ALBERTO PAZOS DEPUTADO DO PP
Achégase paseniño o 25 de xullo, data de celebración e rituais, e a carón do ventilador veño a dar cumprimento á tradicional encomenda que recibo do director desta publicación, que ten a xenerosidade de invitarme a compartir cos seus lectores algunhas reflexións, co gallo do día grande de Galicia.
Este ano quedará grabado na memoria dos galegos pola singularidade de vivir o primeiro bienio Xacobeo da historia. Un feito excepcional que tivo a súa orixe noutra infeliz excepcionalidade: a maldita pandemia de Covid que aínda resiste entre nós, feble pero teimuda, como un triste recordatorio da nosa fraxilidade.
Todo flue, nada permanece ! A experiencia dos últimos anos debera bastar para que asumísemos a imprevisibilidade dos tempos pero, como somos xente de costumes, teimamos por recuncar na mesma pedra, polo que a providencia vese na obriga de acudir de cando en vez ao noso encontro, para lembrarnos aquelo de que a vida é iso que acontece namentras estamos facendo plans…
E así, namentras planeabamos a mellor saída a crise da Covid, namentras estudabamos coma fortalecer os nosos servizos públicos, namentras tentabamos capear o temporal de inflacción agravado pola inacción do bipartito de Madrid e a brutal invasión de Ucraína, o aleteo dunha mariposa no número 13 da rúa Genova, provocaba un inesperado proceso de relevo ao fronte do Goberno galego.
Augures e sibilas profetizaron todo tipo de catástrofes : tambores de guerra, ruido de sables, lea sucesoria! Pero a realidade é que poucas características definen mellor ao pobo galego que a súa capacidade para asumir con normalidade o cambio, e unha vez mais, Galicia amosou que ten un xeito particular de renovar institucións, proxectos e liderados. Sentidiño.
Galicia afronta o seu día grande consciente de que vivimos momentos de incerteza. A situación internacional non invita ao optimismo, fundamentalmente por causa do exacerbado nacionalismo ruso, que aspira a reverdecer os murchos laureis do sovietismo. En clave nacional, a inestabilidade política e a perda de poder adquisitivo está a traer a moitas familias o recordo da anterior crise, todavía non totalmente superada por moitos, e o aumento desbocado dos prezos de produtos básicos ou dos custes enerxéticos, está a provocar quebradeiros de cabeza nas economías de demasiadas familias españolas.
É nos momentos de dificultade cando con mais facilidade agroman dúbidas e preguntas. E é nesos mesmos momentos cando con maior intensidade a sociedade precisa de lideres capaces de dar resposta a tanta inquietude. E como en tantas outras ocasións, cando de atopar respostas se trata, os ollos viran cara Galicia.
A experiencia avala que cando se trata de superar dificultades, cando a prioridade e asegurar os servizos públicos e o benestar dos cidadáns, Galicia é a resposta. Cando a tormenta arrecia e se precisa de rigor e coñecemento para capear os bandazos da crise económica, Galicia é a resposta. Cando toda a sociedade reclama un capitán solvente na ponte de mando, capaz de trazar un rumbo seguro e levar o barco a bo porto, Galicia é a resposta.
Así que, estimado lector, non deixe de disfrutar do noso grande día. Non renuncie a participar nos múltiples festexos que salpicaran nestas datas a nosa xeografía. Non dubide en celebrar a nosa galeguidade.
Achéguese ao seu recuncho favorito desta terra fermosa, brinde cun dos nosos maravillosos caldos (etiquetado en galego, como sempre nos recordan os amigos do Foro Peinador) ou entréguese a calquera lectura de Delgado Gurriarán ou de Fernández del Riego, e disfrute vostede da doce sensación de tranquilidade que proporciona saber que, nas duras e nas maduras, na alegría ou nos pesares, Galicia, sempre é a resposta.
Saúde e Terra!!