Os mortos que ninguén chora

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoan Alonso. Correspondente de A Nova Peneira en Euskadi
Xoan Alonso. Correspondente de A Nova Peneira en Euskadi

¿Onde van os mortos que ninguén chora, cubertos de area, coma baléas desnortadas, que levan o peso do universo nas súas costas e o medo anodado nos seus osos? Omar naceu cos ollos ateigados de area e un axóuxere de estrelas na man.

¿Onde van os mortos que ninguén chora? Os mortos que atoparon as portas e as fiestras da esperanza fechadas e arames afiados nas praias paradisíacas dunha Europa vella, re-inventada.

¿De quen son as bandeiras inventadas que ondean como merlos engailados nos mastros da verghonza pendurados, asubiando cancións desafinadas?

Dime, ¿de quen son?

Omar xamais vira o mar cos seus ollos desérticos. Por moito que lle falaran del, non era quen de imaxinar tanta auga xunta. A imaxinación ten uns límites e moitas veces as linguas non teñen palabras, nin metáforas, nin sufixos para expresaren o que vemos cos nosos ollos.

Deixen de tratalos coma gando aos que fuxen da terra e da morte sen medo ás pedras do camiño, á fame, ó frío, ó ouvéo dos homes.

A Omar gustáballe facer buracos no chan e acubillarse alí dentro. Dentro da terra. Apegado ás raíces das árbores que erguían os brazos cara o ceo coma quen lle pide axuda ós deuses e non atopa máis resposta que o silencio.

¿Onde van os mortos que non son nosos e que morren diariamente, que nos morren, pendurados e afogados nas portadas da prensa escrita e nos aramados das redes sociais?

¿Onde van os mortos que non choro, porque non son meus e porque xa deprendín a chorar só polos meus, pola xente da mesma cor de pel ca miña e a asinar papeis

nas campañas en prol do gato do país e da formiga autóctona?

Omar non precisaba do mundo para soñar ata que o medo, a guerra e a fame o empurraron a fuxir na procura dunha terra máis aló da curvatura terrestre do horizonte.

¿De quen son as palabras soterradas, o sangue e os berros silenciados dos que chegan pola morte tatuados ás costas dunha Europa noxenta e desmemoriada?

Unha Europa que non se cansa de cometer os mesmos erros, as mesmas barbaridades por moitas xeracións que pasen.

Omar non acreditaba que o mar fora tan grande e que un non puidera respirar baixo das ondas escamadas, coma facían os peixes que se arremuiñaban onda el, aló no fondo, lonxe do universo.

Omar erguía os seus brazos cara o ceo, coma un árbore que lle suplica a todos os deuses da terra que chova, pero non atopou máis resposta co silencio.

Nos mastros alumea afiado arame de espiño, coma coitelos envelenados, coma as choivas que emporcan os camiños.

Europa de costas ao refuxiado. Europa de costas ós seus veciños. ¡Merda de Europa, culpable e aliada!. Maldita Europa de bandeira e guerra. Cego o que non ve. Cego o que non lembra.

Omar morreu coma naceu, cos ollos ateigados de area e un axóuxere de estrelas na man.

¿Onde van os mortos que ninguén chora?