Non queremos minutos de silencio: queremos vidas libres de violencia

Silveiras Asociación feminista

No Estado español, a violencia machista converteuse nunha rutina que apenas conmociona. Cada novo asasinato dunha muller a mans dun home apenas ocupa espazo nos medios e, cando o fai, raramente xera unha resposta social sostida. A indignación diluíuse coa repetición e a violencia patriarcal pasou a formar parte da paisaxe cotiá. As administracións limítanse a gardar un minuto de silencio e a publicar un chío en X con palabras rutineiras e baleiras de contido.

Resulta imposible ofrecer datos actualizados sobre o número de vítimas da violencia machista, xa que cada día se producen varios actos de violencia perpetrada por homes contra mulleres (e tamén contra as súas crianzas), demasiadas veces con resultado de morte. Segundo datos recompilados por Feminicidio.net, nos primeiros cinco meses de 2025 rexistráronse 34 vítimas de feminicidio e violencia vicaria no Estado español. A estes hai que engadir varios máis nos escasos días transcorridos do mes de xuño, mentres escribimos estas liñas. En Galicia, hai só uns días foi asasinada Marisol polo seu maltratador, brutalmente queimada nun coche en Campo Lameiro. Segundo datos da Fiscalía, a violencia aumentou en Galicia un 17,39% no último ano.

Como denuncia incansablemente o feminismo, a violencia contra as mulleres é estrutural. Non se trata só de individuos concretos, senón dunha rede de complicidades culturais, institucionais e mediáticas que permiten que esta violencia persista. A cultura da violación, por exemplo, non se limita aos agresores: esténdese a quen xustifica, minimiza ou ridiculiza o testemuño das vítimas. A tolerancia á violencia maniféstase nos titulares que falan de mulleres que “morren” ou de “discusións de parella”, poñendo o foco na vítima e non no vitimario.

Medran tamén os discursos negacionistas. Dende tribunas políticas e mediáticas fálase de “violencia intrafamiliar”. Negar a existencia da violencia machista é tamén violencia: é unha forma de encubrila, de protexer o agresor, de revitimizar as vítimas. O peor é que estes discursos esténdense entre a mocidade: un de cada catro mozos pensa que a violencia machista é un invento ideolóxico.

Fronte a iso, o feminismo puxo palabras onde antes só había silencio, o mandato patriarcal por excelencia. Palabras que fixeron posible que moitas mulleres identificasen como violencia o que durante anos se normalizou como “ciúmes”, “problemas de parella” ou “cousas de homes”. É tamén o feminismo quen esixe unha resposta contundente por parte de todas as administracións públicas, dende os concellos ata o Estado: máis recursos, máis formación para xuíces e forzas de seguridade, máis protección para as vítimas. Pero as políticas públicas deben ir máis alá da atención ás vítimas: deben abordar as raíces estruturais da violencia. É necesario implementar unha educación feminista que cuestione os roles de xénero, promover a igualdade económica e laboral, garantir o acceso a recursos de protección e xustiza, e erradicar a impunidade dos agresores.

Porque a violencia machista non comeza na labazada. Comeza moito antes: nos estereotipos, na desigualdade económica, na invisibilización do traballo de coidados, na cousificación das mulleres, na falta de educación afectivo-sexual dende a infancia. Por iso, combater a violencia require algo máis que só as moi necesarias medidas punitivas. Require tamén unha transformación profunda, un cambio cultural que implique a toda a sociedade.

Non podemos seguir agardando a que outra muller sexa asasinada para reaccionar. Non queremos máis minutos de silencio. A violencia machista non é un asunto de mulleres: é unha cuestión de dereitos humanos e é responsabilidade das administracións públicas garantir o noso dereito a unha vida libre de violencia.