Unha treboada de paixón polo fútbol en Gondomar

Lóstrego CF

Lóstrego CF

A parroquia de Chaín e o fogar dun equipo de fútbol feminino de recente creación; o Lóstrego. Nun contexto terrible, como o da actual pandemia sanitaria, un feixe de rapazas e rapaces valentes e cun profundo compromiso co deporte e coa igualdade deciden fundar este equipo no medio dun océano de dificultades. E hoxe, con menos dun ano e medio de vida, 80 nenas da comarca, grazas ao seu esforzo e sacrificio, teñen a oportunidade de facer realidade os seus sonos e practicar o seu deporte preferido. Nós falamos con 4 dos seus responsables, dous mozos e dúas mozas: Tamara, Ana, Gabi e Sinuhé.

O fútbol é un deporte moi machista”

Contádeme a historia do equipo, cando nace o lóstrego?

Nace en xullo do 2020, en plena pandemia. A gran maioría das xogadoras víñamos do Valadares competindo en categoría nacional. Decidimos crear este proxecto e montar un club integramente feminino porque críamos que apostar polo deporte feminino era o correcto

Por que motivo vos establecedes aquí en Chaín?

A nivel instalacións era o campo que mellor nos viña por proximidade da maioría das xogadoras e Vigo era difícil pois están ocupados a maioría dos campos.

Foron duros os inicios?

Si, bastante. Houbo que crear todo de cero, desde elixir a cor das medias ata o máis importante de todo o papelame. Ademais da incerteza de nacer na pandemia e non saber si íamos poder competir, desde outubro do 2020 que se ía comezar a competir ata xaneiro do 2021, foron meses complicados.

En todo ese tempo o deporte afeccionado non competiu, podiades adestrar polo menos?

Intermitentemente, dependendo dos peches perimetrais e o momento sanitario producido polos brotes. O primeiro partido que puidemos xogar foi o 17 de xaneiro do 2021.

E contra quen?

Contra o Rosalía de Ourense. Xogamos aquí na casa.

Lembrádevos do resultado?

Si, gañamos 3-0.

Cantas nenas compoñen o club actualmente?

Cerca dunhas 80 nenas.

De que abano de idades?

Desde os 6 anos das máis pequenas ata os 30 do primeiro equipo.

En cantos equipos?

En Cinco. Promesas, que son as máis pequenas; infantís, cadetes, sénior filial e o primeiro equipo.

En que competición estades?

En Liga galega. Tanto as pequenas como o resto. O filial está en segunda galega e as sénior en primeira.

E como son os adestramentos, cantos días adestrades?

As maiores tres días á semana e competimos o domingo, as demais categorías adestran dous días e compiten entre sábado e domingo.

Un tema complicado ten que ser o do financiamento, como tedes estruturado esta cuestión e cales son as vosas fontes ?.

A verdade pensabamos que ía ser máis complicado e a cousa foi bastante ben. O ano pasado tiñamos un presuposto de 10.000€ e este ano andamos sobre os 25.000. Temos moito apoio institucional e por parte dos familiares das xogadoras e das empresas privadas como colaboradoras tamén.

Entón tedes tres vías de financiamento, o apoio institucional, as empresas privadas e o apoio de nais e pais das xogadoras. E non hai que facerse socio para ver os partidos?

Non, de momento a entrada é de balde, a afección apóianos mercando rifas euro a euro. Para o ano que ven estudiaremos a opción de entrar como socio se ascendemos á categoría nacional.

Nacional galega?

Aspiramos a ascender á categoría estatal española, e aí si que os desprazamentos son máis lonxe.

E do apoio institucional de quen obtede subvencións?

Da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e do Concello de Gondomar. Todos teñen unhas liñas de subvencións aos clubs deportivos.

A cantidade que vos dan as administracións é a suficiente?

Non nos podemos queixar, sobre todo co concello porque somos un club de recente creación e déronnos a subvención sen estar competindo aínda. E non tiñan porqué facelo. Tamén é certo que o club está crecendo moito e se ascendemos para a vindeira tempada á nacional si que imos necesitar moita axuda.

Cando falas de ascender supoño que che refires ao equipo sénior que compite en primeira galega non?

Si, exactamente.

E como ides este ano?

De momento non perdemos ningún partido desde o arranque da competición e o obxectivo é claramente o ascenso.

Competindo en liga Galega todos os equipos os gastos en viaxes imaxino que son grandes, non?

Si, de feito é aquí onde se nos vai todo o presuposto. O ano pasado con poucos meses de competición investimos en desprazamentos máis de 8.000€ en viaxes. Se ascendemos esa cantidade será moitísimo maior.

Os adestradores e adestradoras cobrades?

Nós de momento non cobramos nada

Entón en cinco equipos sodes cinco adestradores e adestradoras que non cobrades?

Non, somos máis. As nenas pequenas requiren máis esforzo e moitos ollos pendentes delas e logo están os adestradores específicos das porteiras, polo de agora todos e todas facemos un traballo altruísta.

Os partidos de fútbol feminino vívense con tanta paixón como os masculinos?

As veces con máis, depende do partido e da rivalidade.

As veces asisto a algún partido para facer crónicas no fútbol base masculino e a tensión que hai nas gradas entre nais e pais era impresionante. Existe nos partidos de fútbol feminino?

Quizais a base e moito menos tóxica. Creu que o fútbol é un dos deportes que a nivel grada e moi tóxico e nas categorías de base femininas de momento non é así, agora na categoría feminina de sénior e exactamente igual ca na categoría masculina.

O fútbol é un deporte machista?

Si, moi machista como todos os deportes.

En que tipo de comportamento pódese percibir isto?

O nacemento do Lóstrego ven por comportamentos machistas entre outras cousas, por exemplo.

E as nenas como viven o seu día a día aquí nun equipo feminino?

Alén do deportivo tratamos de aportar outros valores como o respecto, que non haxan diferencias por ingresos, a solidariedade, e combater calquera ambiente machista no deporte. Tamén que temos que aproveitar o pulo que está dando a Federación coa creación das ligas femininas que favorece que as rapazas se atrevan a xogar ao fútbol. Antes non se atrevían tanto porque xogaban en categorías base en grupos mixtos e cos rapaces custáballes dar o paso.

E entre estas 80 nenas, tedes algunha especialmente talentosa?

Hai xogadoras de moito nivel, mesmo as pequenas que aprenden e absorben moi rápido ata as maiores. Por isto é importante que haxa estas ligas femininas para que as nenas accedan a este deporte dunha maneira máis temperá e poidan chegar á elite do fútbol.

Para ser unha futbolista de talento hai que nacer, ou pódese facer?

Ambas características en conxunto, pero o principal é o traballo e o esforzo. Podes ser moi boa, pero se non te esforzas podes quedar polo camiño e non chegar a nada, sen embargo, adestrando e sendo constante no traballo podes chegar lonxe aínda que non teñas moito talento.

Moitas grazas e moita sorte na vosa viaxe.

Moitas grazas a vós.