A patria non é unha bandeira

Gustavo Barcia BNG Mos
Gustavo Barcia Seijo
Portavoz Municipal do BNG de Mos

O 25 de xullo é o día da patria galega, haberá moitas bandeiras de Galiza, cantarase o himno e lanzaranse grandes diatribas e discursos enxalzando á nosa terra. Hai quen pensa que a patria, ou matria, é iso: ondear moi forte unha tela, poñer a man no peito cantando e berrar moi forte o amor patrio. Nada máis lonxe da realidade, a patria é a nosa lingua, a cultura, a historia, a tradición e sobre todo a xente que vive nunha terra á que se sinte unida. Todo iso pode representalo unha bandeira e un himno? Por suposto, pero iso tamén pode ser empregado para o cinismo e a hipocrisía. O Partido Popular de Galicia soe axitar moi forte a bandeira galega e poñer a man no peito cando soan as verbas de Pondal, ata reivindican ao bo e xeneroso de Castelao e todo iso faino mentres ataca a nosa lingua, despreza a nosa cultura e desleixa ao pobo que di defender. Por iso a patria non se fai nin se defende cunha bandeira ou un himno se non co respecto a un pobo e as expresións que del nacen e iso é algo que os imbéciles e escuros nunca entenderán.

O 13 de xuño é o Día da Rosa, a festa grande do concello de Mos, podemos dicir que é o día da patria mosense. Para ese día o Partido Popular fixo un despregue de bandeiras, himnos e golpes de peito.

Nos últimos anos o goberno do Partido Popular de Mos aprobou a creación dunha bandeira para o concello, a adopción dun himno e este ano poñerlle unha letra a ese himno, sen esquecer da creación do lema SomosMos que inunda todas a publicacións e actos municipais. Unha bandeira, un escudo, un himno son símbolos, neste caso de Mos. Pero o que noutros lados é un proceso longo e que emana da tradición e o popular no caso de Mos é unha construción artificiosa e que busca a propaganda non a representación dun pobo.

Poñer carteis SomosMos nas rotondas do concello, rematar todos os discursos berrando Somos Mos, como se un grito de guerra se tratase, envolverse todo o tempo nunha bandeira e finxir emoción ao cantar o himno o único que demostra e que non existen ideas nin proxecto de concello.

O PP de Mos necesita unha enorme bandeira para taparse e que non e vexa que detrás desa tela non existe ningún proxecto de concello, o PP de Mos necesita finxir emoción ao cantar o himno pois non lle preocupa nada mais que manterse no poder a toda costa, o PP de Mos necesita berrar Somos Mos para non escoitar o que a veciñanza pide e necesita.

A veciñanza de Mos nin quere nin necesita unha bandeira, nin un himno que louve a nosa terra, tampouco enormes carteis que digan Somos Mos, necesita que se apoie á cultura, agarimar as nosas tradicións, que se respecte a nosa lingua e crear un futuro con calidade de vida e dignidade. O PP non pode ofrecer nada diso por iso axita bandeiras, berra himnos e coloca carteis.