Luis Bará deputado do BNG

Luis Bará A Nova Peneira

Luis Bará é deputado do bloque no parlamento galego pola provincia de Pontevedra, asemade é membro da súa executiva nacional. A Nova Peneira mantivo unha extensa conversa con el, e velaí vai o que deu de si

NON TEÑO NINGUNHA DÚBIDA DE QUE ,SE LLE FIXESE FALTA, FEIJÓO PACTARÍA COA EXTREMA DEREITA.E NON SÓ ISO,TAMÉN ASUMIRÍA A SÚA AXENDA”

Luis, ti es un home moi implicado na memoria historia, quero comezar esta conversa contándoche un episodio que me aconteceu a semana pasada: eu tomaba un café nun bar de Redondela que tiña unha fermosísima foto da illa de San Simón na parede, fun parabenizar ao propietario, un home de arredor de 45 anos, comecei a conversar con el. E deixoume abraiado porque el non tiña nin a máis remota idea de que San Simón fora un campo de concentración, este suceso non sei se consideralo como unha anécdota, ou como algo habitual?

Por desgraza é moi habitual, pero non é casual. Xurde dunha política consciente orientada ao esquecemento, a que as xeracións posteriores á transición non saiban o horror que sufriron tantos homes e mulleres, o que explica que un home desa idade descoñeza o que aconteceu a carón da súa casa. Ese episodio que me describes exemplifica á perfección a necesidade dunha política de memoria histórica orientada á normalización e á socialización da mesma.

Política como a que fixestes no Concello de Pontevedra?

Si, e ben que costou no seu momento, pero hoxe xa non a cuestiona ninguén.

Seica estás preparando un libro sobre a Illa de San Simón ?

Ben, está en fase embrionaria aínda, pero, si, estou con ese proxecto.

A nosa compañeira, responsable das reportaxes de memoria histórica díxome que cando o remates non te libras de darlle un exemplar?

Acórdome dela perfectamente , e por suposto que llo dou e dedico ,cando o teña feito e rematado que non o dubide que así será.

O tempo pasa moi rápido, Luis, xa hai case catro anos que iniciaches a túa actividade no parlamento de Galicia como deputado do BNG, como os valoras?

A valoración ten dúas patas por unha banda foi unha experiencia interesantísima que me supuxo unha aprendizaxe en grado superlativo e por outra banda foi un tanto complicada e frustrante. Eu estaba afeito á política municipal que, polo menos no concello de Pontevedra, é enormemente satisfactoria, e o parlamento e moito máis complexo, lento e pouco funcional.

E frustrante por que?

O grupo parlamentar do BNG é marabilloso e a relación entre todas e todos nós é inmellorable, cando falo de frustración refírome que hai que dedicarlle moitísimo traballo e o resultado é en moitas ocasións nulo, pois a maioría do PP impide que prosperen moitas iniciativas que redundarían no ben común con certeza absoluta.

A cohesión interna do BNG é tan boa como parece?

Si, rotundamente si, sen ningún tipo de matiz si. A cohesión interna do BNG é magnífica, o liderado de Ana Pontón, sólido, como a máis sólida das rochas, e cun potencial inmenso para chegar a todo tipo de segmentos da sociedade.

Quero preguntarche por un tema concreto que afecta a un colaborador deste xornal: refírome á expulsión do exército español do veciño de Redondela, Marcos Santos?

Eu coñezo ese caso, e desde logo que resulta intolerable que alguén poida sufrir algún tipo de consecuencia laboral, penal ou de calquera clase por asinar un manifesto antifranquista. O caso de Marcos é un exemplo clarísimo de deterioro democrático e un episodio de represión ideolóxica de manual. O BNG vaino levar ao parlamento, tanto ao galego como ao español.

Neste contexto histórico supostamente ecoloxista e concienciado co coidado do medio ambiente, co cume sobre o clima celebrándose na capital do estado, queda como un pouco feo que o PP de Mos e o dono do Celta de Vigo queiran arrasar cun dos principais pulmóns verdes da comarca para facer un centro comercial, non ?

Este asunto do cume do clima non é máis ca pura estética. Vaia paradoxo que sexa patrocinada por grandes empresas como Endesa ou Iberdrola. É escandaloso tamén que a Xunta, coas políticas que desenvolve , vaia alí a presentar proxectos. O asunto do centro comercial que se pretende construír en Mos é un pelotazo, que se trata de camuflar coa escusa da cidade deportiva e un exemplo claro de como se pon a administración pública ao servizo dun proxecto privado. Desde logo, o BNG está radicalmente en fronte ,e radicalmente ao servizo da veciñanza de Tameiga.

Falando do clima, ti que estiveches no goberno de Pontevedra estarás moi orgulloso de que o modelo de cidade sexa recoñecido internacionalmente en foros de máximo prestixio?

Si, claro que o estou. Pontevedra é o exemplo de que se pode facer política local para traballar en compromisos serios de sostenibilidade futura. Endesa e Iberdrola non pensan no mundo de dentro de 5o anos senón na súa conta inmediata de beneficios. En Pontevedra descenderon notablemente os incidentes urbanos e as enfermidades motivadas pola contaminación ,e agora estamos a aplicar un programa de residuos baseado na compostaxe que terá tamén resultados máis que notables neste eido da conservación do noso medio ambiente.

Os teus compañeiros do BNG de A Guarda quixeron facer no seu pobo un modelo semellante a Pontevedra, pero.. ?

Pero por desgraza o PSOE ten outro modelo de Vila na cabeza e non lles permitiron seguir adiante, e agora o partido socialista goberna só con 5 concelleiros/as de 17. Veremos como evolucionan os acontecementos.

O asunto das luces de nadal da cidade de Vigo roza as fronteiras do frikismo?

Ha, ha ha, home non sei se definilo así, ao meu xuízo a interpretación correcta ten relación máis cunha camuflaxe, que a modo de decorado trata de agochar as inmensas carencias que ten esa cidade.

E no que se refire á situación tan perigosa na que se encontra un dos emblemas industriais da historia de Vigo, o estaleiro Barreras, cal é a posición do BLOQUE?

Manifestámola hai unhas semanas cando Ana Pontón e Xabier Pérez Igrexas estiveron co comité de empresa: É necesario depurar responsabilidades; pois foi a Xunta quen avalou a García Costas, un home do PP, e foi a Xunta quen trouxo a Pemex. Alén da asunción de responsabilidades cómpre unha aposta firme e decidida da Xunta de Galicia polo sector naval apoiando a Barreras para que saia da situación na que está, é indecente mirar para outro lado, e a nosa posición ao respecto pasa pola necesidade da execución do centro de reparacións navais da ría de Vigo que permitiría ter carga de traballo estable.

Pouco antes das municipais dicías no noso xornal que o “BNG iría a por todas” e non vos foi mal a cousa, que nos dis agora a poucos meses das autonómicas?

Creo que é un dato obxectivo que a tendencia do BNG é alcista, a sociedade galega, sexa ou non nacionalista, valora e aprecia o noso rigor, a nosa coherencia a nosa seriedade e a defensa inquebrantable que facemos dos intereses dos homes e mulleres que aquí vivimos. A onda de simpatía cara ao BNG é cada vez maior, vémolo nas rúas, nas estradas, nas aldeas, nas vilas e nas cidades. E se antes das municipais díxenvos que iriamos a por todas agora dígoo tamén coa mesma firmeza e convicción. Imos a por todas porque a Galiza falle falta un cambio e o BNG está en condicións de lideralo.

Ti vas a repetir como candidato pola provincia de Pontevedra ?

Iso non depende de min.

Pero ti queres repetir?

Eu son un militante disciplinado e asumirei, sempre, as decisións colectivas da militancia do Bloque. Tamén che digo que estou moi ilusionado, con forza e con gañas de traballar.

Case sempre hai unha distancia entre a realidade e o desexo, o teu desexo, supoño que é que o PP, perda a Xunta, e a realidade, sinceramente Luis, como a ves?

O partido está aberto e calquera cousa pode pasar, cada voto vai ser fundamental, pero creo que desta volta a pésima xestión do goberno galego cunha grande cantidade de conflitos sociais xerou un panorama moi desfavorable para eles, e é moi posible que se dea o cambio que Galiza precisa.

Nese escenario tan aberto que prognosticas, se se dera o caso de que que a estrema dereita tivera representación e o PP necesitara do seu apoios para manter a Xunta crees que Feijóo pactaría con eles ?

Non teño ningunha dúbida de que se se dese ese escenario, Feijóo pactaría coa extrema dereita, e non só iso, senón que asumiría a súa axenda.

Supoño que no BNG estaredes moi satisfeitos pola recuperación da representación no parlamento do estado. A día de hoxe, 10 de decembro representantes do PSOE xa falaron con vós?

Algúns contactos si houbo , e nós xa dixemos que non poden contar co noso apoio se non existe un recoñecemento da axenda galega, dos temas vitais para o noso país como por exemplo a AP9 ou os custes da enerxía….

Como esta Néstor Rego de ánimos?

El é unha persoa moi responsable, e asume a grande responsabilidade que ten, e á vez está moi ilusionado e con moitos ánimos de defender os intereses das cidadás e cidadáns de Galiza.

Que lle dirías a unha persoa normal, de calquera curruncho normal do país galego que non entende as razóns polas que o deputado Néstor Rego non acode á cita co xefe do estado?

No fomos por dúas razóns; unha abstracta e conceptual o BNG é unha organización de sentimento e de razón republicana, e outra concreta en relación co papel que desempeñou este monarca en particular ; un papel claramente partidista que pretendeu lexitimar actuacións que a nós parécennos manifestamente censurables.