O vello peirao, patrimonio marítimo de Marín

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

Nun tempo pasado se entrásemos en Marín desde Pontevedra poderíamos circular pola Avenida de Ourense e estender a man para tocar o mar. Poderíamos ver praias e estruturas de madeira onde descargaban o peixe para as conserveiras. Poderíamos ver conserveiras, hoxe non queda ningunha en Marín.

Nun tempo anterior paseabamos polo vello porto comercial, hoxe o Porto de Marín é como a fronteira dos EEUU e México rodeado dun valado infranqueábel para os habitantes do noso concello que nós impide ver o mar. Un porto que medrou a base de recheos e máis recheos, afastándonos pouco a pouco do mar.

Se non tiveramos bastante con todo isto, a Autoridade Portuaria de Marín-Pontevedra, emulando ao estado sionista de Israel, agasállanos cun muro de contedores baleiros diante da Alameda de Marín. O progreso era iso, cambiar barcos pesqueiros por estruturas oxidadas.

Hoxe só temos unha pequena xanela que nós permite ter un mínimo contacto co mar. Un peirao histórico encaixado entre a Escola Naval e o valado da Autoridade Portuaria onde aínda poden pasar os seus días pequenas embarcacións.

Decisións políticas e económicas sumadas ao falso progreso e a modernidade mal entendida foron cambiando Marín para peor, estragando todo vestixio do pasado. Para algúns as nosas pedras, como o noso idioma, non teñen valor.

Fomos perdendo todo o noso patrimonio marítimo e esquecendo o noso pasado mariñeiro. Quedamos sen conserveiras, sen a lonxa vella, sen estaleiros de ribeira. En Marín desfacémonos do noso pasado derrubando o Priorato e a Villa Echegaray, arrasando petróglifos e castros.

Cando en moitos concellos galegos medran os museos do mar en Marín desde o goberno municipal fan o imposíbel por afogalo. Mentres Bueu, Moaña ou Poio valorizan a cultura mariñeira e as embarcacións tradicionais recuperando estaleiros e facendo encontros, o goberno de Marín gasta os cartos na Panorama.

Agora queren desfacerse doutra mostra do noso patrimonio mariñeiro, o derradeiro vestixio dun tempo que non voltará, por obra e graza dunha promesa electoral do PP e a pasividade oposición. Como en Marín non temos praias, van trocar un valor patrimonial por unha piscina de auga salgada.

Mais non todo está perdido, recentemente foi constituída unha plataforma para defender o vello peirao e o noso pasado mariñeiro na que se integraron diversas asociacións do noso pobo.

Temos unha oportunidade de conservar algo do noso pasado para as xeracións futuras, para manter a nosa identidade marítima e o vello cemiterio de barcos. Por que “Nostra in mare fortuna”.

Marín, 4 de abril de 2023.

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago