A primeira vez que entrevistei a Paco Ferreira non estou seguro se foi a finais do ano 2014 ou a principios do 2015.Pero si lembro con certeza que el acababa de asumir o liderado do PSOE local, que nese momento estaba reducido á súa mínima expresión, lastrado por graves casos de corrupción. Falo de memoria e non quixera equivocarme, pero creo que nese momento os socialistas só dispuñan de dous asentos na corporación desta localidade do Val Miñor.
Daquela entrevista, que fixemos tomando unha caña no local que hoxe é o fermoso restaurante O Cuco, a carón do Concello, recordo que me chamara a atención o enorme entusiasmo que desprendía Paco, e o seu convencemento de que o seu proxecto político ía gobernar Gondomar. Contra todo prognóstico, desde logo eu non pensaba que fose así, o PSOE conseguiu gobernar no ano 2015. E unha década despois Paco Ferreira segue gozando da confianza da maioría da sociedade local. Seguro que nestes 10 anos fixo cousas mal, cousas ben tamén, pero segue chamándome a atención que 10 anos despois o entusiasmo que amosa o alcalde de Gondomar segue a ser o mesmo que tiña cando era un recén chegado que parecía imposible que chegase a ser alcalde tan pronto.
“ A transformación en positivo de Gondomar nesta década é obxectivamente incuestionable”
Na última gala da Peneira démoslle un premio ao Concello de Gondomar, que recolliches ti. Non o vexo polo teu despacho?
Non o ves porque está nas dependencias de cultura. Alí o puxemos con enorme gratitude e absoluto respecto. Se por algo se caracteriza o voso medio é pola defensa da cultura galega, polo tanto entendemos que esas dependencias eran as máis adecuadas para amosar un recoñecemento que non é para min, senón para o conxunto do pobo de Gondomar.
Estamos no ecuador do teu terceiro mandato. O primeiro foi moi complicado desde o punto de vista aritmético ,o segundo foi plácido, tiñas maioría absoluta. No mandato actual non conservaches por pouco a maioría absoluta, pero teño a sensación de que en realidade si que a tes, pois dous concelleiros da oposición: Rocío Cambra de Manifesto, e Ángel Pérez do PP, parecen dous concelleiros máis do goberno. Cóntame que pasou?
Maioría absoluta non temos. A maioría absoluta son 9 actas e nós temos 8.Pero si que é certo que no pleno hai dous concelleiros non adscritos, que libre e voluntariamente decidiron apoiar o que a súa conciencia lles dite que é bo para Gondomar. E iso facilita a acción de goberno, desde logo. Cónstame que o feito de pasarse a non adscritos veu dado para non ter que votar cousas que van contra a súa conciencia por ser contrarias ao interese xeral da veciñanza de Gondomar.
Por exemplo?
O asunto do servizo de auga e saneamento, que foi 5 veces a pleno e 5 veces foi desbotado. Votar en contra dese asunto non é entendible para quen de verdade queira o ben común da veciñanza.
O paso a non adscritos desas dúas persoas buscáchelo ti?
Non, de ningunha maneira. Xurdiu. Eu non fixen nada para que se dera. Teño un respecto absoluto pola liberdade individual de todas as persoas para que fagan o que estimen oportuno. De feito ningún dos dous ten ningún tipo de cargo, e ningún dos dous está no goberno.
O único que fixemos é meter na Mancomunidade do Val Miñor a Rocío Cambra en lugar de Antonio Arauxo, a petición dela pois entendía que tiña dereito a estar os dous anos que faltan de mandato.
Ese cambio molestou moito ao BNG. Molestouse con razón?
Son consciente,si. Pero eu entendo que se molestaron sen razón. Non é ningún premio que se lle dera a Rocío por pasarse a non adscrita. Se estar na Mancomunidade non supón ningún tipo de remuneración¡¡
Entón cal foi o motivo?
En Manifesto Miñor eran dous concelleiros, Arauxo e Rocío. Antonio Arauxo estivo na Mancomunidade os dous primeiros anos, e ela entendía que o xusto é que ela estivese os dous últimos, e a min pareceume razoable.
Como funciona a Mancomunidade ao teu xuízo?
Eu penso que debería de funcionar mellor. Precisa dunha modificación importante nos seus estatutos, que xa teñen moitos anos. É preciso apostar con firmeza pola Mancomunidade. Necesitamos unir servizos e darlle máis corpo e solvencia. Se non facemos unha Mancomunidade moi forte, non ten razón de ser. A Mancomunidade hai que reformulala e fortalecela.
Cales foron as principais actuacións do teu goberno na primeira metade do mandato?
Fundamentalmente darlle continuidade ao proxecto integral de transformación de Gondomar que comezamos no ano 2015.
Cando dis” proxecto integral” a que te refires?
Refírome á integridade do noso Concello, aos 75 quilómetros cadrados que ten Gondomar,que é máis grande que Baiona e que Nigrán xuntos. Levamos nestes 10 anos unha infinidade de actuacións no centro e en todas as parroquias. E fixémolo así porque, con toda a humildade, creo que xestionamos ben os recursos que temos, e podo asegurar con rotundidade que nos rompemos a cabeza en grao superlativo para buscar e poder captar todo tipo de axudas e subvencións ás que poidamos optar.
Dime algunha actuación que se fixera, ou que se estea a facer nestes dous anos?
Pois falando de memoria e sen consultar nada podo mencionar as actuacións de: A Barga e a Estrada, ambas na parroquia de Donas, San Cibrán tamén en Donas, Texosa e Fontán en Mañufe, Brandufe en Vincios, Gándara en Peitieiros, a igrexa de Chaín, a recuperación da Pedra en Morgadáns, unha obra de 600.000€, fixemos unha aposta inmensa por mellorar as instalacións deportivas, investimos tamén medio millón no campo de fútbol das Gaiandas…
Íache preguntar agora se tes desatendidas ás parroquias
Ben, como xa che dixen nalgunha ocasión, eu entendo que a oposición ten que facer oposición, pero a realidade dos feitos desminte rotundamente esa acusación.
No campo das Gaiandas caera un muro no mes de abril. Por que se produciu ese incidente? E en que situación estamos agora?
Ao final dunha grada, construída hai arredor de 40 anos, había un pequeno muro de 65 centímetros de alto, aparentemente estaba ben. Nun partido un grupo grande de persoas celebraron un gol apoiándose no muro e cedeu, co que os rapaces caeron.
Houbo 5 feridos dos que só un foi trasladado a un hospital,Déronlle pronto de alta cun lategazo cervical. Afortunadamente todo quedou nun susto.
Agora estamos a facer un valado metálico para evitar que volva acontecer nada parecido. Temos as instalacións pechadas ata que non teñamos a certeza completa da súa absoluta seguridade.
Cando prevés que o campo poida estar listo para o seu uso?
Eu conto con que para os torneos de verán xa estea.
A recuperación da zona da igrexa de Donas finánciaa a DEPO?
Si.
Custou moito conseguir ese financiamento?
Non, a verdade é que non.
En que situación está a casa Peralba?
Temos un proxecto moi importante para recuperala e pola ao servizo da cidadanía, que se vai case aos 2.000.000 de €.É necesario conseguir unha liña de subvención que a financie. Presentámonos a un proxecto do Ministerio de Cultura para facer unha biblioteca e de entrada non obtivemos a subvención. Seguiremos intentándoo ata conseguilo.
Que pasa coa galiña azul?
En principio que a súa localización non é a máis adecuada. Necesitamos ampliala, non podemos permitir que ningún neno quede fóra por falta de praza. E no sitio no que está non se pode ampliar. A idea é facer outra gardería en Vincios, na Pasaxe. E nesa lideira ando agora coa Xunta. En calquera caso nós seguimos atendendo a nosa responsabilidade, como non podía ser doutro modo, coa Galiña:Compramos lavadora, secadora, puxemos os toldos, cambiamos o valado do parque…
O estado do polígono da Pasaxe?
Eu teño a firme convicción de que a fase 1 do polígono da Pasaxe queda rematada neste mandato. As obras xa levan 5 meses e avanzan a moi bo ritmo. Agardo acabar o mandato coa fase 1 rematada, e coa fase 2 xa en marcha.
Ese tema custou moitísimo alcalde?
É que non o podes imaxinar, Tino. Custoume horas de sono,atrancos constantes e preocupacións permanentes. Pero agora parece que xa estamos no camiño correcto. Este goberno pelexou unha enormidade para resolver un problema histórico no noso Concello. E teño que recoñecer que, cando me toque marchar, poder irme coa Pasaxe completamente arranxada e regularizada vai ser un orgullo e unha satisfacción de tal dimensión que non se pode cuantificar.
Xa se comezaron a pasar as cotas aos propietarios?
Por primeira vez en maio deste ano, si.
A Xunta destina fondos á Pasaxe?
Eso é o que pedimos tanto o Concello como os empresarios. O Concello de Gondomar vai pór, sempre que os técnicos municipais o permitan, 1 millón de €.E pedimos que a Xunta saiba estar á altura.
Pero sempre que estivemos en período electoral, primeiro Feijoo e logo Rueda prometían un feixe de cartos para o polígono da Pasaxe?
Si, é así. Pero de momento só quedaron en promesas. A Xunta ten que cumprir o seu compromiso de afrontar o sobrecuste das obras. A raíz da guerra de Ucraína o custe desta obra incrementouse unha enormidade.
O PXOM non parece que estea en vías de solución, como si parece estar a Pasaxe?
Pois eu creo que tamén está en vías de solución. Como sabes a nós non nos quedou outra que empezar de novo, con informe de avaliación ambiental incluído. Eso implicaba moito tempo e moitas cuestións que resolver. O último que chegou foi o informe de Costas, a finais de setembro do ano pasado. Nós negociamos coa Consellería irlles mandando o noso PXOM e eles nolo devolvían coas modificacións que consideraban, unha cantidade moi elevada. E nós íamos adaptando o noso PXOM ás modificacións que a Xunta nos demandaba.
Fixemos todas as modificacións que nos pedían. Agora mesmo teño un equipo de traballo que está constantemente niso. Estamos dedicando arredor dun mes para cada parroquia. A idea é que a finais deste ano, ou como moito a primeiros do 26, o poidamos aprobar inicialmente.
Gondomar ten que ter PXOM e eu aseguro que o vai ter.
Quedan dous anos para o próximo proceso electoral, non sei se procede a pregunta de que pensas facer ti, porque véxote tan animado que case dou por feito que volverás ser o candidato do partido socialista?
Ben, o candidato do PSOE será quen queira o conxunto da militancia socialista de Gondomar. Eu só podo dicir que ser alcalde do meu pobo é unha honra para min, nunca poderei pagar o inmenso caudal de confianza que recibo da veciñanza de Gondomar, e que a alcaldía de Gondomar colma as miñas aspiracións políticas. Temos feito moitas cousas, a transformación en positivo de Gondomar nesta década é obxectivamente incuestionable, e aínda quedan moitas outras por facer. Eu teño toneladas de ilusión en continuar servindo ao meu pobo.
