Estamos sen médicos, a culpa é de Vladimir Vladimirovich

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Centro de Saúde de Moaña

A lamentábel situación da sanidade pública galega non é ningunha novidade. A estratexia de deterioro impulsada polo Partido Popular desde a Xunta está sendo un éxito e está acadando todos os obxectivos: desmantelamento e desvío de recursos á sanidade privada.

Eles están en política para mirar polos intereses das grandes empresas ás que serven como fieis lacaios sen importarlle as consecuencias para os petos e a saúde do “populacho”. Non lles pesa na conciencia que non haxa ambulancias abondo para atender as urxencias ou que as listas de agarda na atención primaria sexan de semanas e na especializada de meses.

Por se isto non fose abondo, estes días tivemos coñecemento dun feito moi grave, o centro de saúde de Marín vai permanecer fechado polas tardes do 1 de Xullo até o 15 de Setembro. A escusa, se pode habela, é que isto ven provocado pola falta de persoal médico. Persoal falta en Marín e en case todos os centros de Galiza desde fai tempo sen que o Sergas faga nada por evitalo. E non podemos esquecer que o centro de saúde de Seixo continua ao 50%, cun só médico de dous que debería ter.

Á nosa beira a situación non é mellor. O venres 1 de xullo realizouse unha ocupación simbólica do centro de saúde de Moaña para reclamar a reposición de médicos e do servizo de urxencias trasladado a Cangas coa escusa da pandemia. En Cerdedo deixaron varios días a localidade sen ningún facultativo. En Raxo tentaron botar o feche e deixalos sen asistencia durante quince días

A atención hospitalaria vai polo mesmo camiño. As urxencias do Hospital Montecelo levan unha tempada vivindo episodios de saturación e colapso. As listas de agarda para as operacións cirúrxicas cada día son máis longas, chegando a non cumprir os prazos legalmente estabelecidos para realizar as intervencións, inclusive das patoloxías máis graves.

Os profesionais deste hospital saíron publicamente denunciando o inxustificado feche de camas e o desvío de pacientes ao Salnés, acusando á xerencia do centro de facer isto para aforrar cartos. Unha práctica habitual do Sergas en temporada estival, como se no verán non houbera enfermidades, que deixa en precario a atención hospitalaria.

E mentres todo isto acontece os responsábeis políticos, os que deberían estar buscando solucións a todos estes problemas, adícanse a pasear polas rúas de Marín en moto. Como se fose un motorista dos “Ángeles del Infierno”, Rueda veu por Marín esnaquizando todo ao seu paso.

Sí, dous días despois de fechar o centro de saúde pola tarde, e despois de cargarse a Escola de Ensino Infantil Virxe do Carmen, o Presidente Rueda, coa Alcaldesa Ramallo de paquete, déronse un garbeo pola vila e visitaron a concentración de motos para sacarse unhas boas fotos e ter uns titulares xeitosos de precampaña das municipais.

Quedounos claro que o Presidente Rueda manexa ben a motocicleta, como Arnold Schwarzenegger en Terminator. O que non está tan claro é cando traballa, cando está no despacho, pois todos os días está presente no telexornal inaugurando aquí, prometendo cartos alá… Debe ser que o cargo de presidente ten moito de actor ou presentador televisivo para encher o NO-DO 2.0 en que se transformou a TVG.

Se nós doe unha perna ou calquera outra parte do corpo e non temos médico, se non temos ambulancia que nós veña buscar, se as radiografías tardan un mes en ser informadas, non pasa nada. A Sra. Ramallo danos pan e circo.

Temos de novo á Panorama, a París de Noya, a Festa Corsaria, e este ano o mellor dos artistas do mundo mundial Kiko Rivera, para contentarnos e facernos esquecer que estamos gobernados por “comerciais” ao servizo de fondos de investimento e grandes empresas trasnacionais que fan negocio coa nosa saúde.

E por que non fan nada para solucionar os problemas da sanidade pública galega? Por que non poden. Non poden contratar médicos, ATS ou administrativos por culpa de Vladimir Vladimirovich Putin, de Pedro Sánchez ou do bipartito. Rueda, coma antes Feixoo, sempre ten alguén a quen botarlle as culpas mentres pasea en moto polas rúas de Marín.

Marín, 8 de xullo de 2022