O espírito do 8M todo o ano

8M Soraya Domínguez

Soraya Domínguez

O 8M, xunto co 25N, son dúas datas marcadas en vermello na loita feminista. Cada unha delas ten unha orixe e un sentido diferente, mais ambas comparten un gran obxectivo: alcanzar a plena igualdade entre as persoas, independentemente do xénero e identidade. Hai dous anos, un grupo de mulleres feministas da Louriña sentiamos a necesidade de organizarnos. Para facelo, acollémonos baixo o paraugas da Marcha Mundial das Mulleres (MMM) e naceu a MMM da Louriña.

Cedo vimos que a nosa existencia era necesaria. No Porriño, en moi pouco tempo, déronse tres casos de extrema violencia contra as mulleres, polo que moitas persoas precisamos un referente para darlle unha resposta, como sociedade, a esta brutalidade. Referímonos ó secuestro e maltrato que sufriu unha muller nunha vivenda do Porriño, á aparición de Judith asasinada nunha vía da zona franca e á violación dunha veciña nas festas parroquiais de Pontellas. A cidadanía precisaba expresar a súa repulsa e nós artellamos a oportunidade para facelo. Mais tamén denunciamos os desaxustes do sistema.

Non é lóxico que o secuestrador estivese na súa vivenda e ninguén fose alí cando houbo unha denuncia pola desaparición da moza. El tiña antecedentes e ela, un vencello con el. Non é xusto que parte da prensa silenciase un ataque sexual durante un día e, reiteradamente, mudasen a data real dos feitos só por non entorpecer o desenvolvemento dunha festa patronal. Tampouco é de recibo que unha muller asasinada sexa xulgada publicamente pola súa vida e que, dun modo perverso, esta sexa presentada como escusadora deste ataque mortal. Nós estivemos aí, denunciando e póndolles voz, non só ás vítimas, senón a todas as persoas que estamos fartas de que a violencia patriarcal impregne todos os ámbitos da nosa sociedade.

Somos un colectivo organizado, activo e o único centrado na loita feminista no Porriño, polo que o habitual é que a nosa relación institucional se estableza con este Concello. Debemos dicir que, en contra do que nos gustaría, no goberno local do Porriño non encontramos nin interlocutores nin acompañamento.

Solicitamos un local municipal para a nosa organización. Fixémolo por vía formal e informal e a resposta foi o silencio. Só nos responderon cando, no pleno, unha compañeira, vía o BNG, lle requiriu unha resposta. Esta chegou dous meses despois e foi parca: “é totalmente inviable”. Xa antes de que nós nos organizásemos, a praza Arquitecto Antonio Palacios era o espazo de referencia do feminismo no Porriño. Dende que o PP chegou á alcaldía, encontrámonos con que no 25N e no 8M a praza do concello está reservada para uso oficial e vetada para a Marcha. Cando conseguimos saír dende ela, foi grazas á choiva ou a que as actividades oficiais acabaran antes do que calculaban. Esta dinámica agudizouse o último 8M coa tentativa de expulsarnos do centro: a praza e as rúas Ramón González e Antonio Palacios tiñan que estar fóra do noso percorrido. O 7 de marzo concentrámonos en repulsa desta actitude. Non houbo resposta. Finalmente, o noso aliado foi, outra vez, o tempo climatolóxico. Por chuvia, levaron os actos oficiais para outro espazo e así puidemos acabar na praza do concello a nosa manifestación do 8M.

O silencio e a expulsión dos espazos públicos son dous clásicos do patriarcado. As mulleres non fomos consideradas interlocutoras dignas polas autoridades masculinas durante demasiado tempo; tampouco se nos permitía usar o espazo público para fins públicos. Desexamos que o PP do Porriño entenda que a MMM da Louriña non é a inimiga, senón unha forza social que busca a igualdade e coa que pode e debe colaborar para este fin. Pois a loita feminista non se debe reducir ás efemérides do 25N ou do 8M; ese espírito polo cambio ten que manterse todo o ano.