A Corinnavirus ven de pegarlle un golpe demoledor á cuberta proteica do Virus Borbón, o cal foi descuberto polos americanos en Kansas hai 5 anos. Nestas latitudes é un vello coñecido e mantense activo, de forma latente, dende 1700. Só se transmite entre persoas que teñen un grupo sanguíneo do máis reducido. Non falo do AB-, senón de xente que ten o sangue de cor azul. Poucos humanos son posuidores deste tipo, pero os que o atesouran, adoitan ter unhas características ben definidas que os fan completamente distintos aos demais, son inmunes e non son responsables dos seus actos.
Sáltanse, non só as fronteiras dos países, senón tamén artigos tan importantes como o que di que todos somos iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, etc. Estes virus, en cuestión de sexo, non respectan nin aos seus conxéneres e propáganse atendendo a unha Lei Sálica que eles mesmos introduciron. Segundo o Departamento de Saúde de Kansas, o Virus Borbónico é un xerme infeccioso que transmiten as carrapatas, parasitos que se non acabas con eles, fanche un baleirado de sangue como o que se lle realiza aos mortos antes de proceder ao seu embalsamamento.
Lévanse sucedendo dende hai séculos, pero pouco a pouco van indo a menos e vanse deteriorando máis rápido do habitual. Por momentos perden a memoria. Isto último detectouse despois de parasitar membros de familias arábigas. A memoria aféctalle considerablemente aos descendentes de última xeración, os coñecidos como Virus Filipinos VI punto cero. Os científicos cren que se desvinculan dos seus ascendentes unha vez que se descobren os bancos de sangue onde foron agochando o prezado líquido.
A comunidade científica aconséllanos non ter piedade con eles, a pesares do cariño que lle temos ao levar tanto tempo parasitándonos. En canto poden dan mordidas considerables, que logo ocultan o máis lonxe posible dos hóspedes, sen ter en conta que viviron a nosa costa, a corpo de rei, durante tanto tempo.
Persoalmente, non sabía que un parasito a súa vez podería ser parasitado por outro. Son os chamados hiperparásitos ou virófagos. Dentro desta especie atopámonos co Corinnavirus Su Sainz de Wishxensteinth, que moi ao seu pesar, estalle restando protagonismo ao seu amigo entrañable.
A Corinnavirus está sendo utilizado como vacina contra o Virus Borbónico. A pesares de que estivo moito tempo ameazada e inactiva, pola presión dos axentes patóxenos, agora todo indica que pode ser efectiva para limpar definitivamente o xerme borbónico da sociedade.