolóxica e, co tempo, tamén a loita electoral e institucional.

Na España actual pódese ser independentista con normalidade, de feito en numerosas ocasións políticos que se declaran independentistas saen en medios de comunicación de Madrid, e tiran con liberdade as mensaxes que consideran oportunas. Porén, teño a sensación de que o problema xurde cando se intentan procurar camiños políticos para levar á práctica esa concepción teórica?

Exacto. Hai anos repetíase a consigna ”en democracia, todos os proxectos políticos son materializábeis en ausencia de violencia”. Era o leit motiv con que o Estado retrucaba á reivindicación vasca. A disolución de ETA trouxo un novo escenario e unha nova consigna repetida a coro segundo a cal ”nengún proxecto político que supere a Constitución española é democrático”. O caso catalán evidenciou que o problema non residía nos métodos utilizados para materializar un proxecto político, mais na natureza independentista deste.

O caso galego non se sitúa hoxe na dimensión dos anteriores e aquí o Estado reprime preventivamente. Por que? En primeiro lugar para acoutar o independentismo encerrándoo no círculo vicioso da represión: facer que a súa principal actividade sexa cubrirse dos golpes co que garantiría a residualidade e a vitoria estratéxica sobre este. En segundo, porque o Estado coñece a existencia dun proceso lento, mais inexorábel, de maduración independentista en segmentos do nacionalismo e da sociedade. A mensaxe diríxese a todo o campo nacionalista para advertir que camiños son intransitábeis. Se, finalmente, Causa Galiza é ilegalizada, iso criará un escenario difícil para quen pretender reorganizar o proxecto independentista no futuro. A Espada de Damocles da consideración como ”sucesor” do xa disolto e, por tanto, unha nova ilegalización, pairaría sempre sobre el. Existe experiencia e xurisprudencia ao respecto que evidencia que isto é así.

Cal é a actividade habitual de Causa Galiza?

A actividade de Causa Galiza está rumada a aumentar a conciencia nacional e a conciencia independentista do pobo galego, a evidenciar que un problema colonial como o noso, con todas as súas consecuencias económicas, sociolaborais, lingüísticas, ambientais, etc., só ten a longo prazo unha solución independentista e a articular militancia e masa social sobre estas premisas. A estes obxectivos subordínase a nosa existencia.

Ti persoalmente participaches na creación de CAUSA GALIZA?

Participei desde a constitución, cando se configurou para forxar a unidade de acción de distintas correntes independentistas e soberanistas que rechazaban o proceso de reforma estatutaria iniciado en 2.007

E cal foi a motivación que vos impulsou a constituír a organización?

Foi esa perspectiva da reforma do Estatuto de Autonomía. Entendíamos e entendemos que a estatutismo é unha vía morta para Galiza, que ningún marco autonómico, por avanzado que for, dará solución ás problemáticas do pobo galego e que, por tanto, fronte ao autonomismo, había que opor unha alternativa que pivotase sobre a autodeterminación e a soberanía nacional. Naquela altura, un abano diverso de sectores políticos organizados e non organizados avalou esta posición.

En que momento comezastes a ter problemas coa xustiza?

Desde a constitución. O sumario da Operación Jaro evidencia moitas cousas e unha delas é a monitorización policial permanente do noso traballo. Con maior ou menor intensidade, multas, detencións, seguimentos, xuízos, etc. foron pan de cada día, evidenciando que este Estado non só castiga as formas ilegais de intervención política, mais o mero cuestionamento do seu marco xurídico-político.

E no 2.015?

2.015 marca o punto de inflexión e o salto cualitativo na represión. Causa Galiza reformularase un ano antes como organización independentista e en outubro de 2.015 a Guardia Civil inicia a operación contra a organización: acúsasenos de ser o ”brazo político” dunha organización ilegal inexistente, asaltan de madrugada os nosos domicilios detendo nove militantes, ilegalízasenos durante un ano como ”medida cautelar” e medios como La Voz e TVG difunden o relato que lles dita o instituto armado español.

Entre eles a ti?

Condúcennos a un cuartel en Madrid onde permanecemos tres días incomunicados, submetidos a interrogatorio político e a unha tensión permanente. Dado significativo: dos domicilios non se retira ningún material bélico nin documental que evidencie a participación en actividades ilegais.

Despois deses tres días, que aconteceu?

Póñennos a disposición xudicial, impútannos por ”pertenza a banda armada” e ”enaltecemento do terrorismo” e decretan a suspensión da actividades de Causa Galiza por un ano, o que supón a ilegalización de facto. Con esta mochila volvemos para Galiza. En 2.016 o xuíz que instrúe a causa, Eloy Velasco, devolve o status legal a Causa Galiza. Tempo despois, retira a imputación de ”pertenza”, co que desmonta o groso da acusación inicial e coloca como horizonte un xuízo por ”enaltecemento”, que é un delito difuso que ampara a penalización da opinión política.

Esgotou o ano?

Esgotouno. Estivemos doce meses ilegalizados. En 2.017, cando parecía que a montaxe se desinflaba, a Guardia Civil golpea a Ceivar. Son detidos tres independentistas e imputados por ”enaltecemento” no mesmo sumario que as militantes de Causa Galiza.

Unha vez que os retiran a imputación por pertenza a banda armada o horizonte penal semellaba estar bastante despexado?

Iso parecía. Todo apuntaba que afrontariamos un xuízo por ”enaltecemento” con peticións de 1 a 3 anos. Mais recentemente a fiscalía da Audiencia Nacional, que funciona ás ordes do Goberno español, incorpora a acusación de ”pertenza a banda criminosa” e dá unha reviravolta á situación pois agora xogamos de 4 e 12 anos de prisión, a opción posíbel de doce encarceramentos e a ilegalización das organizacións.

A celebración do xuízo é inevitable?

Prevese para a primavera ou o verán de 2.020 nun tribunal preconstitucional que é sucesor do TOP franquista, que carece das menores garantías xurídicas e ten como finalidade a eliminación da disidencia política. A inclusión a última hora dun delito de ”pertenza a banda criminosa”, ou a acusación por supostos delitos xa prescritos, evidencia en que lugar estamos parados e paradas.

Estades movéndovos dalgunha maneira na procura de solidariedade?

Estamos a articular a ”resposta de País”, cun traballo de información e sensibilización intenso nas próximas semanas, accións de denuncia do proceso, manifestacións nacionais como a programada para o 16 de febreiro e outras iniciativas que iremos desgranando. Sabemos que existe un sector importante da sociedade que entende que o proceso é unha montaxe, pretende impor un estado de excepción informal e bloquear o desenvolvemento do independentismo.

A receptividade que estades atopando cal é?

Moi boa. Vamos seguir acumulando forzas que contribúan para denunciar esta farsa, a inexistencia dun marco mínimo de liberdades democráticas e evidenciar que o obxectivo do xuízo é a exemplarización represiva e debilitar e ilegalizar un proxecto político.

Falastes só con espectro social próximo ao nacionalismo galego ou tamén con organizacións políticas ou sindicais que non pertenzan a ese ámbito?

Dirixímonos a todas coas excepcións de PP, PSOE, Ciudadanos, etc. O noso obxectivo é que os axentes políticos se retraten ante os feitos. Con todo, á vista da experiencia de case cinco anos, é difícil agardar compromisos das forzas políticas e sindicais españolas. A propia IU apoiou no seu día a proposta do PP de incluí unha imaxinaria organización armada galega na lista de ”organizacións terroristas” da UE.

Como andades de ánimos?

Estamos fortes e conscientes de por que somos obxecto desta farsa policial e xudicial. Sabemos que se nos xulga por ser independentistas e sentimos a solidariedade e o cariño de milleiros de persoas e das principais organizacións sociais, sindicais e políticas do país.