Eu quero unha patria liberada

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Facendo memorias, volvín a aquela celebración da Patria Galega na que atendín arengas daquela festa na Quintana que hoxe lembro. Atendín aos artigos e debates, lin os resumes que na prensa fixeron. Falaron dos presos políticos cataláns, dos exiliados e inmigrantes, da Audiencia Nacional –tan escura niso dos dereitos humanos, das forzas e corpos de seguridade e os seus tan cuestionados métodos, as investigadas torturas con modos sempre tan fóra de lugar. Falouse dos temas de estado, rebelión, referendos, malversación de fondos e de impudor, da monarquía perversa, desproporción, intromisión na liberdade de expresión, os xuízos, as cloacas do Estado… Quedei no frío salouco da omisión cando vin non lembraban aos nosos presos e presas políticas que están detidos sen probas, sen delitos de sangue. Incriminados e atendidos por xurados específicos dun terrorismo, que non sabemos quen inventou e que ninguén percibiu. O esquecemento dos “arenguistas” deixoume pensando que, claro, son tan poucos que non teñen rendemento en votos! Parvo de min, aquilo da “dignidade” era antes! E eu non caín na conta!

Foi e é un terrorismo inexistente que crearon para ter a quen culpar, un silencio-convenio contra algo que non se demostrou. Criminalizaron sen verificar. Aí segue a Lei Mordaza que non damos sacado de riba, a do “_atado y bien atado_” do ditador, tamén as leis de educación que favorecen e afunden aos de sempre. Eu non quero a miña Patria con esas leis e nestes silencios. Non volven contra o narcotráfico por responsabilidades políticas, nin falan desa necesaria independencia para ser quen somos e a propia dos distintos poderes, nin da independencia informativa ou de consumo e enerxética. Como non habemos querer independencia destes tramposos que aparecen en cintas e documentos, claudicados ao abuso e nas latrinas putrefactas, amparados nesta situación que nos produce tanta amargura? Amargura materializada en dor e da man do paro, da miseria, abusos, falta de igualdade, desprotección, falta de servizos básicos, horarios abusivos, hipotecas de presente sen futuro, coa desmemoria, a globalización tecnolóxica en trato infame, eléctricas, carburantes, farmacéuticas, a chulería dos bancos e grandes empresas, a crise de natalidade, os xogos políticos que faltan á verdade e á funcionalidade nos foros parlamentarios, cos tantos que chupan sen aportar solucións cribles para a Patria. Sempre din que son problemas de cartos e orzamentos. Non, é falta de vontade. Eu aínda soño unha Patria para celebrar e celebrarnos, na Nosa Lingua, lonxe da vergoña que nos dan aqueles que seguen apropiándose do que non é deles e manipulan a verdade para sacar rendibilidades. Eu soño
unha patria liberada!

Non acordan que nos desangramos, que o rural perde xente, que ardemos, que desaparece, e nós con el, que nos come a compracencia, que “a lingua nosa” está esfarelada e entre apósitos de “hablemos español”, que a dereita extrema avanza. É falta de vontade. Non ven algunha alternativa que non sexa este suicidio? Se non a ven -calquera deles- que marchen! Tempo tiveron e deben asumir o seu fracaso.


Fixéronnos perdedores da razón que nos asiste. Sobran políticos sen ferreñas, dos que ocupan sitios e cegan prazos, incapaces de artellar “xuntos” unha solución de orgullo e dignidade. Non se trata de seguir esnaquizándonos máis, trátase de confluír, de apostar polo pobo antes que siglas e intereses particulares. Lonxe dos figuríns caducos que, fóra de cartel e na mansedume das sombras, non pintan nada.

Celebraremos, todos os días do ano, esta Nosa Patria e Matria que non consigue acougo. Si, na dignidade dos soños e volvendo sempre polo Noso. Actuando, sabendo que Nación é sobre todo acción, aposta de futuro. Non abondan as palabras, cómpre ter vontade e obras