
Valentín G. Formoso
Secretario xeral do PSdeG-PSOE
Hoxe é un día de celebración de todos os galegos e galegas, un día para gabarnos da nosa cultura, da nosa lingua xa milenaria e da nosa identidade. Cada 25 de xullo expresamos con orgullo ante o mundo os nosos sentimentos de pertenza a un pobo que con mans laboriosas modelou unha paisaxe caprichosa e ergueu murallas de pedra, faros e catedrais recoñecidas como bens patrimoniais da Humanidade.
Neste Día Nacional de Galicia, os socialistas galegos renovamos dende Rianxo o noso compromiso co galeguismo, coa lingua que nos une, e cun proxecto político que ten como eixos a igualdade de oportunidades, a modernización e o progreso da nosa terra.
Terra e lingua. Velaí as dúas raíces máis profundas que ten a comunidade social galega. Para nós o galeguismo vai máis aló de profesar amor pola terra, que é lícito que cadan quen sinta pola súa. O noso galeguismo significa, ademais, un compromiso cívico con Galicia e coa súa xente, que consiste en dotar a este país de conciencia colectiva propia, de capacidades e para desenvolver a súa xenuína personalidade no plano económico, social ou cultural.
Terra e lingua. É por iso que os socialistas asumimos a diversidade lingüística e cultural de Galicia como un feito enriquecedor, como a expresión máxima da nosa identidade nacional. A nosa lingua e cultura non nos pechan en nós mesmos. Ao contrario, ábrennos ao mundo, son elementos xeradores de liberdade, de integración, que nos brindan espazos de participación con outras culturas, convertendo a nosa fala e a nosa creatividade en elementos con potencial para xerar riqueza. Terra, lingua e tamén autogoberno. Os nosos devanceiros fixeron o exercicio de pensar o que somos e cara onde camiñar, e puxérono nun documento. Alí estivemos tamén os socialistas, no Estatuto de Autonomía de 1936 e no de 1981, xogando un papel capital na creación das institucións propias.
Non é o PSdeG a forza que renega da autonomía e trata o Estatuto como unha lousa de mármore na que non se poden esculpir máis letras. Tampouco é o PSdeG o que ve o texto como un traxe vello do que desprenderse para construír un Estado propio. Os socialistas entendemos o autogoberno como o afondamento na democracia, a construción dunha arquitectura política que necesita dunha constante posta ao día para ser motor de progreso.
E temos que dicilo: Galicia está chamada, máis cedo que tarde, a promover una reforma do Estatuto. E son varios os argumentoa favor: Somos, xunto con Euskadi, o único territorio que non reformou o seu marco, pese a que cando foi plebiscitado o Estatuto non eramos da Unión Europea. Tampouco existía Internet, nin leis como a do aborto ou a que instituíu, por iniciativa socialista, unha sanidade pública, universal e de balde.
Estamos xa no tempo en que son máis as persoas nadas despois do Estatuto que antes. 53% fronte ao 47%. Non deberiamos permitir que a maioría vira o Estatuto como algo desfasado e que non vai con eles. Tamén necesitamos responder aos desafíos que ten o goberno acadando o máximo teito competencial, dispoñendo de todas as ferramentas para ordenar o noso litoral, para responder a situacións de emerxencia. Somos o partido que acompañou a Castelao co Estatuto de 1936. O que sofreu o linchamento polo compromiso galeguista de políticos como Xaime Quintanilla, o alcalde fusilado de Ferrol. Formamos parte dese PSdeG que elixiu a Ramón Piñeiro deputado e que foi a derradeira morada de Celso Emilio Ferreiro.
Este legado é a constatación de que o noso galeguismo ten raíces ben profundas que nos permiten encarar o futuro con esperanza. Somos o partido máis vello de Galicia, pero o único que sempre estivo na vangarda dos cambios, e na conquista de novos dereitos sociais. E así seguirá sendo.