Nas primeiras horas da alerta sanitaria foron moitos os que pensaron que o mellor que podían facer era coller a maletas e ir á plaia ou ó monte.
Ainda que o medo non collera os fíos do país, os centros educativos acordaron o seu feche para evitar riscos e contaxios innecesarios. O futuro, o primeiro, coma nos naufraxios.
Adoita suceder que nesta e noutras moitas situacións de alarma a cidadanía non se fía da palabra da goberno. Non nos faltan motivos. Ata que chega a primeira labazada en xeito de sanción económica.
Entón é cando un se decata de que as cousas van en serio.
O puxil subiu ao rin cun palmarés impecábel de vinte vitorias por K.O e ningunha derrota. Os seus músculos non tiña a mesma tensión doutras pelexas. O calzón íalle xusto, coma cando atopamos un xersei no fondo do armario, orfo, de hai tres anos, e non recoñecemos a nosa xeografía no espello.
A defensa baixa. Os ollos baleiros e os puños coma dúas bolas de nadal penduradas dunha árbore de plástico.
O seu rival tiña a derrota gañada pero non subira ao cuadrilátero a apañar unha manta de paus e dun gancho con toda a froza do mundo deu co campión no chan.
Logo foron fechando tamén os comercios que non foran de primeira necesidade. As mercerías, as tendas de deportes, as tendas de roupa, as barberías, os talleres mecánicos, os zapateiros, as tendas de agasallos, as igrexas, a monarquía, os afiadores, as librarías, os zoqueiros, os cesteiros e as curandeiras.
Todos, segundo o goberno, gremios prescindíbeis para tempos incertos nos que o obxectivo é evitar o contaxio e a propagación do virus.
Segundo pasaron os días, as medidas de precaución foron en aumento tendo en conta que o número de contaxiados e contaxiadas medraba cada hora e os doentes comezaban a morrer.
Un metro, esa é distancia de seguridade, a delgada liña que temos obriga de respectar para evitar riscos innecesarios. Se non é preciso non saian da casa mais que para ir ó super, ó estanco, ó traballo e a pasear ó can, sempre mantendo a distancia de seguridade.
Neste tipo de situacións un xamais sabe coma vai responder. Hai centos de estudos que din que a mente humana é un misterio e que cada un de nós somos un universo impredecíbel en leiras de tensión e medo.
Non embargantes, queda ben claro que o noso país, o noso estado, nós, somos uns auténticos psicópatas da hixiene íntima e da festa. De morrer, morrer co cú e a paxareta limpa, nunha festa nun balcón.
Dende o primero aviso, dende o primeiro día, a xente tirouse a mercar papel hixiénico coma auténticos desmemoriados diarreicos.
Dende o primeiro día de encerro non precisamos de escusa algunha para sair ó balcón ou ás fiestras das nosas casas para cantar, aplaudir, bailar ou cacerolear ao monarca que non aparece nin se lle agarda.
Hoxe, o ceo está despexado, os paxaros cantan como nunca o fixeran, coma funanbulistas no tendido eléctrico, mentendo a dsitancia de seguridade. Un metro.