
G.Figueiredo
Paco é médico especialista en saúde pública e un vello amigo desta casa. Falamos con el para que nos conte a súa opinión profesional sobre a situación actual da pandemia, e que perspectivas de evolución futura podemos supor que terá
“O Recorte de recursos á sanidade pública mata xente”
“A posición dos anti vacinas é absolutamente irracional”
Paco ti es médico e asemade tes formación referente á saúde pública verdade?.
Alén de profesional da medicina teño un máster en saúde pública. O campo epidemiolóxico da saúde pública sempre me gustou.
Rematando a quinta onda eu tiña a sensación de que isto acabábase. Pero cunhas porcentaxes de vacinación elevadísimas , de súpeto, multiplícanse os contaxios dunha maneira que non se vira desde que comezou esta enfermidade. Que está pasando ?
Pasou que en contra do que dicían os expertos, dedicámonos a poñer a segunda dose, terceira dose, mentres cantidade de países non tiñan nin unha soa dose de vacina. Mentres Vigo estaba nun nivel moi baixo de contaxios, neses países o virus campaba polo aire libremente. Un virus así desenvólvese contaxiando á xente e mutando facendo os cambios necesarios para sobrevivir porque non ten barreiras que o pare.
Entón as mutación víricas é un proceso natural do propio virus para sobrevivir?
Si, para adaptarse á realidade e sobrevivir. En países onde a vacinación está por debaixo dun 30% como pasou na India. Aí foi onde apareceu a variante Delta e é moito máis daniña que a actual Omicrón, esta é a que se está espallando agora. Esta é moito máis contaxiosa pero, afortunadamente menos prexudicial.
Agora co escenario dunha porcentaxe de vacinación tan elevada e uns índices de contaxios tan altos, xa temos a treboada perfecta para os negacionistas que entenden que esta onda amosa a ineficacia das vacinas. Que opinas sobre isto?
O destas persoas e dunha cuestión case de fe, e a fe non é demostrable. Cren que as vacinas son malas, cando sabemos que erradicaron moitas enfermidades ao longo do tempo.
Por exemplo?
A varíola, a poliomielite… .
Da varíola morrera moita xente non?
Si, e foi unha enfermidade gravísima. De feito xente da miña idade quedou con deformidades importantes derivadas da varíola infantil. Pero esta xente pola que me preguntabas está en contra de todo o tipo de vacinas.
Podes dicir con rotundidade que unha posición anti vacinas e totalmente irracional?
E totalmente irracional pero obedece a crenzas. As crezas non son demostrables, pero como se dialoga racionalmente cunha persoa que non actúa racionalmente neste campo??.
Non se pode, claro.
Hai que deixalos e que asuman as consecuencias. Hoxe en día, unha persoa que non está vacinada ten un 30% máis de posibilidades de, se colle o virus, acabar na UCI. Eles asumen esta posibilidade.
Antes comentábasme que o problema desta multiplicación de contaxios reside en deixar a moitos países do terceiro mundo sen vacinar, polo tanto o virus circula libremente e dáse o caldo de cultivo axeitado para xerar novas variantes. Estas variantes transmítense as zonas do primeiro mundo, non?
Para os virus non existen as fronteiras, vivimos nun mundo global en tódolos sentidos onde os avións cruzan o mundo en cuestións de horas a diario. Non ten sentido que se pechen fronteira como o que pasou en Sudáfrica, cando se detectou o virus xa estaba circulando polo mundo. O que nos vai axudar e o humanismo, pensar que os habitantes do planeta somos todos un e debemos desenvolvernos como tal.
Como é posible que se veñen distintas persoas contaxiadas a unha zona do mundo, cunha porcentaxe de vacinación coa pauta completa de máis do 80%, poidan infectar a grandes masas de persoas xa vacinadas?
Está demostrado que aos seis meses a vacina contra o coronavirus perde moita eficacia. Cando chegou a Ómicron moitísima xente levaba máis de seis meses xa desde a última dose. A maiores, as vacinas poden non ser tan eficaces contra estas novas variantes. Perderon eficacia contra o contaxio pero, afortunadamente seguen sendo eficaces para evitar a gravidade da enfermidade.
De feito, o risco de gravidade é tan baixo que a decisión mundial contra a Ómicron foi que aínda que sexas contacto directo dun contaxiado de Ómicron, se estás vacinado coa pauta completa non tes que gardar corentena.
Cal é a túa opinión sobre a hipótese na que está a traballar o goberno de España de gripalizar o tratamento desta enfermidade? É dicir, considerala como unha enfermidade estacionaria tipo a gripe e centrar os tratamentos en persoas vulnerables.
Afortunadamente de momento é un debate e non unha decisión. É prematuro agora mesmo dicir que se vai gripalizar. Aínda non sabemos se vai haber novas variantes que poidan ser ata máis graves.
É unha hipótese perfectamente aceptable como a outra non?
Tan factible e racional pode ser unha como a outra. É prematuro tomar a decisión de gripalizala de momento. Se dentro de seis meses o virus vai desaparecendo, non aparecen novas variantes e a inmensa maioría da poboación pasou o contaxio xa sexa detectado, non detectado ou asintomático poderíase pensar, coa cantidade de contaxios que hai diarios, que en seis meses unha alta porcentaxe de persoas pasaría a enfermidade.
Ti que es máster en saúde pública, cal cres que sería a estratexia axeitada para desenvolver en este momento concreto?
A que está seguindo agora o goberno guiado polos expertos internacionais é a correcta no sentido de evitar o ingreso hospitalario, que esta variante produce a menos do 1% da poboación infectada. Esta estratexia é para retardar ao máximo os contaxios para que o hospitais non se saturen, evitalos é imposible. En Galicia neste momento están ocupadas menos do 10% das camas con pacientes por Covid e tamén menos do 10% das UCIS. Calcúlase que a finais de este mes de xaneiro a cantidade de contaxios vai diminuír porque a vacina continúa funcionando e tamén seguimos vacinando, agora estamos cos nenos e estes van contaxiar menos. A menos que para finais de mes saía unha nova variante, que non o creo, baixará a presión en atención primaria para finais de mes.
Consideras que todo proceso epidémico, ao longo da historia universal da medicina, ten un pico máximo e logo comeza a baixar, isto é así sempre?
Si, practicamente sempre. Nas enfermidades infecciosas cando se contaxia á poboación vaise inmunizando, agás os que falecen polo camiño, claro. Créanse defensas e anticorpos, estas persoas quedan como defendidas da enfermidade. Menos cando a peste, aquilo foi horroroso.
Canto durou a peste?
Exactamente non me lembro, creo que unha década pero calcúlase que morreu case a metade da humanidade. A outra metade quedou defendida por pasar a enfermidade e a peste desapareceu como tal.
Para o covid agora mesmo hai tres fármacos para paliar os síntomas graves da enfermidade, a investigación vai moi avanzada.
De feito, o goberno español acaba de mercar 300.000 doses dun fármaco de Pfizer que xa o están comercializando.
Si, con estes fármacos evitaremos as complicacións. Por exemplo, a gripe é unha enfermidade moi común e contaxiosa pero as hospitalizacións e as mortes que provoca son moito menos inferiores ca este virus.
Para ti, o uso das máscara está xustificado?
No interior está máis ca demostrado, o virus contaxiase polo contacto próximo, polo aire que exhalamos a través dos aerosois que producimos ao respirar, tusir ou esbirrar. É cunha máscara FP2 a que evita contaxiarse a un mesmo e contaxiar aos demais.
En espazos exteriores está xustificada?
Gardando a distancia de seguridade non ten moita razón de ser.
E, ao tu xuízo, nunha situación como esta, os poderes públicos deberían obrigar as persoas que non queren vacinarse a facelo?
Creo que na sociedade actual non se pode obrigar, pero si tomar unha serie de medidas referentes a dificultarlles o contacto social. Mira o caso de Australia co número 1 do tenis, acabaron por botalo do país e non deixalo xogar a competición. Hai quen contempla pór un imposto especial aos non vacinados porque o gasto da sanidade pública que ocasionan é elevadísimo.
Cando prevés que todo isto remate?
Se non sae unha variante nova, a finais deste mes comezará a reducirse moitísimo os casos e de aquí a tres ou catro meses estará a cousa moi estabilizada.
De cara ao verán poderemos ter unha situación semellante á normalidade?
Eu creo que si sempre que non apareza unha nova variante.
Tomaremos unha caña para celebralo ?
Si, tomaremos e será un pracer tomala contigo.
Recordo Paco unha conversa contigo antes de que aparecera a COVID, xusto despois dunha inmensa manifestación que houbera en Vigo en defensa da sanidade pública, na que me dixeras que as políticas de recortes á sanidade pública mataban xente e que nun contexto hipotético dalgún tipo de epidemia podería haber unha catástrofe. Por desgraza o contexto xa non é unha hipótese. Quen nolo ía dicir??
Si, é así. Agora púxose de manifesto o resultado do abandono da sanidade que é ,e hai que dicilo con claridade, que a retracción de recursos á sanidade pública mata xente.