QUEN SE CONSOLA NO DÍA DAS NOSAS LETRAS?

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Hai, desde xa moito tempo, unha indixencia de saberes na política que se presenta asombrosa. Parece ser que aquela xente que nos representa, envolta en mil discursos, despois goberna en contra de nós e tal como lle peta. Non sei se é a súa apetencia de favores, ben remunerados, quizais un modo de comportamento suicida que nos agonía, ou ansias de domear desde o poleiro con certa prepotencia globalizadora. Os que exercen a política, ben se ve, non nos representan, sequera como queremos, sequera como deberan. Non sei cal é o estraño filtro que os purifica, que se volven esquecedizos dos compromisos que un día fixeran. Non teñen nunca razóns de peso para garantir o entendemento, para convencernos, sequera para expresar as dificultades que poidan ter, os problemas cos que se atopan. O peor xorde cando queren xustificar os desatinos con enquisas -metodoloxía moi recorrida- cheas de números e porcentaxes, análises sisudos de cifras informes, sempre desproporcionadas pola racionalidade dos argumentos que nós temos e que son moito máis sinxelos. Enormes variables entran en xogo, e non as ven! Tan na altura están que non as ven, nin tampouco a nós nos ven. Anque eles evitan así, nesa mudez e cegueira, a responsabilidade nos danos causados. Estamos xa no perfil mesmo do precipicio. E vén aí o mes de maio -que por maio era por maio- cando as festas de consolación para o Noso Idioma. E aí estamos, no exemplo  da Lingua, que se nos vai perdida. Ninguén petou na mesa fortemente, ou botou un xuramento escandalizado no medio do deserto! Ninguén lembra xa que se somos algo é por esa “vulgaridade” da Nosa Lingua, á que desprezan evitando poñerlle remedio a esta perda de falantes, non xa na cidade ou nas vilas senón nas aldeas. Si, esa nosa Lingua que tanto ignoran e que tantos falan como cuspindo, que adobían con tempos compostos e  outras fonéticas obviedades. Estamos, como digo, no baleiro do interese e do coñecemento, nesa teimosa ignorancia que nos rouba a nós mesmos, que nos inmola na pira na que ardemos. É xa unha causa á que chegamos, entretidos en anagramas e quincallas varias. Estamos nesa ausencia de cumprimento e de rigor, de ciencia e entendemento plasmado en algoritmos e ausente de afectos. Habería que enfadarse co comportamento pasivo de tanta xente, de tanta institución, de tantos involucrados. E isto fainos perigar nesta penuria á que chegamos. Pretendemos ser donos de nós, e estamos sen bens. Desposuídos do temón que nos conduza e leve. E cando falo da xente da política, refírome á totalidade, uns e outros non saben a que xogan, non saben o que é o ben común, o tesouro a protexer. E entón, aínda que quixeran -que non queren-, son incapaces de facer funcionar as mecánicas institucionais e calmar as nosas amargas conciencias, non escarmentan no voto! Non proxectan a ollada moito máis lonxe, a aquel horizonte de propiedade, aquel que nos seduce co que temos, que é moito e non sabemos estimar. Son, polo tanto, incoherentes e foxen con moita habilidade á virtual condición das redes e supostos espellismos de frases lapidarias e convencementos ficticios. Non saben repartir para todos, ese beneficio da Lingua, na equidade digna e educada de quen serve a sublime condición dun ben social e común. Seguimos a ter unha débeda histórica que aínda non pagaron os da cima do poleiro. Mágoa de tanto tempo perdido, mágoa do beneficio estragado, en tempo, en crianzas, en Cultura da de verdade, en satisfaccións que nos enchan de esperanzas. Coido tampouco saben pedir desculpas por ocupar un sitio e non saber acadar algún logro neste terreo. Quizais tampouco teñan a responsabilidade precisa, que lle chaman directa, ou si? Nós temos a nosa e agardaremos sempre a focalizar a aqueles tantos que nada avanzaron e a localizar a alguén con capacidades de inclusión e namoro, que sexa torpe nas desculpas e efectivo nos acordos. Eu négome a someterme aos que sempre gañan.

En verdade, precisamos dun sistema afectivo, romper alianzas tóxicas e gañar xenerosidade. Serei de novo ese parvo idealista!