Marcos Santos e Tino Lago
Despois de 3 maiorías absolutas consecutivas acadadas no 2007, 2011e 2015 o BNG perdeu esta privilexiada situación nas municipais do 19, pois baixou de 12 a 8 actas. Foi un pacto co único concelleiro de ACB o que lle permitiu ao alcalde Juncal conseguir o noveno asento e manter a maioría de goberno pois a corporación de Bueu ten 17 asentos. Naquel momento percibíase polas rúas da localidade un estado de opinión referente a unha suposta relaxación do alcalde e o seu goberno. Félix sempre negou que esa presunta relaxación fose real, pero si recoñecía ser consciente da existencia desa corrente de opinión e comprometeuse a pór todo da súa parte para tratar de mudala. Hoxe, catro anos despois, parece telo conseguido, polo menos eu despois preguntar a moitos veciños e veciñas, como fai sempre este medio de comunicación , non a atopei por ningures. En calquera caso velaí vai o que deu de si a nosa conversa co alcalde de Bueu
“En todos estes anos na alcaldía a miña preocupación sempre foi estar á altura, e ser digno do cargo”
Sempre que entrevisto a algún alcalde ou alcaldesa teño o costume de, o día antes, peneirar as redes sociais do principal partido da oposición para coñecer cales son os temas máis candentes. Así o fixen co PP de Bueu e chamoume poderosamente a atención que apenas hai nada de chicha, só tres asuntos concretos que logo comentarei contigo. Está relaxada a oposición?
Eu creo que non. Eles fan o seu traballo e nós procuramos facer o noso o mellor posible nun momento extraordinariamente complexo.
O primeiro dos temas aos que antes me refería é o da limpeza. Bueu está sucio?
A día de hoxe hai un recoñecemento inmensamente maioritario de que non é así. Non, Bueu non está sucio. Si temos detectado algún problema referente á necesidade de rozar algunhas vías que curiosamente son de titularidade autonómica. Bueu non ten un problema xeral de limpeza. É a oposición que trata de desgastar ao goberno cun problema que non existe.
No pleno de xuño o PP presentou unha moción ao respecto da limpeza. Por que votastes en contra?
Por dúas razóns:1) porque entendiamos que a situación que describe a moción non se correspondía coa realidade.2) porque cada ano o concello está a dedicar máis medios para ter un bo servizo de limpeza.
En relación ás vías de titularidade autonómica, que antes mencionabas, véñenme á memoria varios alcaldes e alcaldesas queixándose dunha suposta tendencia da Xunta a eludir as súas responsabilidades traspasando competencias, que lle son propias, á xestión dos concellos. Ti tes tamén esa percepción?
Absolutamente si. Por exemplo con toda a área de servizos sociais, que pola lei 27/2013 é unha competencia autonómica, o que fai a Xunta mediante unha lei autonómica é delegar a súa xestión nos concellos incumprindo a propia lei de base. Nós vimos asumindo entre un 50 e un 60% do custe do servizo de axuda no fogar. Temos que dispoñer de máis de 260.000 € só para ese servizo, cando é unha competencia autonómica que debera financiar ao 100% a Xunta. E hai moitos outros aspectos como os servizos sociais, a xestión da pesca recreativa….
A segunda cuestión á que facía referencia o PP nas súas redes é o suposto mal estado dos cemiterios municipais. Están en mal estado os cemiterios?
En Bueu hai catro cemiterios ademais do pequeno de Ermelo, e teño que recoñecer que en ocasións non están como deben de estar. Eu estiven o 2 de maio e a verdade non quedei nada satisfeito do seu estado. A persoa que temos asignada para limpeza non está cumprindo. Temos un problema de falta persoal que é necesario resolver
E a última discrepancia que puiden encontrar nas redes do PP era sobre o modelo de xestión da piscina. Cal é a túa opinión?
O PP pasou de ser un negacionista da piscina, a cuestionar á súa situación e a criticar o seu modelo de xestión. Eles dicían que o modelo ía supor unha ruína económica para o concello e resulta que pechamos o exercicio 2021 con superávit e remanente positivo de tesourería nun momento extraordinariamente delicado cuns incrementos de custes brutais. A pesar de todo fomos capaces de prestar o servizo da piscina. E teño que dicir que estamos a traballar con intensidade para que despois do verán poidamos ter a documentación definitiva e poder arrincar coa licitación do contrato de servizos e desenvolver todas as posibilidade que ten ese centro deportivo
Como está a situación da veciñanza de Ons?
O paso do tempo demostrou que aquilo que dicía a Xunta sobre os seus medos ,ou non sei se escusas, referentes a que a afluencia de xente ao longo de toda a tempada estival superaría todos os límites soportables para a sostibilidade da illa non era certo. A razón tíñaa a veciñanza e o Concello. E aquelo que pretendía a Xunta de limitar o acceso aos nativos da illa era disparatado. Agora o que queda é que se recoñeza dunha vez o dereito de propiedade aos lexítimos propietarios das vivendas.
Agora mesmo os insulares teñen algún tipo de restrición?, ou poden ir ás súas vivendas con liberdade?
Poden ir ás súas casas con total liberdade.
As relacións co Museo Massó están mellor Félix?
Son relacións institucionais de respecto e lealdade. Este museo é moi importante para o Concello de Bueu. É propiedade da Xunta de Galicia, teñen un proxecto anunciado de máis dun millón de euros para a súa ampliación e nós cuestionamos a súa ambición. Nós cedémolas parcelas hai uns anos, case 4000 m de terreo para unha ampliación coa que estabamos máis de acordo, onde se recuperaban espazos para poder traer para Bueu pezas que están noutros museos. Cedemos os terreos para unha ampliación e non queremos renunciar a ela.
Nas eleccións do 2019, aínda que conservaches a alcaldía, perdestes unha importante cantidade de votos e a maioría absoluta. Naquel momento comentábache que se percibía nas rúas de Bueu certa pulsión referente á existencia dunha suposta relaxación do teu Goberno. Dicíasme que non era real, pero que eras consciente da existencia dese estado de opinión e que ías tratar de poñer todo da túa parte para que desaparecese .Hoxe, 4 anos despois, xa non percibo esa pulsión, xa ninguén me fala de que estás relaxado. Que pasou?
Cada etapa é diferente. Chegamos ao ano 2019 cometendo erros importantes e eu era consciente diso. Aínda que cometésemos estes erros tampouco era xusta esa percepción da cidadanía. Recoñezo que non asumín certos riscos durante eses anos para poder desbloquear situacións de bloqueo e algunha cuestión interna do funcionamento do grupo que foi o que nos fixo perder esta confianza. Consciente de todo iso, tiven que dar un paso á fronte e asumir desde o meu convencemento algunhas competencias como a xestión da área de obras e servizos, co risco que isto representa.
Podo dicir que a situación mellorou nestes anos, pero non significa que non haxa problemas. Seguimos tendo necesidades, hai cousas que temos que corrixir e seguir mellorando. A dinámica e distinta. O alcalde agora ao ser responsable de servizos e obras ten que estar a pé de rúa, en contacto coa cidadanía e non aquí encerrado no despacho todo o tempo. Recuperei esa canle máis directa e en contacto coa cidadanía para poder explicarlle o esforzo e o traballo que se realiza.
Cales son as principais actuacións que desenvolvestes no concello nestes 3 anos?
Acabamos a rexeneración urbana de Ermelo, este mes remátase a restauración na Carpintería de Ribeira. Tamén fixemos un gran investimento na piscina municipal. Investimento de Mobilidade Urbana na Rúa a Pedra. Este ano culmínase tamén, despois de 15 anos de traballo intenso, a recuperación dos areais de Bueu que algúns estaban moi deteriorados en canto á calidade das súas augas. A Banda do Río, este verán poderemos levantar as bandeiras azuis do Concello. Cando cheguei no ano 2007 á alcaldía, Bueu quedárase sen bandeiras azuis. Poder converter unha praia urbana que practicamente hai 15 anos era unha fosa séptica , a día de hoxe poidamos dicir que imos levantar alí unha bandeira azul este verán, creo que é a demostración dun traballo comprometido co medio ambiente e coa veciñanza. Podo afirmar que a praia por fin é do pobo.
As relacións cos teus socios do ACB son correctas?
Absolutamente. Creo que a experiencia mutua é excelente. O traballo que se realiza é de lealdade total e recíproca.
ACB é unha escisión do BNG dunha época moi traumática para o nacionalismo en Galicia. Non é posible recompoñer a unidade do nacionalismo en Bueu?.
Saben que eu estaría encantado. No seu día, no ano 2003 dixen que con esta ruptura o concello máis prexudicado ía ser Bueu e demostrouse co tempo.
E ves esta hipótese da reunificación verosímil?
O que podo dicir é que me gustaría que fose así.
Tes decidido presentarche como candidato á alcaldía para as próximas eleccións do ano 2023?
Tivemos un acto na Praza Massó onde lle trasladamos á cidadanía que o BNG quere poñer en marcha un novo proxecto onde queremos abrir un tempo novo e transformador para a próxima década. Despois do verán faremos un debate participativo a nivel social para pór en marcha este novo proxecto. Esta decisión vai supoñer comprometerme a iniciar e protagonizar unha nova etapa e tomei a decisión de volver conversar coa militancia e dar os meus argumentos para poder ser o cabeza de lista, se así o deciden os meus compañeiros e compañeiras.
Cales son as túas expectativas, recuperar a maioría absoluta?
A miña preocupación sempre foi estar á altura do cargo e procuro ser digno cada día para o cargo. A miña ambición política é seguir contando co apoio e a confianza da maioría máis ampla posible de veciños e veciñas.