Por que soberanía?

Néstor Rego
Néstor Rego
Deputado do BNG no Congreso

No recente debate “sobre o estado da nación” considerei pertinente precisar que a miña nación é a Galiza e que se o BNG está no Congreso, para alén de defender de forma permanente os intereses do noso pobo e da nosa xente, é para traballar por que máis cedo do que tarde o estado da nosa nación non se decida en Madrid, senón que o poidamos decidir os galegos e galegas en función dos propios intereses de forma libre e soberana.

Si, na razón de ser do nacionalismo e dun BNG que logo fará 40 anos de existencia está a defensa da soberanía da Galiza. Mais, por que? Chega con afirmar que se a Galiza é unha nación ten -como todos os pobos do mundo- dereito á autodeterminación e a definir con liberdade o seu futuro como estado soberano? Para quen xa é nacionalista, chega, é claro. Mais como non estamos aquí para ningunha clase de ritual de autosatisfacción, senón con vontade de transformar a realidade e avanzar para os nosos obxectivos, precisamos de conquistar a hexemonía e colocar a inmensa maioría do pobo galego do noso lado.

Por iso nunca podemos renunciar á pedagoxía social, porque a nosa é a forza da razón, das inúmeras razóns que, infelizmente, a realidade nos fornece a cada día para deixar claro que se a Galiza necesita soberanía é, sobre todo, para acabar co espolio que sufrimos como pobo. Quer dicir, para os galegos e galegas podermos vivir mellor, para avanzarmos en calidade de vida e benestar.

Vexamos senón algúns datos que se estiveron a barallar estes días. Máis de 330.000 persoas emigraron da Galiza na última década. Retómase neste século XXI un fluxo que sangra o noso País, como nos séculos anteriores. Non é unha praga bíblica, é a consecuencia de que a boa parte da nosa mocidade se lle negan oportunidades laborais e de vida no noso País. É o correlato lóxico dunha crise industrial xa cronificada que leva ao fechamento continuado de empresas e á perda de postos de traballo. É, en definitiva, unha manifestación ben visíbel do espolio a que leva a dependencia política da Galiza.

A banca expatría 27.226 millóns de euros de aforro galego cara a outros territorios. Sen que represente ningunha sorpresa, Madrid é a grande beneficiada dunha drenaxe do capital da Galiza que medra de forma progresiva desde 2013. O aforro dos galegos e galegas non serve ao impulso ao desenvolvemento do noso País, mais non porque non queiramos, senón porque é Madrid quen marca as regras.

Un total de 4.165 empresas con actividade na Galiza pagan os seus impostos en Madrid. É a consecuencia do chamado ‘efecto sede’ mais tamén e sobre todo, de que tamén as regras fiscais as marca Madrid. É claro que todos eses recursos que perdemos poderían ser destinados a favorecer o desenvolvemento económico do noso País.

Mais o espolio vía impostos non acaba aquí. O diferencial entre o que o Estado arrecada na Galiza e o que nos devolve vén a situarse entre os 3.000 e os 4.000 millóns de euros cada ano. Non é unha cantidade pequena, pensemos tan só que o orzamento total da administración galega se sitúa en 2022 en 11.627 millóns de euros. E pensemos tamén o que a incorporación deses recursos suporían para mellorar os servizos públicos, fomentar novas actividades económicas, xerar emprego, impulsar a investigación ou avanzar en infraestruturas. Razón pola que, mesmo neste marco, o BNG vén reclamando un novo modelo de financiamento baseado no concerto co Estado, polo que a Galiza recadaría todos os impostos e negociaría canto entrega.

Ao espolio fiscal temos que engadir o espolio enerxético. As tres grandes eléctricas, Iberdrola, Endesa e Naturgy tiveron en 2021 un beneficio neto record de 6.534 M€. Boa parte conseguidos na Galiza, onde controlan térmicas, hidroeléctricas e parques eólicos. Son as principais impulsoras do boom eólico depredador que sufrimos, que non está dimensionado para as necesidades da Galiza, con máis de 200 proxectos de megaparques na terra e no mar. Pagan nos seus impostos en Madrid.

Poderíamos continuar: salarios baixos, as segundas pensións máis baixas do estado (Ourense a media máis baixa, con 805 euros), déficit histórico en infraestruturas e servizos, especialmente ferroviarios (carecemos de ‘Cercanías’), devalo permanente da nosa lingua…

Mudar esta situación, de modo a favorecer o desenvolvemento das potencialidades do noso País e a mellora da calidade de vida exixe que sexamos os galegos e galegas os que decidamos libremente sobre todo aquilo que nos concirne e en función dos propios intereses. Iso chámase soberanía.