Óscar González, voceiro BNG de As Neves

Setados é unha parroquia das Neves que ten un grave problema de seguridade viaria que precisa ser arranxado con urxencia. A estrada en cuestión é de titularidade autonómica. Nos oito anos de goberno nacionalista o ex alcalde Xosé Manuel Rodríguez dirixiuse en numerosas ocasións á administración galega para pedirlle que asumiran a súa responsabilidade e arranxaran o problema. A resposta da conselleira Ethel Vázquez foi sempre a mesma: Non. Pouco despois de que o PP recuperase esta alcaldía, esa mesma concelleira anunciou publicamente que a Xunta ía arranxar esa eiva viaria que ten a parroquia de Setados.

Unha administración que trata aos administrados de maneira diferente segundo os perciban como amigos ou como adversarios, ou segundo a cor política do seu goberno local , non merece gobernar nin un segundo máis, pois carecen de lexitimidade moral para presidir nada, nin sequera unha comunidade de veciños. Ese é o modus operandi do PP en Galicia, e nas Neves tamén. Se es amigo o que queiras, e se non o es non hai nin auga para ti. A recuperación das alcaldías das Neves e de Ponteareas polo PP foi un resultado lexítimo, porque así o quixeron a maioría dos veciños e veciñas destas dúas localidades, e como tal hai que aceptalo con escrupuloso respecto. Porén, desde o punto de vista político foi un desastre para as maiorías sociais das Neves e de Ponteareas. Hoxe, dous anos despois as condicións de ambas localidades son peores que no 2023 e están en clara progresión descendente.

O ex alcalde das Neves deu un paso atrás e foi substituído no grupo municipal por Óscar González, un rapaz de Taboexa, novo en idade, pero xa veterano na práctica política e no compromiso social, na CM da súa parroquia. Conversamos con el para coñecer a súa valoración de como marchan as cousas na política local.

As Neves ten un goberno ineficaz e incompetente que carece de modelo de pobo. O único que fan é zafar o día como poden”

Canto tempo levas como máximo responsable do grupo municipal de As Neves?

Desde o pleno extraordinario de abril, levo dous plenos como voceiro.

Por que foi o pleno extraordinario de abril?

Para lanzar o expediente de licitación do contrato da axuda no fogar.

Que opinas ti da situación e xestión dese asunto que,no seu momento levou a unha folga das traballadoras do SAF do concello de As Neves?

A xestión dun servizo esencial para o benestar das persoas máis vulnerables só se pode cualificar como ineficaz . O contrato en vigor tiña os prezos do ano 2019 e coa suba brutal da vida destes últimos anos, xa non estaba acorde coa realidade. O que había que facer era un contrato novo e non prorrogar o existente. Neste caso fixeron mal o seu traballo. Nós non estabamos de acordo coa licitación que sacaron, dixémoslle que este contrato ía ser demandado e botado abaixo, como así foi. Agora estamos nunha segunda volta, e se non hai ningún atranco entrará en vigor para o mes de outubro ou novembro.

O que se tratou no pleno abril foi unha segunda licitación ?

Si.

A razón da segunda licitación foi o mal traballo do goberno municipal?

Si, claramente si.

Que votastes vós no pleno de abril?

Votamos a favor, porque entendemos que é necesario solucionar isto de inmediato e ademais, agora si que fixeron o que xa tiñan que ter feito antes.

Levas pouco tempo como voceiro, Óscar. É suficiente para emitir unha primeira valoración de que supuxo para ti.?

De momento non noto moito cambio na miña vida, é pouco tempo .Por outra parte eu xa son un concelleiro que leva varios mandatos no concello, e,aínda que non era o voceiro, no BNG sempre se procura que todos os cargos orgánicos asuman responsabilidades e interveñan con frecuencia, polo tanto moito cambio non noto de momento.

Fixésteslle un acto de despedida ao ex alcalde Xosé Manuel Rodríguez e a ex concelleira Pilar Casas para agradecer o seu esforzo e dedicación, e que serviu para darlle certa oficialidade ao cambio, tanto na dirección municipal como na organización política do BNG de As Neves, que agora encabeza Raquel Barreiro. Como foi ese acto?

Foi enormemente emotivo. Co paso do tempo valoraremos na súa xusta medida a enorme importancia destes oito anos do primeiro goberno nacionalista na historia das Neves.

Haberá máis?

Estou seguro de que o haberá moi pronto

Como valoras a entrada das novas concelleiras Rocío Barreiro e Alba Casas?

Son dúas mulleres cunha capacidade espectacular. Dúas persoas brillantes que fan mellor ao BNG, que conciben á política da maneira correcta, un instrumento para o ben común, e ás que é para min unha honra acompañar nesta viaxe.

Estamos no ecuador do mandato Óscar, como valoras o traballo do goberno estes dous anos?

Temos un goberno ineficaz e incompetente que se caracteriza polo desleixo e por carecer de modelo de vila. O único que fan é zafar o día a día como poden, e para iso mal. O que están executando son proxectos que xa estaban previstos e moi pequenas obras de asfaltado.

É un goberno nepotista?

Iso é o que fan, nepotismo e despropósitos

Despropósitos, como por exemplo?

As podas que acometeron no casco urbano que xa alcumamos no pleno “podas drásticas”, agora vese o seu resultado. Moitas destas árbores van morrer por estas podas e deixar sen sombra e sen facer a súa función no casco da vila perdendo todo o seu valor.

Que pasou co campamento de verán?

A día de hoxe( 03/06) non se sabe nada. Pais e nais destas crianzas teñen que ter unha previsión para poder afrontar as vacacións de verán.

Como explicas os cortes de luz que houbo na vila?

Pasou que como é costume neles xestionan mal. Algúns cortes son de máis de dúas horas en distintas partes do concello, non en todas. Desde o Concello tiraron un comunicado dicindo que están ao tanto do que pasa e facendo traballos técnicos para mellorar a rede pero, despois disto aínda houbo cortes de luz. Se están facendo traballos técnicos para mellorar a rede o normal sería que comunicaran cando se van facer e canto prevén que duren. Se a empresa encargada non dá aviso, o concello ten que esixirllo para informar á veciñanza.

En relación ao roubo que sufriu o Concello de 8.000€ por unha estafa cibernética, como está este tema ?, recuperáronse os cartos?

Preguntamos por isto no último pleno e contestaron que se estaba traballando e a punto de resolverse.

A día de hoxe, 3 de xuño, os 8.000€ non se recuperaron?

Que nós saibamos non, pero non tivemos unha resposta clara.

Segues pensado que, alén da responsabilidade de quen rouba , hai neglixencia da persoa que paga?

Para pagar calquera tipo de factura ten que haber unha conformidade, e nun concello pequeno, quen a fai é o persoal político. Despois é o tesoureiro ou tesoureira que fai o pago, pero con conformidade política. A conformidade a ese pago tiña que terse denegado, e non se fixo.

Sabemos en concreto que deu a orde de pagar esa factura?

Non, non sabemos se foi o alcalde ou algún concelleiro ou concelleira.

Como está a saúde do BNG e que percepción social ves na rúa para as eleccións do 27?

A saúde interna do BNG é boa. Acometemos cambios e renovacións sen grandes dificultades e con acordos unánimes.

De cara fóra, de traballo na rúa necesitamos facer unha labor social importante, vimos de perder unhas eleccións e tivemos un pequeno baixón do contacto coa xente. Agora temos xente nova e temos a clara intención de recuperar a confianza da maioría social.

Que pulsión percibes na rúa en relación ao traballo do goberno?

Moita xente non esperaba que iso ocorrera e que o PP estivera gobernando. Da xente que os apoiou, unha gran parte trasládanos que están decepcionados pola falta de capacidade e por promesas incumpridas.

Nos oito anos de goberno do BNG, vos reclamastes moitísimas veces o arranxo da estrada de Setados. A conselleira territorial da Xunta Ethel Vázquez respondeu sistematicamente que non. Pouco despois de que o PP recuperara alcaldía de As Neves, esa mesma conselleira manifestou en público que ían arranxar este problema . Dous anos despois como está este asunto, fíxose algo?

Acometeron o proceso de expropiación e houbo levantamento de actas hai uns seis meses. Agora hai anuncios de que a metade deste ano comezarían as obras, de momento aínda non se fixo nada máis.